ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

28/03/14

O club da calceta

Comentario de Sonia Framiñán

O club da calceta
María Reimóndez
Xerais


  Comezo dicindo que este libro o empecei a ler tan só por recomendación dunha boa amiga e que non pensei que me fose sorprender tanto nin gustarme como me gustou.
  Ben, ao comezar a ler o libro non tiña nin idea do que ía tratar, xa que ao principio non ten nada que ver co que realmente agocha máis adiante. Pensei nunha historia coma tantas outras, pero ao ir lendo foime convencendo cada vez máis de que ía ser un libro realmente interesante.
  Para empezar, a análise que vai facendo de cada personaxe, cada un á súa maneira, coa súa vida e os seus problemas e a forma en que se conectan unhas vidas con outras a través duns simples cursos de calceta paréceme do máis sorprendente. Por outro bando está a situación de cada muller en particular, todas levadas polo mesmo fío, o machismo. As cinco teñen influencia dunha figura masculina coa que, dalgún modo, buscan rebelarse.
  A historia da tía Davinia, presente dende o principio, resultoume algo curiosa. Tamén, sobre todo, sorprendéronme as historias de Luz e Rebeca.
  Gustoume ver como cada unha delas, e ao mesmo tempo, en grupo conseguiron grandes obxectivos despois de moito loitar por eles e estar cansas xa. A complicidade entre elas pareceume marabillosa.
  Para rematar recomendo este libro a todo o mundo porque, na miña opinión, vale moito a pena lelo.

Sen comentarios