Comentario de Tamara Pereiras Villamayor
Os fillos do mar
Pedro Feijoo
Xerais
Acabo de rematar de ler o libro, e a verdade é
que foi un dos libros que máis me enganchou dos que lin en galego.Normalmente os
profesores mándannos ler clásicos da literatura galega, que na miña opinión, tamén é necesaria para
coñecer os nosos autores e a situación na que viviron e escribiron os seus libros, pero,
para o meu gusto, este tipo de libros son moito máis entretidos.
Gústame moito a maneira de escribir do autor,
con expresións coloquiais e mesmo algún que outro “taco”. Tamén emprega moitos detalles
nas descricións, de maneira que se entende moi ben o léxico. Especialmente, paréceme moi
orixinal a idea de situar a novela en Vigo, xa que
ese feito apórtalle máis realismo á historia,
posto que os lugares nos que sucede o transcurso
da acción existen e podemos facernos unha idea
máis concreta do lugar dos feitos.
En canto aos personaxes, o meu favorito é, sen
lugar a ningunha dúbida, Simón. Quen lle ía dicir a el que sendo un arquitecto que apenas tiña traballo e
levaba unha vida máis ben aburrida, remataría
exercendo de detective para descifrar a
mensaxe do sobre que misteriosamente herdara para
descubrir un gran tesouro agochado na fonte na
que el fora contratado para levar a cabo
reformas. Aínda que, na miña opinión, o maior
tesouro que Simón logrou durante a aventura, foi outro ben diferente.
En definitiva, este libro gustoume moito;
sinceramente, non esperaba que me fose gustar tanto, parecíame bastante extenso, pero as 425
páxinas do libro pasáronme voando.
Sen comentarios
Publicar un comentario