ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

03/01/14

Que me queres,amor?

Comentario de Sonia Troitiño Loureiro


Que me queres,amor?
Manuel Rivas
Galaxia



Que me queres, Amor? resultoume un libro moi curioso. Cando me puxen fronte a el coa intención de intentar descubrir cal podería ser a historia que me esperaba, enseguida se me veu a mente que a palabra amor sería ben importante no seu argumento pero como puiden comprobar, enganábame. A pesar de que a min non me acostuman gustar aqueles libros que contan con máis de un relato con non demasiada relación entre cada un deles, este libro resultoume realmente interesante. O título foi algo que me atraeu moito para animarme a iniciar a miña lectura, e a pesar de non corresponderse co que eu esperaba nun principio, resultoume moi fácil e entretido e con unha comprensión moi sinxela. A pesar disto, debo dicir que o comezo de certos relatos resultoume un tanto confuso pero non tardei en adentrarme de cheo no fío da historia.
Todas e cada unha das dezaseis narracións polas que está formado este libro teñen algo que as fan únicas e singulares pero con todo isto, de entre elas, gustaríame destacar aquelas que, ao meu parecer, me resultaron máis interesantes. Sen dúbida o meu preferido é A lingua das bolboretas: un relato que fai referencia ao filme co que comparte este mesmo nome e que ambos os dous me encantaron. Tamén debo resaltar outros que tamén me gustaron moito como son: Carmiña, pola súa linguaxe tan característica, A moza do pantalón pirata, polo seu final tan inesperado, Conga,conga polo seu argumento tan pouco convencional ou Debuxos animados pola súa orixinalidade.
Ademais, quero destacar outra cousa que me encantou deste libro. Esta foi o seu continuo uso desas expresións galegas tan características  que fan que o lector se identifique moito máis co seu contido e coas que se conseguen certas escenas verdadeiramente enxeñosas e divertidas. Soamente dicir que este é un libro realmente interesante e moi fácil de ler que conta cunha gran cantidade de relatos de distintos tipos para todo tipo de gustos e preferencias.
Xa para rematar dicir que recomendo este libro a aquelas persoas que lles guste o humor galego e as historias cotiás.

Sen comentarios