ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

19/11/17

Unha puta percorre Europa





Comentario de Alba Gómez Barros


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia
 


Unha puta percorre Europa é un libro de Alberto Lema no que dúas lesbianas feministas se fan pasar por prostitutas e van asasinando aos seus clientes.
Este texto ten como obxectivo facernos reflexionar sobre a sociedade de hoxe en día, facer visible o invisible, ver como están usando as mulleres como obxectos sexuais. O que máis me chamou a atención é como este tema de gran importancia na actualidade se trata con total normalidade e ata chégase a facer bromas.
Con respecto ao título pensei que o libro ía contar os feitos que lle acontecían a unha puta nos distintos países de Europa, pero o gran cambio de tema fixo que me encantase este libro.
É importante salientar a forma na que as prostitutas acaban cos seus clientes, sempre asasinados, agás nun caso. Por exemplo na primeira situación mataron a Santiago cunha pistola e deixaron encima da mesiña unha tarxeta que pon “Putas Asasinas”. 
A verdade, pareceume entretida a forma na que se desenvolve a historia e como Pereira coa axuda de Diana e outras persoas despois de comezar a darlle importancia ao asunto comezan a investigar.
O único que cambiaría neste libro é a forma na que os clientes sofren as consecuencias. Na miña opinión intentaría que eles se puxeran no lugar das prostitutas para ver todo o que pasaron e sufriron.
En conclusión este libro gustoume moito. Especialmente a forma na que está escrito e distribuído, xa que o lin rapidamente. Recomendaría este libro xa que é un tema moi interesante do que todos deberían reflexionar e os homes pór da súa mana para que isto remate.

14/06/17

4_XINETES

Comentario de Adriana Cangado Costa

Anxo Fariña
4 xinetes
Xerais
 
 
 
Un día estaba tranquilamente na biblioteca do IES Laxeiro cuns amigos facendo uns exercicios, e non sei como, pero os meus ollos deron en mirar para un libro de cor negra que estaba no andel de “libros para catalogar”. Esta cor é a miña preferida e desde logo que o aspecto do libro era ben agradábel; chamábame a lelo tanto como o Ziggurat chamaba aos xinetes.
Hai uns días tomei o libro prestado e decidín deixalo coñecerme a min e a miña casa, pero non todo foi tan fácil como chegar e pórme a ler, xa que nestas datas de exames e traballos por entregar resulta bastante complicado sentarse un pouco para gozar da lectura.
Despois de tanto velo pousado enriba da mesa puiden collelo e empezar a degustalo.

Non teño moito máis que dicir sobre o libro excepto que é impresionante. Unha páxina preguntaba onde estaba a seguinte e así ata rematar o libro enteiro.  Resúltame tamén incríbel a fermosa obra que Anxo Fariña creou: 4_xinetes.
A verdade é que non sei que dicir, porque o libro teno todo, é fácil de ler, moi entretido e ten unha historia fantástica cun final que non o esperaba, de feito, supoñía que os xinetes volverían á súa vida normal e que fose como se non pasase nada, pero non. O final sorprendeume gratamente, non foi para nada un final Disney como estamos acostumados, foi algo moito mellor.
Dende logo que o libro tamén me deixou algunhas dúbidas compatibles co bo sabor de boca de lelo. Vendo o calibre da trama, o primeiro que se me pasou pola cabeza foi: como se lle ocorreu esta historia ao escritor?
Despois, cando seguín lendo, fixeime que moitas veces testa que todos temos un destino, un cometido ao cal chegar antes de morrer, o cal tamén me fixo preguntarme se o autor crerá no destino.
Outra das preguntas foi sobre unha personaxe, Mizuki, por que esta fala cunha boneca? A verdade é que sobre Mizuki todo é un pouco estraño pois é unha rapaza da miña idade, 18 anos, e está cunha persoa de 51 co que goza da súa presenza e el dela, o cal é común, pero case ao final da historia vese como estes dous teñen algo máis que unha simple amizade, xa que se botan de menos mutuamente.
Outra dúas preguntas que me seguen pasando pola cabeza son: por que hai páxinas en negro ? Tan só para destacar que son os mensaxes da rede ou hai algo máis? E por que David e Liam son tan necesarios na obra?

Por último, e con respecto ao capítulo 0, eu pensei moitas veces se algunha vez, por algo que dixese ou fixese, alguén perdese a vida.
 

13/06/17

A evolución de Calpurnia Tate


Comentario de Zaira Míguez

A evolución de Calpurnia Tate
Jacqueline Kelly
Kalandraka
  


Este libro cóntanos a historia do verán de 1899 que  vive unha  rapaza de 11 anos en Texas. Calpurnia era a única muller de sete irmáns. A rapaza mostra durante toda a novela o seu interese pola natureza  pero a súa nai obrigábaa a estudar cociña e piano, cousa  que non lle interesaba para nada á protagonista. O seu gusto pola ciencia fai que comece a relacionarse co avó ao que lle fai preguntas pero el fai que sexa ela mesma quen encontre as respostas. Isto leva a que medre unha confianza e simplicidade entre o home e a súa neta.
Durante toda a lectura  vemos a diferenza de educación que se lles daba aos homes e mulleres daquela  época, ademais que a muller se tiña como un obxecto que non tiña ningún mandato. Isto podémolo observar en moitas escenas pero un exemplo é cando un irmán lle di á súa irmá que as mulleres non votan nin se lles paga, que deben quedar na casa coidando dos seus homes, familias e fillos. Isto é un claro exemplo da opresión que sufría a muller nesa época.
Foi unha lectura que me gustou persoalmente debido á súa fácil lectura e á incorporación de coñecementos sobre a natureza na narración sen chegar a facela pesada e aburrida, senón que a facía amena. Ademais Calpurnia é unha protagonista que te chega a cautivar debido as súas ideoloxías que na súa época non se consideraban  primordiais e moito menos para unha rapaza, xa que o principal para unha muller era o seu comportamento e saber facer as tarefas do fogar, que é un esquema que Calpurnia pretende romper  intentando escaquearse das súas clases para dedicalos a pasar tempo co seu avó e realizar experimentos con el, outro apaixoado da ciencia.
Creo que é un libro que se debería ler xa que nos amosa como era a vida dunha rapaza nunha época na que os homes eran superiores as mulleres, algo que hoxe en día por desgraza aínda se ve. Ademais amósanos como a rapaza non abandoa o seus gustos polo que lle inculca a sociedade, senón que segue adiante.

10/06/17

Látego de algas

Comentario de Sara López


Antón Reixa
Látego de algas

Espiral Maior.




Este libro é sen dúbida un libro cheo de sentimentos , emocións , amor , desamor .. e unha chea de palabras que nos fan pensar e emocionarnos só  con velas nunha simple páxina .
Este pequeno poemario está dividido en varios apartados , pero se hai un co que me quedaría sería co primeiro , chamado “Poemas de amor basados en feitos reais “ con cada un dos seus poemas , Reixa fai que nos adentremos en cada un dos seus sentimentos , e o que é mellor , fai que nos adentremos nos nosos propios sentimentos , eses que ao mellor non podemos reflexar nun simple poema . Este é un libro que ademais de falarnos de amor , xunta a natureza coa paisaxe e de aí algunha que outra morriña.
A pesar de ser un  libro pequeno , fixo que non tivera ganas de rematalo nunca , xa que é un libro precioso e sen dúbida que  recomendo a calquera persoa , xa que este libro fixo que de verdade sentira o que eses poemas estaban dicindo .
 

08/06/17

Son noxento

Comentario de Lara Verde Iglesias

 Son noxento
María Xosé Queizán
 
 
 
 
Creo que podería describir nunha palabra o que sentín ao ler este libro, NOXO, xa o título  avisa pero o protagonista desta historia é sinceramente desprezable.
É un libro no que abunda o monólogo interior por encima da acción, isto ao principio botoume para atrás e fixo que non me interesase moito, pero segundo ía avanzando no relato metinme máis no rol do protagonista e nos seus pensamentos.
Con este relato descubrín como as persoas poden ser enganosas e que o mínima sinal pódenos salvar de moitas cousas; temos que saber captalas e darlles importancia.
Lendo, reflexionei sobre a nosa sociedade, en como a violencia de xénero aumenta en España, esta situación mostra como existen mentes (como as do protagonista) que  andan camiñando tranquilas e facendo a súa vida que incluso poden aconsellar a outras.
Recomendo totalmente este libro, sobre todo as mulleres para que abramos os ollos ante estes perigos e inxustizas, e nos armemos de valor e ganas para loitar contra elas, e exterminar esas mentes que poden influír nas novas sociedades.