ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

10/11/15

O pobre Tolo

Comentario de David González Sampayo


O pobre Tolo
Inacio
Demo

Este foi o primeiro cómic, en galego, que lin, xa que ata agora todos os que lera foran sobre superheroes. En xeral, gustoume e cultivoume, ademais de posuír un gran realismo. 
A ver, con cultivoume refírome a que nel trátase o tema de que Castelao foi exiliado a Badaxoz e a súa participación no Grupo Nós, e isto axúdache a coñecer mellor a historia deste home. O que máis admiro deste cómic é a lúdica forma en que o autor, presenta uns datos históricos. Lendo este libro aprendes, ao mesmo tempo que te divirtes e pasas un bo rato; o que fai que o libro sexa máis levadeiro. Por outra parte o ilustrador desta obra debe ser un gran debuxante, porque vaia retratos!: cun gran realismo e, á súa vez, sinxelos (no carácter de que non están excesivamente adornados). Este cómic, na miña opinión, non ten nada que envexarlle a outras obras deste xénero, coñecidas a nivel internacional. Por outra parte, neste libro tamén se reflexa o desprezo que se lle tiña e, nalgúns casos, aínda se lle segue tendo aos galegos. Tamén debo dicir que se non fose polo seu gran nivel lúdico, esta obra sería realmente pesada e aburrida, a pesar da súa brevidade.

Nesta obra cóntase que Castelao é exiliado a Badaxoz, debido a súa ideoloxía. Durante a súa estancia nesta cidade, coñece a varios galegos, cos que entabla pronto unha boa amizade. Un destes galegos é de Lalín. Tamén aproveita para facer, de vez en cando, algunha que outra escapada a Portugal, onde merca o libro do "Pobre Tolo", que perde no tren de volta á cidade cara á que fora exiliado, pero que logo volve recuperar. Durante o Nadal, Castelao regresa a Galicia, pero escóndese nunha cidade do norte de Portugal. Un tempo despois recibe unha carta que lle comunica que pode regresar a Galicia, o que o pon feliz. Xa en Galicia é un dos representantes do Partido Galeguista, e dá un mitin en Lalín. Finalmente, uns soldados do partido fascista, entran na vivenda de Castelao e confiscan todos os seus libros.

Eu sempre manifestei a miña preferencia por uns personaxes ben descritos e, para o meu gusto, os protagonistas desta obra son moi simples. Este sería un dos principais trazos, que eu modificaría desta obra. En canto á ambientación, esta é perfecta, xa que está moi ben descrita e detallada.

O final non foi algo que me sorprendese, xa que cando comezas a ler a historia, o desenlace que máis te esperas é co que remata esta historia, xa que nesta época a xente que tiña unhas ideas distintas ás do franquismo, debía escapar; porque os soldados do exército fascista presentábanse na súa casa e detiñan ou mataban a estas persoas. Eu se fose o autor do cómic, inventaría un desenlace ficticio e cheo de fantasía, conseguindo un gran efecto: realidade e ficción na mesma obra.

Ás de bolboreta

Comentario de Montse Vázque Fraiz


Ás de bolboreta
Rosa Aneiros
Xerais
 
 
 
Ás de bolboreta foi un libro que me gustou moito xa que aínda que trate de cousas diferentes (cousa que a min non me soe agradar), cada capítulo contén una historia diferente, xa que estas historias están todas relacionadas entre si.
                                    
O libro vai sobre as historias que contan as persoas que pasan polo bar de Patricia, que llo Ten alugado a Lola e Eusebio. Esas historias son acontecementos que lles ocorren a esas persoas, historias da súa vida.
Por outra parte, están Eusebio e Lola, donos do local onde ten o bar Patricia, que son dous señores maiores, e Eusebio non é capaz de valerse por si só, entón pídenlle axuda a Paricia, pero esta co bar e con todo non pode ocuparse, entón Patricia pídelle a Iqbal, un mozo que pasaba moito polo bar, que os fora a axudar, e foinos axudar.  

09/11/15

Titoán

Comentario de Raquel García



Titoán
Inacio Vilariño
Demo editorial


Grazas a cómics coma "Titoán" podemos achegarnos á vida de Castelao dunha maneira máis divertida e interesante á que non estamos acostumados.
É un libro fácil de ler, o único que pode facer que te perdas un pouco é o salto do tempo que introduce case ao principio xa que se non te fixas podes pensar que ocorre todo no mesmo tempo. Ao ser un cómic e ter moitos pequenos debuxos tamén me foi máis facil de ler xa que me distraía máis mirando para eles.
O libro fálanos do paso do tempo na vida de Castelao, da ida da mocidade e da chegada da madurez. Dinos tamén que el se meteu médico pola vontade de seu pai pero que o seu punto débil sempre sería o debuxo e, entre iso, a caricatura.
Titoán é o home ao que representa o cabezudo que lle encargan facer a Castelao para as festas de Rianxo, inspirouse en Titoán por ser o máis feo de toda a vila. Ao principio ao retratado non lle gusta nada pero logo termina quedando encantado xa que o cabezudo e máis el son idénticos, tanto que ata lle chama "o meu irmanciño".
O paso do tempo na vida de Castelao refléxase en que na súa mocidade está solteiro e logo casa e posteriormente xa ten un fillo. Tamén se ve reflexado en como o cabezudo un día xa deixa de ser paseado polas vilas de Rianxo debido aos estragos causados nel, polo sancristán e polo tempo, e as festas cada vez van a menos, e por último a Titoán tamén lle pasan factura os anos e derivado dunha enfermidade queda tolleito.
Este é un bo libro para aprender cousas da vida dun personaxe histórico de maneira entretida!

Unha lectora fóra do común

Comentario de Ánxela Barrio


Unha lectora fóra do común
Alan Bennett
Rinoceronte


A obra "Unha lectora fóra do común" de Alan Bennet é coma un caramelo agre que pouco a pouco se vai endozando. Con isto quero dicir que vai mellorando páxina a páxina.
Este libro fixo que me metera na súa historia coma se realmente pertencera a ela debido ao entusiasmo que tiña a protagonista ao ler. Provocaba en min una curiosidade por degustar eses libros dos que ela falaba. Gustoume moito a relación que mantiñan en común Norman e a raíña e a súa paixón pola lectura.
Quixera destacar una intervención do dicionario, opsímata: dise de quen aprende tarde na vida, porque a pesar de que a protagonista comezara a ler nunha idade tardía penso que nunca é tarde para comezar algún propósito ou afección, senón que é peor deixalo pasar.
As últimas liñas desta historia deixáronme realmente abraiada pola miña conclusión: a raíña sería capaz de deixar o seu importante posto polo que considera realmente a súa vocación.

08/11/15

Titoán

Comentario de Vanesa Lalín



Titoán
Inacio Vilariño
Demo editorial


Para min o libro Titoán deixoume a sensación de que me chegou a pouco, non sei moi ben por que: por un lado é un libro curto, un cómic , que ten moi pouca letra, lese tan pronto, é tan fácil de entender  que tiven a sensación de comezar e acabar xa. Quizais isto todo pode ser debido a que o libro que lera anteriormente era moi difícil de dixerir, e atopeime con este de Titoán que era todo o contrario, onde o único que nos contaba era como unha especie de biografía de Castelao durante un período da súa vida, que a calquera de nós nos podería pasar. Ás veces o que nós queremos e o que queren para nós os nosos pais non cadra, pero que todo ten solución como foi cando fixo o cabezudo chamado Titoán, que ao final non resultou tan mal .
Non sei moito máis que dicir deste libro xa que me deixou un sabor de boca algo escaso, pero pode ocorrer que se o leo noutro momento sexa diferente.

Agosto do 36

Comentario de Raquel García


 
Agosto do 36
Xosé Fernández Ferreiro
Xerais


"Agosto do 36" é un libro que escollín polo título xa que a min os libros que tratan sobre a dura realidade desenvolta nos tempos da Guerra Civil parécenme moi interesantes.
Lendo este libro podes aprender moitas cousas, entre elas a máis importante é que a xente que fai atrocidades como as que lles suceden aos dous protagonistas da historia Sara e Gregorio non merece chamarse "xente" nin tan sequera "animais" porque nin os animais son quen de facer esas cousas crueis e ruíns. Eu non entendo como a xente pode matarse entre si só por ter ideas contrarias, é algo que de verdade non dou entendido xa que se por algo nos facemos diferenciar os homes dos outros seres vivos é por pensar aínda que moitas veces non fagamos uso desa vantaxe.
O libro reflexa moi ben a sociedade á que por desgraza lle tocou vivir esa época. Era unha sociedade con medo na que cada un miraba por si, isto refléxase cando os falanxistas levan a Sara e a todo o mundo lle dá pena porque xa se imaxinan o que lle van facer pero inda así ningúen se atreve a rebelarse, a ir a rescatala... xa que o único que lles importa e conservar cada un a súa vida.
Gregorio e Sara son dous personaxes que me gustaron moito porque eran os únicos que lles daban que facer aos falanxistas ao non darllo todo así de boas a primeiras, por exemplo pareceume moi honorable e valente que Sara pese a todo o que lle fixeron pasar seguiu aí aguantando ata o final.
Puiden sentir máis aínda o que estaba lendo grazas á precisión descritiva que usa o autor en todas as súas descripcións do espazo xa que así puiden case imaxinar con exactitude onde estaban a ocorrer os feitos e así facer que a historia ainda me parecese máis real.
A única pega que lle poño ao libro é que conte o desenlace dos dous protagonistas ao principio do libro porque cando lin o libro xa sabía o que lles iba ocorrer aos personaxes e non tiña esa esperanza de que aínda se puidesen salvar.

07/11/15

O pobre Tolo

Comentario de Telmo García Castro


O pobre Tolo
Inacio
Demo





O pobre tolo é un libro que me gustou por dúas razóns principalmente.

A primeira é que nos presenta a Castelao de diferente maneira a como o fan moitos relatos autobiográficos cheos de datos e datas e que poden resultarche máis pesados. Ao ter forma de historieta gráfica enganchoume moito. As ilustracións de Iván Suárez  parécenme realistas e á  vez cun toque caricaturesco que se fai gracioso. A nariz que ten Castelao na páxina vinte non ten desperdicio e a boca do crego que ensina o órgano  da igrexa a Castelao e a súa dona é de risa. O estilo dos debuxos encántame.


O segundo motivo polo que me gustou foi pola morriña que hai nos textos. Castelao vivía amargado en Badaxoz e a súa única alegría era acordarse da terra e falar cos galegos da cidade. Os permisos que lle concedían para voltar a Pontevedra non lle chegaban a nada. Gustoume ese sentimento de amor por todo o que tiña que ver con Galicia.

Ademais, co libro aprendín que houbo  desterros coma castigo. Non sabía que iso fora posible e  sorprendeume moito que se perseguise a unha persoa tan pacífica coma Castelao só por ter ideas contrarias ao goberno. A verdade é que quedei abraiado porque trataron a Castelao coma se fose un delicuente. As ideas non deben castigarse, pero si os feitos malos. Pensar diferente non ten que ser un delito.
 

Kitchen

Comentario de Andrea Rodríguez


Kitchen
Banana  Yoshimoto
Rinoceronte




"Kitchen" é un libro impresionante, moi intenso e, sobre todo, apaixoado.
Mostra a verdadeira dor que se sente coa perda dun ser moi querido e a soidade que vai crecendo nun despois dun acontecemento coma ese. Demostra que se pode saír adiante en todas as situacións que se presentan na túa vida e que hai persoas que son de verdade e te apoian se lles importas realmente. Amosa tamén a confianza que se pode chegar a ter con alguén sen coñecelo case de nada.
Os personaxes están moi ben caracterizados e sempre está presente o seu estado de emoción, e aínda que o libro ten poucos momentos totalmente alegres, os poucos que hai disfrútanse moito cando se len.
Tamén hai personaxes, que aínda que sexan secundarios, influencian moito a historia.
En definitiva, foi un libro que me encantou tanto polos personaxes como pola súa historia e todo o que conta.

06/11/15

A neta do Señor Linh

Comentario de Vanesa Lalín


A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte



O título do libro “ A neta do señor Linh “ con só lelo produce en min un sentimento moi forte, penso que é debido o que significan para min os meus propios avós. Pero aquí atopei algo que me conmocionou e que ía moito máis alá dos sentimentos que en mi puideran xurdir cara aos avós, así compredndín a forza que pode causar en calquera de nós ese sentimento que é o amor e o cariño que o señor Linh tiña cara á súa neta, as forzas messturadas coa dozura que xurdiron nel para coidar a única cousa que lle quedou importante, despois dun gran sufrimento como foi perder toda a súa familia, debido a algo tan inxusto como son as guerras. 
Con todo ese sufrimento que apareceu no seu interior sacou forzas para exiliarse, converténdose nunha persoa moi forte onde o único que lle producía esa forza era aquel ser pequeno e indefenso, como era a súa neta, que tiña que coidar a toda costa, incluso coa súa propia vida .
Por outro lado algo moi bonito que atopei nesta historia foi o valor da amizade , que pode chegar a ser moi forte e necesaria entre estes dous homes xa curtidos polos seus traballos conseguirán aliviar as penas e o sufrimento que levaban por dentro, grazas ao seu apoio aínda que os seus idiomas fosen diferentes.
Para min este libro foi fácil de ler, xa que é curto e a historia enganchábame, gustábame saber o que ía pasar coa nena ten pequena, pero por outro lado pareume moi triste e moi real, xa que esta situación seguro que lle pasou a moitas persoas, ou o peor de todo que aínda nos tempos de hoxe poida pasar .

O Pobre Tolo

Comentario de Sergio Quinteiro


O pobre Tolo
Inacio
Demo




Este libro gustoume moito porque relata un pouco da vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Cóntanos que é desterrado a Badaxoz por causas relacionadas coa política. Non estará a gusto nesa cidade. Coñecerá a outros galegos que están alí. Consegue facerse con un libro: O Pobre Tolo, de Teixeira de Pascoares,  que adquire nunha das súas viaxes a Portugal.
A parte que máis me gustou foi cando tivo o soño de que lle cortaran a perna, aínda que máis que soño era un pesadelo.
A parte que menos me gustou foi cando Castelao descubriu que mataran ao seu amigo Pedro Rubio, quizais porque non a entendín moito.
Este libro recoméndollo a aquelas persoas que queiran saber da vida de Castelao, e que queiran meterse no pasado de este home.