ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

10/11/07

O diario vermello de Flanagan


Recomendación de Marcos González Fernández

O diario vermello de Flanagan
Andreu Martín e Jaume Ribera
Galaxia




O certo é que o libro gustoume moito, pero non sei que escribir del para recomendárvolo.
Rin moito e ata sentín empatía con algúns personaxes, e mesmo sorpresa.
Destaco o diálogo da páxina 129, de verdade, non volo perdades.
Paréceme de grande importancia, tanto o traballo para Bioloxía como os diálogos, xa que aportan moita información en temas diferentes e importantes, por exemplo nas ETS.

Un estudio en escarlata


Texto e dietario de Marcos González Fernández

Un estudio en escarlata
Arthur Conan Doyle
Galaxia



9-10-2007


Pareceume moi orixinal e bonita, así como sinxela, a definición que fai Holmes do cerebro humano na páxina 21.

10-10-2007

Creo que Holmes é unha persoa extraordinariamente astuta, aínda que non me gusta ese ton despectivo con que trata aos outros detectives: é un prepotente. Ao rematar o capítulo 4 sigo a sorprenderme coa sagacidade de Holmes, tenme abraiado.

12-10-2007

Capítulo 6 e creo que é Holmes o que ten a razón: os detectives de Scotlan Yard están enganados. Creo que Holmes comeza a ter todo baixo control.
É incrible: xusto cando o caso semellaba estar máis complicado, con outra morte máis, Holmes atrapa ao asasino tendéndolle unha trampa. Quedei como "descolocado" ante o xeito de resolver a situación.

16-10-2007

Indígname que alguén obrigue a facer a outros algo que estes non queren, como casar. Aledoume que John botara da casa a esa xente: sinto empatía co vello.

21-10-2007

Que rabia: matárono. Agora trátase de salvala a ela... pero non chegan a tempo.

23-10-2007

A pesar das simpatías con certos personaxes, creo que os últimos acontecementos tiñan que sucederse deste xeito. Pero o que destaca por riba de todo é a capacidade de dedución de Holmes.

07/11/07

A revolta dos animais


Lectura e comentarios de Thalía Troitiño González

A revolta dos animais
George Orwell
Edicións Positivas




Capítulos 1 ao 6

Paréceme que o que queren conseguir os animais non lles vale de moito, pois foxen de ser posesión dos seres humanos para adorar e ser fieis aos porcos.
Os porcos son máis astutos, preocúpanse de estudar e de aprender todo o necesario, para así ser os novos xefes da granxa. Intentan evitar toda clase de problemas que os prexudiquen.
O resto dos animais viven enganados, fieis ás ordes do seu servidor, pensando que así conseguirán unha vida mellor. Pero o único que reciben é un trato cada vez máis parecido ao que lles proporcionaba o seu antigo dono.
Paréceme que o final desta historia non vai ser nada agradable para os animais agás para os porcos.


Capítulo 7 ao final

Como eu preveía, o final feliz que esperaban os animais non apareceu. Despois de tanto traballar para acadar unha vida de liberdade e xustiza, o único que reciben é o mesmo trato, ou mesmo peor, que cando estaban baixo o dominio dos humanos.

O que a min me transmite esta historia é que na vida sempre haberá inxustizas e alguén que dun modo ou outro queira arrebatarnos a liberdade. Para iso temos que saber afrontar cada reto que nos propón a vida sendo sempre conscientes do que estamos a facer.
Este relato demostra que os seres humanos somo moitas veces avariciosos e case sempre capaces de facer calquera cousa, ata conseguir o que se quere, como fixeron os porcos.

Recomendo este libro. Non só é entretido senón que é capaz de amosar o cruel que se pode chegar a ser ata conseguir o que un quere.

06/11/07

A pensión Eva


Comentarios de Laura Carballo Mato

A pensión Eva

Andrea Camilleri
Galaxia





Capítulos 1,2

A medida que vou lendo o libro vaime gustando máis. Sorprendeume moito, non o maxinaba así. A pensión Eva é en realidade unha casa de prostitutas. Salienta as ganas de saber de sexo do protagonista.

Capítulo 3


Hai guerra, toda guerra implica mortes... pasaralle algo ao protagonista? "Cada mañá ía mirar se a pensión Eva estaba de pé ou se fora derrubada pola noite": esta frase reflicte a preocupación verdadeira do protagonista. Nesta capítulo fala tamén da sorte, a sorte de que non che toque a ti o roce da morte nunha guerra.
O protagonista comeza a ver ás mulleres da pensión como mulleres máis que c
oma prostitutas: persoas con sentimentos, medos, ledicias... Creo que hoxe en día hai moitas persoas que non pensan así, discrimínanas sen máis.

Capítulo 4

Perdinme un pouco. Neste capítulo fálase dunha serie de prodixios e milagres totalmente diferentes con algo en común: todos ocorreron na pensión Eva, como se esta estivese construída sobre un lugar sagrado.

Capítulo 5 (final)

Gustoume o libro a pesares de que o verdadeiro protagonista é a guerra. Cheguei a sentir mesmo anguria ante os avatares do protagonista, a quen finalmente non lle pasou nada. A pensión Eva quedou destruída, o que me causou unha gran sorpresa. O libro remata coa chegada á maioría de idade do protagonista e do seu mellor amigo. Tamén faime reflexionar sobre o valor da amizade: un ser que sempre está con un.
Recomendo a lectura desta novela, é entretida e reflicte o xeito de sobrevivir a unha guerra, a importancia da amizade, do amor. Para min o libro dá un xiro desde o comezo, onde nos fala da importancia de espertar a curiosidade polo sexo -ao igual que da súa inocencia-, e remata co valor da amizade e do amor mesturados coa crueldade da guerra.

25/10/07

Facédeme caso!!!

Para que vexades canta razón teño: hai que saber escoller!!!

Silencio no corazón

Libreta e comentarios de Icíar Rodríguez Nóvoa


Silencio no corazón
Jaume Cela
Galaxia



Capítulo 1

A historia é contada por un rapaz que debe ter uns trece anos. Vive nunha vila, e gústalle xogar cos amigos. Pensei "un libro máis" pero non: un home baixa dun coche, armado dunha pistola, co que sentín un pouco de medo xa que pensei que lle ía facer algo a un dos nenos. Pero non: tiña ordes de levar ao párroco, don Miguel, a Palacio.
O neno conta que este, antes de subir ao coche con tres homes armados, "paseou a mirada por toda a vila cunha expresión tan triste que tiven a certeza de que nunca máis volvería vela". Creo que este non vai ser un libro de aventuras de nenos, senón de sensacións reais, tristes, de xente que teñen que medrar rodeados de maldade.



Capítulo 2

Cada vez gústame máis o libro. O neno que conta a historia chámase Xoán chega á súa casa e alí só se fala da guerra. Aqueles homes que levaran ao párroco tamén lles fixeran unha visita á monxiñas do convento, e botáranas fóra. Xoán non sabe que pensar, nunca se tivo que enfrontar a este tipo de historias, só recorda o suicidio dun veciño hai anos.
Xoán descríbese como un rapaz sentimental. Preocupado pola súa irmá porque está cun home que non lle convén, un dos homes armados. Porén, eu creo que ese home (Paco) sinceramente quere á súa irmá María.


Capítulo 3

Domingo sen misa e de xogos. Un día Xoán preguntáralle a don Miguel que é a eternidade e este respondeu: "imaxina unha praia inmensa chea de area, de grans de ouro máis pequenos que cabezas de alfinetes. Logo imaxina un home que cada ano collía un deses grans e o comía. Cando xa non quedase alí ningún gran, cando aquela praia máis grande que a cordilleira fose un deserto chairo como a palma da man, aínda non tería comezado a eternidade".


Capítulos 4 e 5

Xoán e o seu amigo Xurxo soñan con ser arqueólogos e dedícanse a buscar e enterrar ósos de animais, xunto cun papel cos seus nomes e a data na que enterran os ósos. De maiores queren viaxar a Exipto e descubrir unha pirámide chea de momias. Gústalles soñar espertos, pois comparten os mesmos soños.
"O que era importante de verdade era ter un amigo coma Xurxo. Un amigo que non me fallaría nunca": que bonito é pensar que sempre vas ter unha persoa ao teu carón!!!


Capítulo 6

Xoán admira a seu pai: con el séntese protexido. Pouco a pouco vai sabendo máis da guerra.
Apareceu o párroco: non lle fixeron mal ningún. Está en Francia, máis seguro.
Temo polo protagonista do libro.


Capítulos 7 e 8

Xoán e Xurxo van perseguir ras e topan un morto. Xoán queda profundamente impresionado e cae enfermo. Porén, Xurxo, tan campante. Que raro!
A guerra parece estar cada vez máis preto. E eu voulle collendo máis cariño aos personaxes do libro segunda avanzo na lectura. Que non lles pase nada!


Capítulo 10

Este é o mellor capítulo. Encantoume! Pensei comezar outra novela, e non un libro que fala da guerra.
Xurxo confesoulle a Xoán que está namorado, e este teme pola amizade que comparten. Aquí hai moitas frases sobre o valor da amizade que me gustaron moito, ao igual que frases sobre o amor: "sinto unha especie de mareo, coma se me faltase o aire...." Estou de acordo co que falan: a amizade está por riba de todo, e un amigo non se debería perder nunca.


Capítulos 11, 12, 13, 14

Os dous amigos falan de que non queren facerse maiores porque "unha persoa maior esquece os seus soños". O tío Bernardo marcha loitar e todos están moi tristes porque temen pola súa vida.


Capítulos finais (15-19)

Pasaron tres meses antes da volta do tío Bernardo. E volveu por mor dunha situación ben triste: o funeral de María, a quen lle caeu unha parede enriba. A partir de aí todo foi máis triste e amargo para todos. Pouco a pouco Franco ía gañando a guerra. O importante é manter vivos os soños.

23/10/07

Non ler calquera cousa...

Como unha das miñas máis intensas lectoras quedou defraudada con O código da Vinci, ao ver este chiste pensei nela, e a ela vai dedicado:

Siddhartha


Comentarios de Thalía Troitiño González.


Siddhartha
Herman Hesse
Galaxia


Capítulo 1

Creo que é o comezo dunha gran aventura chea de alegrías, ilusións... pero tamén de interrogantes. Esta historia vaime dar máis coñecementos acerca da cultura hindú. Sinto que vou estar a gusto coa lectura deste libro.


Capítulo 2, 3, 4

Siddhartha aprendeu moito pero non lle chegaba, quería alcanzar o seu Eu, e comezou a busca da súa propia doutrina.
Gústame a amizade que se describe no libro, aínda que me parece que hai unha excesiva dependencia dun por outro, e creo que iso non debería suceder: ambos deberían ser iguais.
Siddhartha amosa o seu apoio ao seu amigo: "Oxalá acades a redención". A pesar da separación, a amizade sempre prevalecerá.

Capítulo 5, 6, 7, 8

Siddhartha emprende a viaxe cara unha nova vida. Segue a aprender mentres camiña, e faino con ledicia, pois só se centra en atopar o seu Eu, o Atman.
Ao chegar á cidade coñece a que logo será a súa compañeira sentimental, quen lle ensinará a amar. A causa da boa vida que leva dende este momento, convértese nun ser avaricioso, deprimente... ata que se decata -demasiado tarde- da súa propia ignonimia; xa non saber máis que querelo todo para si mesmo. Entón decide marchar da cidade sen se despedir, arrepentido e avergoñado da súa propia vida.
Cando chega aos lugares onde estivera de mozo, tenta suicidarse, pero entón decátase de por que pagaba a pena vivir. Cae nun profundo sono e ao espertar topa ao seu amigo da infancia. Nun principio case non se recoñecen, pero logo fano antes de volver a separarse.
Siddhartha agora ten unha nova vida que quere aproveitar.

Penso que como lle pasou a Siddhartha todo ser humano ten que cometer un erro para aprender a lección. O protagonista pensou que acadaría o ser Eu afastándose da vida de culto, pero a vida da avaricia tampouco llo traería.
"É sinxela a vida que se leva neste mundo": Non, a vida está chea de dificultades.


Capítulo 9, 10, 11, 12

Siddhartha queda a vivir cun barqueiro, adoptando o seu oficio. Ao seu carón aprende a escoitar o que lle di o río. Alí volverá toparse co seu amigo e a intercambiar con el sabedoría. E ao despedirse lembran o valor da súa amizade.


Penso que é unha historia entretida e amena. Que fai pensar en que se basea a vida. Sobre todo destaca o valor da amizade, que finalmente resalta nas vidas deses dous amigos, sendo o valioso e sagrado. A min o que me transmite é por riba de todo ese sentimento de valoración da amizade, aínda que tamén o amor pola vida, polas cousas non materiais.

Asasinato no Orient Express


Texto de Lorena Bibián Caramés

Asasinato no Orient Express
Agatha Christie
Galaxia




Primeiros capítulos:

A lectura estame a resultar intrigante, cada vez quero saber máis e non dou parado. Estou empezando a me meter no papel dunha persoa invisíbel que ninguén ve pero que ela ve todo o que ocorre, coma se estivese ocorrendo de verdade

Capítulos 5 e 6

Xa houbo un crime, pero faleceu a persoa que eu menos esperaba, xusto de quen o protagonista, o detective Hércules Poirot, desconfiaba, non lle caía ben. Están empezando a investigación discretamente. O libro é interesante e intrigante.

Ata o capítulo 14

Investigan o corpo con todo detalle. Os interrogatorios sucédense e abarcan a todos os pasaxeiros do Orient Express. Cando rematan, eu fágome unha idea de quen pode ser o asasino, aínda que recoñezo que non todo me cadra.

Capítulos 14 e 15

Vén de se atopar a arma do crime. Agora tamén se revisan as maletas. Medra a intriga.

Últimos capítulos

Todo chega ao seu fin. O marabilloso detective chega a unha conclusión coa que non contabamos. Quedo tan abraiada como os axudantes do detective.

A frase que máis me gustou foi: "A persoa que é considerada culpable é a que non participa no crime". Gústame porque moitas veces bótaselle a culpa a quen ten a apariencia de malo e o que realmente é culpable exímese pola súa cara de bo.

18/10/07

Horario de clase

Libreta e comentarios de Patricia Taboada Espiño

Horario de clase
Christine Nöstlinger
Editorial Galaxia




Día 9-10-07

"Podes pensar o que ti queiras pero a mellor palabra sempre queda no corpo. Así evitarás problemas" (páx. 25)
Cando leo o que conta sobre Anika, a protagonista, sinto as súas ganas de ser libre, que llas corta a súa nai por ter só 14 anos. É unha sensación de rebeldía e de tentar ser máis maiores sen que te deixen, ter que andar pedindo os cartos á nai ou permiso para saír.
Sinto vergoña pola maneira de criticar e discriminar a un rapaz por ser baixo e amábel, de Anika e os seus amigos. Logo ela recapacita e pensa que lle gustaría ser menos cruel.

Día 10-10-07. Páx. 51

Dáme moita mágoa a nai de Anika: é o seu aniversario e ninguén se decata. O pai lembrouse tarde e comproulle unha míseras pantuflas, mentres que Anika desobedente, tratouna mal e lembrouse demasiado tarde.
Pobre Anika! Só ten problemas. O pai non dá feito mellor o seu papel e mete moito a zoca. Vese que é unha persoa algo amargada nesa familia.
Gústame moito o que fixo Anika, plantarlle cara a un profesor que pensa que pode facer o que queira, é ser moi valente. A algún profesor tamén habería que pararlle os pés.

Día 11-10-07. Páx. 83-90

Queren facer folga contra un profesor. Total, que van conseguir? Por moito que se impoñan o peor é para a alumnado, que serán quen pague as consecuencias do cabreo dos profesores por facer esa parvada.

Día 16-10-07. Páx. 96-114

Parece que sinto a tristura da pobre Anika, esperando con ilusión ver o seu amor e decatarse de que este vai estar coa súa moza na casa dela, xuntos, e que teña que velos marchar agarradiños e moi namorados. Pobre rapaza, o que se sofre por amor!
Que bonita esta frase: "Quero estar contigo a soas". A este rapaz gústalle Anika. Aceleráseme o corazón coa paixón coa que fala, o íntimo sitio onde a leva e o bonito beixo que lle dá.
Dende a páxina 109 teño en mente dúas ideas diferentes: por unha parte penso que este rapaz só quere a Anika por pracer, xa que lle propón se se quere deitar con el. Ela dille que non e el replícalle que é porque está toliña por outro e ponse ciumento.
Pero por outra parte pode ser que o rapaz estea namorado dela e queira expresarlle así os seus sentimentos.
A verdade, róndame máis na cabeza a primeira opción...

Día 17-10-07. Páx. 117 - final

E despois as nais queren que lles contemos todo...!!! Total, para que se poñan coma tolas a ditar as súas leis! Que valor tivo Anika de dicirlle a verdade, se fose eu, polo "post-preguntas" xa non o faría.
Como me gusta a maneira de pensar do pai! A nai altérase toda por simple bico e xa pensa en ir máis lonxe. Que ten de malo un bico?
Sinto tristura por Stefan: o pobre rapaz que o día anterior estivera tan romántica e cariñosamente con Anika , que hoxe a vai buscar para ir ao circo, vea agarrada a outro rapaz. Párteseme o corazón de pensar no que sinte e sofre o pobre!
Menuda liorta o da folga! Estes rapaces moito inventan! Total, non lles valeu de moito porque houbo quen acusou...
Encántame a decisión de Anika! A tristura que sentía antes converteuse en ledicia cando Anika pasou do chulo e foi con Stefan. Este demostroulle verdadeiramente que lle importaba, mentres que o outro só actuaba por interese.