ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

05/07/14

Corredores de sombra

 Comentario de Mariña Castro


Corredores de sombra
Agustín Fernández Paz


Esta é unha das novelas de Agustín Fernández Paz que máis me engaiolou, pola intriga que empapa as súas páxinas e as ganas (case desesperadas)  que provoca no lector resolver o misterio que agocha un cadáver do pasado.
Non hai heroes irreais nesta historia, só os retratos en sepia de mozos que viviron nun cru pasado, que parece tan afastado e esquecido.
A historia é narrada de xeito moi verosímil e os personaxes teñen esa falta de humanidade que os fai tan humanos. Esa capacidade de mirar cara a outro lado para evitar que o seu "reinado" se desmorone.
O tempo pasa, pero os recordos perduran. Os soños truncados, os amigos perdidos, as enemistades formadas...
A nosa protagonista Clara dedicará o verán a tratar de resolver o misterio do morto que leva no faiado do pazo da súa acaudalada familia máis de medio século.
Vivimos con ela o risco que corre na busca de probas e historias, o afastamento de seus pais, o descubrimento do primeiro amor...
Chegas a collerlle cariño despois de todas esas vivencias, pois ela non quere ser coma o resto das neniñas ricas da vila. O seu apelido non lle permite xuntarse con calquera rapaz, nin portarse inadecuadamente, pero ela é unha inconformista que está disposta a chegar ata o final do espiñoso asunto no que se veu envolta a súa familia.
Tantos segredos enterrados, tantas preguntas sen resposta, eses amores que se esvaecen co tempo, esas atrocidades que nunca deberon quedar impunes son os que te van enganchar a este libro.
Moi recomendable!

Sen comentarios