Comentario de Paula Gamallo
Cochos
Vidal Bolaño
Sotelo Blanco
Mediante unha curta obra teatral, principalmente monologada, o autor
deste libro expresa de forma metafórica, na súa maioría, unha serie de
realidades da sociedade de hai uns anos e tamén de hoxe en día.
Creo que o tema princicipal son as condicións infrahumanas polas que
tiveron que pasar moitos emigrantes, sobre todo nun país como Alemaña, que é ben coñecido polos seus abusos de poder e as inxustizas que
cometían con persoas de diferentes culturas ou opinións.
O lugar no que mora o protagonista descríbese dun xeito repugnante e
incluso nalgúns momentos incompatible coa posibilidade de poder
sobrevivir nesas condicións . O símbolo clave de toda a obra é a
porca: Sebas fálalle dun xeito aberto; dende a loucura si, pero cunhas
conclusións verdadeiramente interesantes.
A obra amósanos o carácter do personaxe, alguén que buscaba unha
mellor vida para a súa familia, cunha visión un tanto machista e algo
atrasada da realidade pero valente, moi valente. El atribúe actuar
deste xeito, arriscando incluso a súa vida, ao feito de que chega un
punto no que todas as persoas precisan facer o que realmente queren
sen mirar cara as consecuencias que iso implica. Sen dúbida, unha gran
verdade na que todos matinamos algunha vez.
Na miña opinión, o libro quere mostrarnos ata onde somos capaces de
chegar pola nosa liberdade e ata que punto dependemos da rutina da
vida cotiá. Fálase do moito que traballamos, do que abusan de nós os
nosos superiores e dese ir e vir continuado ao que estamos sometidos.
Pero pregúntome: é realmente preciso tanto esforzo e tanto sacrificio?
Os seres humanos nacemos, medramos, reproducímonos e morremos, somos
case como animais, coma os porcos, por exemplo. O noso gran dilema é
que, a diferenza deles, podemos utilizar a liberdade de pensamento,
de formularnos incógnitas e tentar dar solucións a elas. Na miña
opinión perdemos demasiado tempo preparándonos para a vida e cando nos
damos conta, xa pasou. Está claro que o saber non ocupa lugar, pero
como dicía, a nosa capacidade é o pensamento, que na maior parte das
veces provén de sentimentos cara algo ou alguén. Por iso é preciso
facer fincapé nos nosos sentimentos, disfrutalos, e sobre todo,
valoralos. Somos os únicos seres capaces de sentir verdadeiramente.
Polo tanto, penso que deberíamos aproveitar este don.
Debo dicir que probablemente non cheguei á conclusión total do libro e
que non fun capaz de desgranalo completamente. A pesar da súa pouca
extensión, ten un contido moi amplio e variado, trata temas moi
significativos para a sociedade pero a súa comprensión require pararse
nos contidos e pensar ben no que se está a ler . Sería necesaria outra
lectura para sacarlle o máximo proveito. Aínda así, é orixinal,
gustoume.
Sen comentarios
Publicar un comentario