ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

29/11/15

Unha puta percorre Europa

Comentario de David González Sampayo


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia



Wow!, eso foi o que dixen nada máis rematar este libro de Alberto Lema. Esta foi a primeira novela que lin deste autor e impresionoume e encantoume, e como consecuencia disto, anímome a ler máis novelas deste escritor. Os motivos principais polos que me gustou moito esta lectura foron a acción e os temas ilegais e relacionados coa prostitución, nos que se centra esta magnífica obra. Por outra parte, nesta obra, as súas protagonistas defenden o feminismo; e chegan ao punto de asasinar aos que non respectan esta ideoloxía. Sen dúbida, de todos os libros optativos que lin ata agora, este foi o meu preferido. Os motivos que fan que este novela me encantara son a intriga e emoción da historia; o realismo que esta posúe e o doado que é de ler e entender. Esta obra parecéuseme a un libro que lin o ano pasado, "A punta de pistola", non só pola súa temática; senón, porque en ambas novelas, os seus respectivos autores, enlazan e fusionan, de maneira excelente, dúas historias nunha; xa que nuns capítulos cóntanse as investigacións da policía para atrapar ás "Putas Asasinas", mentres que noutros fragmentos, cóntanse a vida e accións destas. A pesar de que me gustan os libros breves, esta obra é todo o contrario, gustaríame que fose máis extensa. Eu recomendo ler este libro.
Nesta obra cóntase a historia dunha parella de lesbianas feministas, Ada e Luz, que se fan pasar por prostitutas e matan a todos os clientes que as contratan para manter sexo a cambio de diñeiro, na defensa das mulleres que exercen esta profesión. Ao lado do corpo da persoa á que matan, deixan unha tarxeta na que aparece escrito:" Putas Asasinas". A súa terceira vítima é o fillo dun narcotraficante moi perigoso, que non as deixará en paz. Este narco contrata uns sicarios que matan a unha amiga de Ada, por non dicirlle quen son as mulleres que asasinaron ao seu fillo. Un dos obxectivos desta banda é conseguir que todas as noticias internacionais se centren nelas, cousa que conseguen. A policía e o goberno intentan acabar coas "Putas Asasinas", pero non o conseguen. Estas fundan unha páxina web, a raíz da cal se crean suborganizacións desta parella de feministas ao longo de Europa, Asia e América.
O título está perfectamente relacionado coa historia, xa que a raíz da parella de feministas xorden pequenas células ou filiais das "Putas Asasinas", que seguen os pasos desta parella de lesbianas radicalistas. Por outra parte, os personaxes da historia gustáronme pola súa ampla descrición física e moral, ao igual que a ambientación na que se desenvolve a historia.
O final da historia entendino tras darlle moitas voltas e buscar información na rede. O que non me cadraba do final era que na penúltima páxina se narrara como morre Luz no tiroteo e se detén a Ada, mentres que, na última páxina se conte como as dúas se reúnen e se bican. Tras informarme decateime de que na última páxina o que se conta é como imaxinaban as asasinas que ían saírlles as cousas.

Sen comentarios