A
evolución de Calpurnia Tate pareceume un libro un tanto especial, nel expóñense
temas da actualidade contando unha historia en pasado, como son a desigualdade
social entre homes e mulleres. Cóntanos a historia de Calpurnia, unha nena de 11
anos que ten 7 irmáns e unha inmensa atracción cara ao descoñecido, apaixóalle a
idea de descubrir cousas novas e quere ser científica, pero non recibe o ánimo
de ninguén da súa familia. É sorprendente tamén como o único apoio que recibe é
o do seu avó co que case nunca falaba pero que foi quen a axudou a adentrarse
no mundo da ciencia e das cousas curiosas que a ela tanto lle gustaban, como a
ela non lle dan o libro de Charles Darwin na biblioteca da vila é seu avó quen
lle axuda e investiga con ela sobre o exemplar do libro “A orixe das especies”
que el mesmo ten na casa, regálalle tamén un caderno para que poida facer as
súas anotacións. Tamén me impresionou como unha das persoas que condicionaban a
desigualdade social fose a mesma nai quen debería ser unha das que a apoiase a
facer o que se propuxera polo feito de que ser muller non implica ser menos,
pero ó contrario, ela quería que a súa filla só aprendese a coser, a cociñar,
aprender a tocar o piano e que atopase un bo marido e traballase para el. Outra
cousa que me chamou a atención e mesmo podo dicir que me gustou foi a crítica
indirecta á sociedade da época, cara ao machismo, en como se di que estaba mal
visto unha muller cunha carreira cando o seu deber tería que limitarse a dentro
de catro paredes, coidar da casa, dos fillos e do marido e realizar todas as
tarefas domésticas, e que tamén na escola en vez de ensinarlle asignaturas
básicas como as que pode ter calquera rapaz ou rapaza da súa idade lle
impartían clases de bordar, calceta, etc...
A
pesar dalgunhas partes que pode que se fagan algo pesadas polo resto penso que
é un libro fácil de ler, non emprega unha narrativa moi complexa e enténdese e
pode seguirse bastante ben o fío da historia. E en fin, que o avó e Calpurnia ó
final da historia fosen inseparables foi outro feito que me gustou do relato. É
un libro bastante entretido e aínda que non é un dos meus preferidos si que o
recomendo e creo que hai xente á que lle pode gustar moito, de feito a min,
agradoume a súa lectura.
Sen comentarios
Publicar un comentario