ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

19/06/13

O diario vermello de Carlota

Comentario de Martina Domínguez



O diario vermello de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia







A primeira vez que vin este libro foi nunha clase do primeiro trimestre no blogue "Trafegando Ronseis". Cando escoitei como un rapaz dicía: "ese libro é unha porcallada e a rapaza unha guarra" pensei que o tiña que ler de inmediato. De aquí a alá pasou bastante tempo e cando despoi o atopei na biblioteca de casualidade non dubidei en traelo á casa.
Só tardei 3 días en lelo. Enganchoume totalmente dende as primeiras páxinas. E pareceume un libro estupendo. As cousas que máis me gustaron foron:
- Carlota como narradora. Ela é unha rapaza coa que me identifiquei moitísimo. Eu tamén tiña experiencias e curiosidades comúns a ela e creo que iso foi un importante factor para que me enganchase tanto a lectura do libro.
- Toda a información que dá. Sigo sen entender por que a día de hoxe non se nos fala de sexo dende pequenos. Se nos proporcionasen na casa e na escola toda a información dende a curta idade sobre ETS, sexo, sentimentos, sexualiadade, etc estou 100% segura que os embarazos e o contaxio de enfermidades se reduciría máis da metade.
Ademais poderiamos elixir mellor á hora de tomar as decisións xa que seriamos conscientes do que arriscamos e dos perigos que pode haber.
Sabendo todos os problemas que existen no mundo relacionados dalgunha maneira co sexo e sobre todo coa falta de información non sei como segue a ser un tema tabú e non se trata en tantos lugares.
- A mentalidade aberta coa que está escrita o libro (a cal creo que todos deberiamos acadar). En "O diario vermello de Carlota" non hai ningún tipo de prexuízo. Simplemente conta as realidades. Eu estou totalmente de acordo coa forma de pensar da protagonista. Nesta sociedade xúlgasenos por todo a todos: o físico, a forma de ser, os gustos, as prácticas que realices...
Neste aspecto o que máis me fixo pensar foi o tema sobre os transexuais onde explicaron o incomprendidos e marxinados que están.
- A historia de Carlota e Flanagan. Gustoume porque foi algo novo."Sexo sen compromiso na adolescencia". Rompeu cos estereotipos que tanta xente ten sobre as nenas (non nos interesa o sexo, sempre nos namoramos nós, buscamos sempre relacións estables...) e sobre os nenos (non se namoran, non senten nada estando coas rapazas...).
- O que transmite. A min persoalmente ensinoume moitas cousas. Ademais, resolveume dúbidas que tiña e deume nova información que me será e me é de valor.
Finalmente só dicir que este é un libro que recomendo totalmente. Quizais hai quen pense que unicamente ás rapazas da miña idade, pero non, a todo o mundo, adultos, persoas maiores, nenos, nenas, calquera.

Sen comentarios