ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

30/05/09

Poesía última de amor e enfermidade


Comentario de Marta Nercellas Rey


Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas


Este poemario gustoume moito, xa que aínda non sentindo o mesmo có autor, transmite a sensación de querer que a súa enfermidade acabase con el, por non ter polo que loitar, nótase certa confusión entre esa morte xa desexada e as ganas de vivir para poder sentir de novo razóns polas que enfrontarse á enfermidade e seguir adiante.
Os poemas tratan todos os mesmos temas pero de xeito diferente, facendo que a lectura sexa amena e con moitas sensacións.


29/05/09

Cartas de inverno


Comentario de Lorena Ares Troitiño


Cartas de inverno
Agustín Fernández Paz
Xerais


É un libro moi entretido. Gustoume moito pola súa trama de misterio dende o comezo ata a fin e por isto consegue engaiolar ao lector dende a primeira páxina.
Animádevos a lelo porque é un libro que paga a pena!

28/05/09

Comedia Bífida


Comentario de Flavia Fondevila Pena


Comedia bífida
Manuel Núñez Singala
Galaxia


O libro pareceume de bo ler e gustoume, xa que unha vez que o comezas, apetéche seguir lendo, porque, a verdade, resulta moi entretido. Ademais, aínda qeu non queiras, o escritor consegue que sorrías. Tamén quero dicir que tivo unha boa idea, a de amosarnos a realidade da lingua galega a través do humor.

26/05/09

As confesións de Carlota Doyle


Comentario de Alismar Hernández

As confesión de Carlota Doyle
Avi
Galaxia

Pareceume un libro moi interesante porque nos explica a dura vida dos mariñeiros, de como os explotaban os capitáns, etc...
Por outra parte, o comprensiva que é Carlota cos mariñeiros ao descubrir todo o que ocorre no barco sorprende, ao ser unha nena rica de mente tan pechada. O final sorprende, polo camiño que escolle a nena para o seu futuro, podendo ter unha boa vida ao lado de seus pais, escolle irse cos mariñeiros, dos que tanto aprendeu, e que tanto a queren, sendo a capitá do barco, pois ese é o camiño que a fai feliz.

25/05/09

Poesía última de amor e enfermidade



Comentario de Erea Rey Presas

Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas

Este é un libro no cal os poemas aparte de seren fermosos fan sentir emocións, e é ademais un libro fácil de ler e de comprender no que se mesturan temas como o amor e a morte; antes de cada poema hai uns versos doutros autores cos que máis ou menos nos facemos unha idea de cal vai ser o tema do poema que imos ler a continuación, e mesmo hai nalgúns deses versos unha anotación do autor para indicarnos cal é a súa actitude ante o que le.
É un libro que me gustou moito e que recomendaría a calquera persoa que queira ler poesía. Mesmo se non gusta, é un bo xeito de "entrar" nela.

24/05/09

A cabeza de Medusa


Comentario de Silvia Villar García


A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Este libro cóntanos a historia de dúas rapazas que son violadas a noite de disfraces por dous rapaces que non coñecen. Cando estes as deixan abandoadas no medio dun lugar do que non saben como volver, Sofía chama á súa nai para lle explicar o sucedido. Logo, ela e Lupe poñen unha denuncia e pasan unha inspección médica.
Este libro continúa dicíndonos o mal que o pasan no instituto ; púxenme por momentos na pel delas, porque algúns compañeiros non as aceptan, e iso enfúreceme, por ler que "a culpa era delas por non levar unha saia máis longa", ou cando o pai de Lupe retira a denuncia por vergoña de que falen deles.
Persoalmente recomendaría este libro para o alumnado da ESO porque demostra o apoio dalgúns compañeiros e poderían recapacitar sobre a súas ideas, e que non se pode xulgar ás persoas polo xeito de vestir.
Pero non me gustou demasiado, a verdade.


18/05/09

O crepúsculo e as formigas

Comentario de Carla Gómez Ferradás


O crepúsculo e as formigas
Xosé Luis Méndez Ferrín
Xerais



É un libro un pouco complicado de ler pero que é moi fermoso.
É distinto aos que adoito ler. Está dividido en relatos que se caracterizan polo mesmo ambiente de terror nos que se desenvolven. Son relatos curtos e tenebrosos que me deixan cunha sensación estraña.
O relato que máis me gustou foi o do Suso, no que este vai buscar un amigo para que vexa un cadáver no río e resulta que o cadáver é o do Suso que está afogado. É terrorífico.
Recomendo o libro, aínda que o galego que emprega resulta difícil, anticuado, diferente.