Comentario de Paula Gamallo Carballude
A metamorfose
Franz Kafka
Sotelo Blanco
A
metamorfose é un relato profundamente psicóloxico e realista ao mesmo tempo. A
súa lectura causou en min gran interese. A pesar de ser unha novela de pouca
extensión garda no seu interior conceptos moi importantes sobre a realidade
mesma.
Na
miña opinión, preténdese facer unha enxeñosa crítica da actividade humana a
través dunha metáfora que engloba varios conceptos fundamentais.
A metamorfose comeza no momento
que Gregor Samsa esperta transformado nun insecto, pero realmente as
semellanzas da vida do protagonista coas dun insecto xa eran evidentes
anteriormente. Gregor
estaba sumido nunha profunda rutina da que estaba verdadeiramente farto. Non
lle gustaba o seu traballo e soamente o realizaba por sacar adiante a súa
familia. Aquí temos unha clara comparación na metáfora da metamorfose, a
maioría dos insectos traballan para ao resto do grupo, dunha forma rutinaria e
sen variacións destacables. Polo xeral, a sociedade sométese a actividades ou oficios
que non lle proporcionan benestar ningún, porén, vense na obriga de
“cumprir”. A hipocresía do ser humano, respecto a este tema, é o resultado de
diversas causas, as máis comúns son a necesidade de subsistencia ou o propio medo
a loitar polo que verdadeiramente nos aporta satisfacción.
Outra
ensinanza que sacamos é a referente a comunicación familiar ou apoio mutuo.
Mentres as cousas transcorren con normalidade dentro da familia, establécese un vínculo de
unión forte. Pero cando Gregor sofre o cambio, as cousas na casa
cambian totalmente, todos deciden dar a espalda ao asunto. Grete é a única que dalgunha forma entende a súa situación.
Esta comunicación cesa debido a que ambas partes se dan conta de que Gregor só
desempeñaba un papel de traballador dentro do fogar. Día a día, milleiros de
persoas sofren enfermidades ou atrancos graves nas súas vidas e vense
automaticamente afundidos na submisión e incluso, na fustración absoluta. Son
poucas as que mostran unha actitude positiva ante este tipo de dificultades,
resulta máis sinxelo esquecerse do problema que acadar unha solución a este.
Moitas veces os nosos seres queridos precisan que lle botemos unha man, ou
simplemente que lle mostremos o noso cariño e aprecio; aferrámonos a comodidade, abandoando todo tipo de actitude solidaria cara aos demais, esquecémonos de
que, quizais algún día, sexamos nós mesmos os que nos atopamos nunha situación
de imposibilidade ou soidade.
Para
rematar, creo que a principal idea deste libro provén do momento en que alguén
se esperta unha mañá calquera e descubre o ser no que se “tranformou”. A
metáfora da metamorfose non é repentina, senón que deriva dun proceso lento que
todo ser humano sofre. O verdadeiro Gregor morreu no momento en que se
converteu nunha marioneta do traballo e do diñeiro, a transformación sérvelle
para darse conta do tempo que levaba perdido durante toda a súa vida. A miúdo, esquecémonos
de valorar os detalles que están presentes a redor de nós, non lle damos a
importancia necesaria. Quizais, cando nos damos conta, non sexa tarde; ou pola
contra, xa non exista a oportunidade de disfrutar deses pequenos praceres.
É moi
duro vivir aferrados á soidade cando padecemos algunha eiva que nos impide
empatizar cos demais pero máis duro é verse completamente sós a pesar de
estar rodeados de xente.
Creo que captei bastante ben o argumento do libro. Teño que
dicir que quedei abraiada coa ensinanza que se pode percibir a través da
sinxeleza da metamorfose dun insecto. Non me esperaba que me fose gustar tanto,
que me aportara tanto coñecemento acerca da vida mesma. Espertou en min un
elevado sentido da sensibilidade, plasmaba totalmente o tremendamente
ignorantes que podemos ser en ocasións e o pouco que valoramos o que temos.
Recomendo este libro, en especial, a aquelas persoas que se espertan cada
día e cren que a vida non ten sentido e non hai motivo polo que ser felices.
En nós mesmos está atopar a nosa propia felicidade, pero para iso debemos optar
polo que realmente nos agrada e nos aporta satisfacción e non unicamente pola
rutina.
Sen comentarios
Publicar un comentario