ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

27/01/13

Tardes con Margueritte

Comentario de Paula Gamallo
 

Tardes con Margueritte
Marie-Sabine Roger
Galaxia





“Tardes con Margueritte” emocionoume dun xeito inesperado.
Germain non é ningún analfabeto,  nin un  ignorante; simplemente non tivo a infancia que el desexaba. Ademais diso, está sometido aos prexuícios que os demais lle inculcan , o que acaba condenándoo a ser o que os demais cren que é. En moitas ocasións as faltas de respecto cara ós demais son, unicamente, métodos de evasión, evasión dos propios defectos de cada un, ou medo a ser vítima de burlas semellantes. Sempre buscamos un branco fácil e, sobre todo, débil.
Hai unha metáfora moi bonita no libro que fala da cultura e de cultivarse. Realmente todo o mundo debería ter a oportunidade de decidir sobre a súa aprendizaxe e sobre as súas metas. Aprender non consiste en chegar ao máis alto senón adquirir ensinanzas dunha forma totalmente voluntaria e amena, incluso divertida. Moitas veces centramos o noso camiño unicamente en chegar á cima pero cando estamos encima, atopámonos completamente sós, sen ninguén con quen gozar a nosa propia satisfacción.
A vida pode dar xiros radicais debido ás persoas que nos rodean e que dalgunha maneira inflúen nos nosos sentimentos. O noso protagonista descubre o valor do amor grazas a Margueritte. Aprende a amar ás mulleres e comeza a entender a razón das diferentes actitudes das persoas segundo os seus sentimentos. O principal motivo? El tamén comeza a sentir, sentir de verdade.
“ Cando volves ter sede, por máis que corras en todas as direccións, xa non hai pozos , tan só miraxes”. O amor dunha nai é o amor máis grande e verdadeiro que calquera pode recibir ao longo da súa vida. Nada nin niguén é comparable a este apego entre proxenitora e descendente, todo o demais son miraxes. Aínda así, de cando en vez, existen pais que non mostran todo o cariño necesario aos seus fillos, ou viceversa, e cando se percatan do tempo perdido , a morte está agardando fóra da porta, xa é demasiado tarde.
Por unha parte temos a alguén que precisa aprender, que comeza a decubrir un novo mundo cheo de inquietudes e de palabras, sobre todo novas palabras. Por outra parte , hai alguén que disfruta descubrindo o entusiasmo de alguén por ese mundo descoñecido para el. O significado das cousas, do pensamento en si, vólvese importante para o noso personaxe , convértese nunha persoa totalmente diferente cun resultado verdadeiramente gratificante. A eiva de Margueritte fai que Germain valore moito máis a sorte que tivo de atopar con esa gran muller e que, ademais,  se involucre moito máis no novo seu papel.
É unha historia tan humana e tan bonita que foi quen de deixarme sen palabras. Ao rematar de ler este libro invadiume unha profunda satisfacción que non logrei entender moi ben, quizais fose a visión da vida que me aportou este libro ou a ensinanza da grandeza do amor que realmente atopamos na sinxeleza.

Sen comentarios