ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

08/11/12

Os fillos do mar

Comentario de Paula Gamallo


Os fillos do mar
Pedro Feijoo
Xerais




Todo comezou cunha intrigante historia na que un home corrente cunha vida sumida a normalidade (aparentemente), se viu envolto na reconstrución dunha obra antiga,pertencente a unha familia chea de misterio e preguntas sen resolver. A cousa desembocou nun longo percorrido a través do tempo e da cultura no que estiveron presentes ingleses, piratas, franceses… en diferentes momentos históricos. A trama foise sucedendo ata dar paso á España da Guerra Civil na que incluso os nazis
interviñan para dar triunfo aos seus obxectivos. Daniel, ou Eneas, foi o gran autor e pensador do que sería o plan máis perigoso, e á vez produtivo, na etapa que se sucedía naquela época de represión. A mercancía de Troia, motivo de resurreción de moitas vidas na época franquista.
Simón é guiado pola fascinación que sente por Mariña, unha rapaza valente e resolta que loita por coñecer todos os detalles, da que foi a dobre vida do seu pai e dos dous fies que o acompañaron na súa aventura. Un deles, obxecto da presenza de Simón nesta historia. Xuntos conseguirán cumprir os obxectivos dos seus antepasados. Arriscando as súas vidas , e tamén as vidas das persoas que os rodean.
Chamoume a atención a continua descrición da paisaxe da costa galega ao longo do relato. Tamén, a orixinalidade á hora de mostrar a valentía dalgúns para reducir o sufrimento dos que eran asoballados pola ditadura.
Sobra resaltar a evidente sensación de intriga e suspense que evoca este libro no lector. Pode que, nalgunhas partes, o relato sexa máis dificultoso á hora de lelo pero hai un claro esforzo por parte do autor, na busca de todos e cada un dos detalles que o compoñen.

Sen comentarios