ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

03/12/13

Trampa de luz



Comentario de David Cabaleiro


Trampa de luz        
Agustín Agra
Xerais


Como moitas outras veces na literatura xuvenil, a protagonista é unha adolescente. Irene é unha rapaza curiosa, á que lle encanta sacar fotografías de canto a rodea para despois tratar de recoñecer a súa identidade. A través dela, o autor pretende presentar dun xeito verosímil e meticuloso os nomes e características de moitas árbores, plantas e animais propios do noso ecosistema. E todo isto vai adobiado cun chisco de medo e unhas pingas de fantasía.
Este libro non se parece a ningún dos que lin antes. Non o digo porque non me gustara, senón todo o contrario. Pareceume unha narración moi orixinal, intrigante e detallada. Outro dos moitos adxectivos que a poden definir é enigmática, pois a cada capítulo, a cada paso, cambiaba moito a trama, ata o punto de facela estraña e difícil de entender. Pero a pesar diso, a maneira de mesturar a historia das campás, a do raposo… Incrible. Ademais, como vivimos nunha sociedade cada vez máis castelanizada onde a palabra árbore vale tanto para piñeiro como para cerdeira e castiñeiro, e a palabra becho designa zapateiros, cabaliños do demo, miñocas… que máis se pode pedir que ensinar deleitando?
Recoméndolle o libro a todas esas persoas curiosas con ganas de divertirse, asustarse, rir, aprender… En resumo, que queiran educar a súa imaxinación.
Trampa de luz, un auténtico reclamo para lectores empedernidos!

1 comentario:

Agustín Agra dixo...

David, moitas grazas polo teu comentario. É un placer, ademais dunha auténtica sorpresa, atoparse con lectores tan atentos e intelixentes como ti demostras ser. Unha aperta.