ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

05/11/15

Agosto do 36

Comentario de Laura García Moldes





Agosto do 36
Xosé Fernández Ferreiro
Xerais










Agosto do 36 sitúase na época da guerra civil, nunha aldea chamada Abades, e reflexa o dramatismo que tiñan que vivir as persoas da época polo feito de ter uns ideais en contra do estado. Nesta historia, terano que vivir un matrimonio de mestres da aldea, Gregorio e Sara.
O libro engancha dende o comezo, onde conta o destino desgraciado e inevitable de Gregorio, o comunista ao que perseguen, e Sara.
Os encargados de dar o paseo ao protagonista son catro falanxistas. Persoas correntes da aldea, pero dos cales un, Manuel, tenlle rencor a Gregorio por casar coa muller que ama, polo que os demais falanxistas dubidan do seu verdadeiro motivo para atrapalo.
O primeiro que fan os falanxistas é ir a casa dos mestres, pero Sara contéstalles sempre a mesma escusa para protexer o seu marido ao que só ela sabe como atopalo. Aquí comeza a tensión en todas as persoas do pobo, polo medo do que poida ocorrer e de como puidera rematar todo.
Os falanxistas deciden levar á muller para ver se Gregorio saía do seu escondite, pero non o conseguiron. E Sara, a pesar do sufrimento que tiña que vivir, non falaba cos falanxistas e amosaba non escoitar as burradas que dicían.
O libro, nesta parte, faise un pouco lento e repetitivo porque conta os días que pasaron os falanxistas retendo a Sara e esperando a que Gregorio aparecese, os cales eran case sempre iguais.
Ata que, xa cansados de esperar, deciden rematar con aquilo e Manuel utiliza o seu último recurso para atraer a Gregorio, pero este non apareceu.
Ao final, encontran a Gregorio e danse conta de por que non foi na axuda da súa muller.
Este libro faite pensar no inhumanos que podemos ser ás veces cos demais e en todo o que tiveron que pasar algunhas persoas, e as súas familias, por ter unha forma de pensar diferente.

Atila

Comentario de Paula Vázquez Vázquez



Atila
Inacio
Demo




Cando collín iste libro por primira vez, teño que recoñecer que cría que ía ser un libro moi aburrido ademais de porque sexa un  cómic e  porque fale sobre a vida de Castelao. Pero cando por fin me decidín a lelo, sorprendeume moito, polo feito de que non é como eu pensaba que ía ser, xa que as historias sobre a vida de Castelao son intrigante e enganchan moito. A min gustoume moito e tívome moi entretida durante a lectura e incluso ao rematar de lelo quedei con ganas de máis ao ver que xa o rematara. Teño pensado ler os demais libros. 
Non é un cómic aburrido sobre a sua vida, a república ou a guerra civil, nada diso. Sorprendeume moito a medida que o ía lendo e tiña ganas de máis e de máis. Polo tanto quedei convencida de que non se pode xulgar un libro só pola portada ou polo feito de que trate sobre unha persoa tan famosa como é Castelao, xa que fala das súas aventuras e da súa vida, e como non, é un método máis sinxelo de aprender sobre a súa vida.

04/11/15

Titoán

Comentario de Francisco Javier Rivas Santomé


Titoán
Inacio
Demo



Este cómic narra a xuventude de Castelao e o seu paso á madurez.

É un Castelao novo e que quere facer un montón de cousas; é universitario e fai a carreira de Medicina, quere casar e ser artista pero céntrase en estudar a profesión escollida polo seu pai, e que a el non lle gusta.
Encárganlle a creación dun cabezudo para as Festas de Rianxo. Para facelo inspírase nun veciño chamado Titoán, co que terá problemas de inicio, pero que acabará por gustarlle a idea de ter un cabezudo co que rematará por bailar borracho nas Festas.
Foi un Libro que me encantou, polo feito de ser un cómic, xa que acompañando as ilustracións coa historia, a lectura faise moi amena.

Unha puta percorre Europa

Comentario de Raquel García


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia



"Unha puta percorre Europa" foi un libro que ao ler só o título me fixo graza xa que me estrañou que houbese libros que trataran sobre prostitutas. Pero todo o contrario, o libro non fai graza senón que te fai reflexionar sobre a sociedade actual.
Antes de ler este libro eu tamén era das que pensaba que as prostitutas estaban ofrecendo un servizo porque querían, que ninguén as obrigaba. En realidade si que se ven obrigadas pola situación: sen oportunidades dun traballo digno, sen ter como gañar un can...
O que defende este libro é que os homes que contratan os servizos das prostitutas sabendo por que se meten a traballar nos prostíbulos estanlles a facer violencia, remunerada iso si, e a verdade é penoso. Segundo o libro contratar a unha prostituta é como violala e dicirlle aquí tes, os cartos pola violación. As protagonistas do libro, dúas prostitutas, o que pretenden é acabar con esta situación, dunha maneira radical iso sí.
Na sociedade actual onde as oportunidades deberían ser iguais para todos (que non o son) é penoso que sigan pasando estas cousas, non se debería pasar dun tema que atenta contra a dignidade das persoas.

03/11/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Raquel García
 
 

Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
  


"Madonna e outros contos" foi un libro que non me gustou moito. Segundo ía lendo os contos e non me gustaban pensaba que inda podería atopar algún interesante dos que me quedaban pero cheguei ao final do libro e ningún dos contos me gustou moito. Só un, chamado "A barra de pan" me pareceu interesante e mesmo me conmoveu xa que na vida hai xente que pasa por momentos difíciles e eses márcante sobre todo se é na infancia.
Creo que aos contos en xeral lles falta algo, un feito relevante para que pasar a páxina non sexa só para querer chegar ao remate do libro e non querer saber máis del. Entre si os contos non teñen moita relación un trata de amor, outro do paso do tempo, da droga... o único que comparten e que todos se desenvolven en época de inverno.
O que menos me gustou foi que os finais non son nada claros e nalgúns a historia queda pendurada sen saber como terminou, que pasou... e o máis interesante dun conto é o final. 
Dicir tamén que o vocabulario ás veces non é moi sinxelo porque lía páxinas que non sabía o que me estaban contando.

Un home que xaceu aquí

Comentario de Daniel Gavieiro


Un home que xaceu aquí
Aníbal C. Malvar
Sotelo Blanco





Este libro gustoume, aínda que non tivera moita acción como os libros que me gustan a min, agás unha pelexa que hai ao final do libro.
Neste libro o protagonista, que non é detective, séntese atraído pola investigación e comeza unha viaxe. Esta viaxe é cómica e a vez tráxica dando así moita intriga ao libro.
 A acción desenvólvese principalmente na cidade de Santiago de Compostela, pero o autor non se dedica moito a ambientación, o que si fai despois coa visita a outras cidades como Lisboa e Á Guarda. Por outro lado a linguaxe é sinxela, o que me fixo entender toda a historia con facilidade.
 Foi a primeira vez que lin un libro de Aníbal C. Malvar e a verdade e que foi un libro que non me decepcionou.
 

02/11/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Adrián Mato


Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais



Este libro gustoume a pesar de que emprega un vocabulario moi complexo, polo cal tiven que reler algunhas das historias. Parecéronme contos moi distintos, algúns tristeiros, outros un pouco máis divertidos, mais tiñan en común un ambiente lúgubre ben dado por estar en Nadal, ou pola situación na que se desenvolvía o conto, ademais, todas as historias están relacionadas dun xeito ou outro coa emigración.

O namorado de María:

Foi a historia que máis me enganchou ao comezo, pero, na que peor entendín o desenlace, non foi ata lelo tres veces cando me dei conta do que en realidade ocorrera.

        Okay:

A pesar de estaren os sucesos un pouco enleados neste conto, foi un dos que mellor entendín e sen dúbida é a historia máis cómica do libro, en parte pola repetición da palabra okay e, en parte, porque o protagonista excúlpase de todos os feitos e admite a culpa pero bótalla ao outro .

         Madonna:

Foi o conto que máis me gustou, pola verdade das palabras da rapaza.  Encantoume a historia de Dosinda e Mora. Ademais aprendín con este conto, porque, non sabía que se tiña que separar o becerro da nai nada máis nacer xa se non esta non dá leite.

         O amor das sombras:

Creo que esta é a historia da bondade e o amor de Nadal. O amor por parte do vello e Lorena, un amor que non puido ser por culpa da emigración e a bondade por parte da muller que o secou a el e o seu can  dándolle despois unha chaqueta.

       O carteiro de Papá Noel:

Esta foi a historia que menos me gustou, paréceme un conto aburrido no cal entendín todo pero non me gustou. Aínda que si que me agradou a coincidencia entre o que lle dixo a rapaza e o que estaba escrito na carta que lle entregaron.

       O partido de Reis:

A verdade é que este conto chegoume ao corazón, foi das historias máis tristes ao comezo e máis alegres ao final. Paréceme triste, que moitas persoas non se dean conta das facultades coas que contan moitas persoas que teñen o chamado síndrome de Down. E porén el tiña plena confianza neles, ata o punto de que non cruzou a raia, ata que lle dixeron que a pasara.

       A barra de pan:

Esta historia foi un claro reflexo da pobreza que se vivía na época do protagonista, unha pobreza que vivían unha familia numerosa e na que todos tiñan que aportar o que podían. Mais hai pequenas formas de amor como a da nai que non lle dixo nada ao fillo cando comeu o único alimento que lle quedaba. 

         A chegada de Ingrid:

Foi a historia na que máis se notou o factor da emigración e como por mor desta se rompen familias e amizades, ademais é triste que unha rapaza só poida ver o seu pai unha vez o ano.

Ollos de auga

Comentario de Adrián Mato


Ollos de auga
Domingo Villar
Galaxia

Pode que os libros de novela negra sexan os que máis me enganchan, e sempre me propoño un reto que é descubrir quen é o asasino antes de que o descubra o propio protagonista do libro, e neste fun quen de facelo o cal me proporcionou unha gran satisfacción. Deixando de lado os meus pequenos retos persoais foi un libro no que me gustou sobre todo o personaxe de Rafael Estévez do cal me chamou a atención que a pesar de ser zaragozano falase aá perfección o galego, mais non só iso creo que é unha personaxe imprescindible nesta novela alguén que a pesar do seu forte carácter segue de maneira incondicional ao inspector Caldas. 
O inspector Caldas por outra banda aparenta unha persoa tranquila a quen moi poucas cousas sobresalta e cunha fe admirable na súa intuición. Gustáronme sobre todo os diálogos entre ambos os dous policías, nos que destacaba o sarcasmo e constante burla por parte dos dous.

01/11/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Miguel González Taboada



Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
O primeiro que pensei ao ler este libro foi que ían a ser contos frios e invernais, pero estaba moi equivocado. O libro encantoume porque trata sobre distintas historias tanto de misterio e drama como de amizade.
Outra das cousas que me sorprendeu deste libro foi a gran cantidade de sitios dos que fala dos cales uns poucos creo que os coñezo ou polo menos teñen un nome calcadiño nun contexto similar.
Encantáronme todas as historias pero hai unha que trata sobre a amizade con persoas un tanto especiais e deporte que me chamou a atención tanto no ben escrito e redactado que estaba como en como se ía desenvolvendo a historia dando un xiro dende un final pouco atraente ata outro que te ten atrapado na historia sen querer parar de ler.
Pero o que máis me sorprendeu do libro foi o pouco que tardei en lelo, porque coa cantidade de boas historias que ten é relativamente curto, apenas tardei hora e cuarto.
En resumo, é un libro máis que recomendado e que a miña forma de ver vaille gustar á gran maioría de lectores.

Sen título

Comentario de Adrián Mato


Sen título
Celso Fernández Sanmartín





Os libros de poesía sempre me fan reflexionar para tentar entender o que o autor quere expresar en cada poema, mais este foi distinto, na maior parte dos poemas entendín á primeira a voz poética, algo polo cal me gustou moito a poesía deste libro, dado que me agradaba entendela á perfección, souben cando choraba e cando ría e ademais transmitíamo  a min. Fíxoseme moi entretido e moi sinxelo de ler, ata cheguei a anotar as poesías que máis me gustaban  para relelas de cando en vez.