ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

20/05/16

Merlín e familia

Comentario de Francisco Rodríguez


Merlín e familia
Álvaro Cunqueiro
Galaxia


Este foi o primeiro libro que lin do coñecidísimo autor Álvaro Cunqueiro, e a verdade é que foi un libro que me sorprendeu moito xa que as características do período literario en que se encadraba esta obra, as cales tiven que estudar para o último exame, non me pareceron demasiado sorprendentes para que un libro fose totalmente completo. Este libro deixoume un sabor bastante doce, e pode ser que fose por utilizar unha técnica que a min encántame que esté presente nun libro, esta é o feito de ser un libro composto por moitísimas historias distintas que nun principio non teñen nada en común pero que están unidas por un fío condutor polo que se desenvolve toda a trama principal. Este fío condutor consiste en que todos os relatos son contados polo mesmo personaxe, Felipe, e no mesmo ambiente, a súa casa, e todos eses relatos corresponden ás historias que previamente xente lle contara a el cando facían unha visita polo seu domicilio.

Enfronteime a este libro con certo medo principalmente pola antigüidade con que fora escrito, e por ser dun autor de renome coma este, xa que pensaba que tería unha complexidade maior que a miña capacidade de comprensión pero, a pesar dun comezo algo confuso que non me deixou bo sabor de boca, dinlle un voto de confianza e somerxinme nesta nova aventura.
Primeiramente quero destacar que me pareceu moi interesante a función do protagonista, de Merlín, xa que fai coma se fora unha especie de taller ao que todos os protagonista das historias que conta Felipe acuden a Merlín para que lle solucione os problemas que lle suceden e este dunha forma máis ou menos drástica, sempre o suele conseguir.
Se neste conxunto de minirelatos tivera que escoller algúns quedaríame con estes tres: "O espello do mouro" é o primeiro relato que quero destacar porque pareceume moi orixinal o feito sobre o que xira toda a historia, e o que era nun principio un invento que dixera ó futuro, o espello creado por Merlín, sen saber como, comezara a inventar cousas e agora só se podía ver xente tentando salvarse dun final tráxico ao que os personaxes estaban condenados. Este cambio de utilidade tan drástico que sofre o espello foi o que fixo que este relato me gustara tanto, pois non me esperaba que cambiara por completo a súa función ata chegar ó punto que Merlín acaba rompéndoo. O segundo relato que quero destacar é "Os quitasoles i o quitatebras" por ser un relato diferente e por ser un relato que, pese a comezar dunha forma un pouco simple vai crecendo en orixinalidade ata parecerme un dos relatos que máis me gustaron de todos os que levo lidos. Isto digoo porque o feito de que catro xinetes lle traian 3 paraugas a Merlín por orden do Bispo non parece moi emocionante, pero a sorpresa ven cando se descobre que o primeiro paraugas, de cor branco, ten o poder de que, cando se abre o día da nosa señora de agosto, aínda que chova o día soleado non se moverá do ceo. O segundo paraugas, de cor amarelo, ten o poder de que, cando o Bispo fala baixo a súa sombra, este é capaz de falar e de entender todas as linguas. E por último, o terceiro paraugas, de cor vermella, serve para viaxar na noite e que o viaxante, baixo o paraugas, vexa o mundo coma se fose de día. Por todas estas características fantásticas que a min me gusta que esten presentes moito nos libros este relato é un dos meus favoritos. O terceiro e derradeiro relato que escollín foi o pertencente ó conxunto de reatos " Aquel camiño era un vello mendiño", e o relato escollido é "O galo de Portugal". Se escollín este relato creo que foi porque me ocorreu unha cousa que penso que é o que Alvaro quería exercer en nos, os lectores, cando escribiu este libro, disfrutei lendo, a cada páxina que lía desexaba que a seguira outra, porque me pareceu un relato super cómico, o que fixo que me saíra ese sorriso tan máxico e que tan difícil é de conseguir. Pero deixando a un lado o lado cómico penso que a trama é similar á do conto de "O Príncipe " xa que consiste en que un príncipe é convertido nun galo tras un meigallo (ata aquí o parecido con "O Prícipe ") e termina nun galiñeiro tras tentar ir onde Merlín para ver se daba solucionado o seu problema.
Estes foron os mellores relatos que me quedo deste libro pola súa orixinalidade,comicidade, e por facer o que debe facer un libro, entreter.
Se lle tivera que poñer un "pero" a este libro sería algo que xa me esperaba que podía estar presente nun libro destas características pero sobre todo desta antigüidade. Este "pero" corresponde a unha sintaxe quizais demasiado elaborada que fixo que, en moitos momentos, non entendera o significado dalgunhas palabras o que dificultou en certa medida unha lectura lixeira.
En definitiva un libro que me deixou un bo sabor de boca pese a ese medo inicial que tiña.

Sen comentarios