ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

24/11/07

Seda


Comentarios de Susana Cumbraos

Seda
Alessandro Baricco
Rinoceronte


Isto non é unha novela. Nin tampouco un conto. Esta é unha historia. Comeza cun home que atravesa o mundo e remata cun lago nun día de vento...
Poderíase describir este libro de moitos xeitos, e conseguiriamos unha infinidade, pero todas diferentes.
A portada do libro chamoume a atención: non ten ningunha imaxe.
É unha historia que comeza cun home que atravesa o mundo. Pero a min gústame porque non só narra como o percorre e como transcorren os anos, senón que o home segue facendo viaxes arriscadas unicamente por ver a unha muller. Poderíase chamar amor, eu prefiro non facelo.
É un libro diferente, por iso é especial. Gustoume moito e gardarei un bo recordo del.
Grazas, profe, por depositalo nas miñas mans.

O diario vermello de Carlota



Comentarios de Patricia Taboada Espiño

O diario vermello de Carlota
Gemma Lienas
Editorial Galaxia



19-10-07

Que bonito o encontro inesperado de Carlota con ese mozo! Ás veces pasa así, ten unha imaxe equivocada dunha persoa, polo que che din dela ou polo que ves ti na súa apariencia, pero logo coñécela e ves que estabas equivocado.
Paréceme xenial a idea de escribir un diario sobre a sexualidade. Así Carlota poderá resolver dúbidas e lembrar experiencias.
É incrible a forza que este libro exerce sobre min. Non dou parado de ler. É inform
ativo e entretido.


Do 20-10-07 ata 26-10-07

Gústame moito que sexan as rapazas as que tomen a iniciativa de chamar aos mozos, iso é igualdade, antes estaba mal visto.
Pobre Carlota, que tío ese!!! A escena do cine é moi fermosa. Quero saber que vai pasar. Pero por que ese medo ao compromiso? Por que non amosar os sentimentos?
"Bicar é como comer chocolate: se o mastigas de golpe disfrútalo menos porque non lle colles o gusto. Hai que deixar que se desfaga na boca" (pax. 109)
Gústame a titora de Carlota. É unha profesora que fala de ocusas importantes, que afectan ao alumnado.



Do 1-11-07 ao 10-11-07

A actitude do pai é moi cerrada. Son eles, os pais, os que deben explicar as cousas reais da vida. Parece incrible os prexuízos que existen; porén, a moza do pai non ten problema en abordar calquera tema.
Carlota non aprende... dúas veces na mesma pedra. O mozo insiste en ter relacións sexuais sen importar que non teñan preservativos... hai que evitar ese tipo de problemas. Paréceme incrible a falta de responsabilidade que algunha xente amosa. E despois Carlota non para de preocuparse.
Eu creo que esta relación vai moi rápida, acaban de coñecerse!
Creo que Carlota está xogando cos sentimentos de Flanagan, non me gusta. El está moi namorado e ela dálle moitas esperanzas... falsas. Pois eu opino que debería estar con el!


Do 14-11-07 ao 16-11-07

Non me gusta nada que se porte tan mal con Flanagan, e aínda se estraña da reacción sobre a amizade!
Non me esperaba este final, non sei que dicir, creo que ata estou decepcionada. Pensei que ía rematar ben... pero non.


Pareceume un libro moi entretido e á vez moi informativo. Non é o típico libro de historia de amor que ao final acaban todos felices. Creo que é un bo libro informativo para os adolescentes, e ademais cunha boa historia

23/11/07

A Pensión Eva

Aroa Iglesias Recimil

A verdade é que ao principio non me gustaba moito, pero logo, ao final xa me empezou a gustar.
Gustoume sobre todo pola amizade e as distintas etapas da vida que se narran de Nenè. As novas amizades que fan na Pensión coas rapazas que traballan nela. As distintas historias de cada unha das rapazas que se namoran e teñen os seus familiares no cárcere. E entre estas historias atopamos a guerra, na que os personaxes combaten e ven o que ocorre moi preto deles.
Recomendo este libro porque é moi interesante e realista.

A pensión Eva

Noelia García Gómez

Este libro gustoume porque no medio da guerra tamén se podían vivir cousas boas, como as que viviu Nenè coa súa prima Ángela e coas "amigas" da pensión Eva.
Pese ao terror vivido nesa época, eles intentaban sacar o lado bo e gozar da súa adolescencia. Nenè tamén viviu novas experiencias na vida e, coa axuda dos seus amigos Ciccio e Jaccolino, investigaron o que había na Pensión Eva.
O final é un pouco triste porque cando regresan á súa vila ven que a guerra destruíu todo e que xa non existe a Pensión Eva.
Recomendo este libro a todas as persoas ás que lle guste o misterio e aprender cousas novas.
Será unha lectura interesante e resultará fácil de ler.

A pensión Eva

María Viéitez López opina do libro que:

É un libro bastante imteresante por como explica o modo de vida na segunda guerra Mundial. O interese dun rapaz polo amor e pola amizade e as catástrofes e desgrazas que pasaban nesa época, intentando levar esta desgraza o mellor posible.
Ao comezo do libro ten partes moi interesantes e con intriga, xa que non te imaxinas o que vai ocorrer ao final nin como pode continuar.
O libro é recomendable para todos aqueles lectores que lle gusten os libros de intriga, xa que non te imaxinas o que pode ocorrer.
Non me gusta moito o modo no que o libro remata, pero aínda así recoméndoo.

A pensión Eva

Manuel Maceira Cabaleiro.

A min o libro en xeral gustoume, pero na metade empeza a introducir outras historias e nesa parte foi a parte que menos me gustou, e tampouco esperaba o final que tivo. Pero na parte que me gustou foi porque se falan de cousas as cales se falan na nosa idade. Os temas sexuais, as guerras, mortes..., tamén me gusta porque o que sucedeu puido pasar na realidade, cando foi a Segunda Guerra Mundial e ademais sucédenlle as cousas a adolescentes da nosa idade. Recomendaría este libro para ler porque é moi interesante. E se o escribise eu, cambiaría o final porque non me gustou nada de nada.

A pensión Eva

Alejandro Fernández Mosquera:

Este foi un libro que me pareceu interesante, principalmente porque aborda os temas da prostitución e da vida das prostitutas.
Tamén me resultou moi instrutivo porque me axudou a comprender como se viviu a Segunda Guerra Mundial e o mal que o pasaron os que a sufriron.
En xeral este é un libro que me gustou moito e recoméndollo a todo o mundo!!

A Pensión Eva

Esther Giadás Carames
Este libro gustoume porque fala da guerra e do amor que un neno sentía pola súa curmá, ademais da curiosidade polas mulleres e a súa enfermiza teima coas súas partes baixas. Cara ao final xa non me gustou tanto, porque a pensión quedou derruída e Nené quedou con Ciccio borrachos fumando un pitillo. Todo quedou destruído por culpa da guerra e morreu xente que non debía morrer. De Angela Nené só soubo que casara e que non lle ía ben no matrimonio.

A Pension Eva

Adriana González Souto
A min o libro gustoume moito en xeral, pero mais ben dende o principio ata a metade mais ou menos. A partir da metade, por un lado é un pouco rollo xa que comeza a falar da guerra e dos desastres que esta produciu,e como a xente se escondía, e a moita de xente que morría, pero por outro lado tamén é interesante saber algo de como era todo naquela época. E axuda moito a recapacitar. Ao final podía ser algo mellor, xa que non remata moi ben.
Recomendo o libro, xa que é moi entretido, moi fácil de ler, sobre todo para xente da nosa idade, porque vén contando a historia de rapazes dende os 12 anos ata os 18.

A Pensión Eva

José Somoza opina que:

A min o libro gustoume aínda que fora un pouco porco, o tema principal era o da pensión Eva porque a historia de Nené íase cortando cunhas historias mais pequenas, o libro é bo de ler, non hai palabras así raras nin díficiles de entender excepto algunhas en alemán pero polo resto o libro é moi bonito aínda que o final a pensión desaparecera, polo menos os amigos (Nenè e mais Ciccio) reencontráranse de novo e puideran falar do que lles acontecera a cada un. É as historias esas pequenas ían do que lle pasaran a algunhas putas da pensión ou a clientes habituais dela, a que máis me gustou foi a do vello que estivo a punto de morrer e despois chimpou coa outra trinta minutos.

A Pensión Eva

Andrea Sanmartín Ruzo

Pois eu recomendo ler este libro porque é un libro que xa che engancha ao principio. Cando fala da prima e da nai de Matteo ao principio tes que seguir lendo para saber o que vai a suceder. Despois, cando queren ir á pensión e coñocer ás prostitutas hai intriga. Ademais reflicte o medo e o poder da guerra naqueles anos, cando non podes ver nin á túa familia nin aos teus amigos por culpa de ir á guerra, a un lugar onde non sabes nin se vas volver. Despois ao final cando volve cara ao seu pobo e ve que está destruído, esa sensación de que xa non lle queda nada.

A PENSIÓN EVA

ANDREA PRESAS BLANCO DE 1º DE BACH.

O LIBRO GUSTOUME MOITO PORQUE CONTA UNHA HISTORIA DE MISTERIO ONDE UN RAPAZ CHAMADO NENÉ DESCOBRE AS SENSACIÓNS QUE PRODUCEN NUN HOME AS RAPAZAS, CANDO FAN UN DETERMINADO TIPO DE COUSAS. ENTRETÍVOME MOITO E ABRAIOUME AS GANAS QUE TIÑA NENÉ DE SER MAIOR DE IDADE, ÚNICA E EXCLUSIVAMENTE PARA IR Á PENSIÓN EVA. TAMÉN ME CHAMOU A ATENCIÓN CANDO A AQUEL HOME QUE ESTIVO NO TELLADO DA PENSIÓN EVA QUE CAERA CUN PARACAÍDAS UNHA DAS PUTAS PENSOU QUE ERA UN ANXO E LEVÁBALLE COMIDA. TAMÉN CANDO NENÉ FIXO O AMOR COA NAI DUN AMIGO SEU POR PRIMEIRA VEZ. O QUE NON ME PARECEU BEN FOI QUE O PAI DE JACOLINO LLE DEIXASE ENTRAR A ESTAR COAS PUTAS CANDO LLE DESE A GANA.

A Pensión Eva

Alberto Órrea Coego

Na miña opinión este libro é moi interesante debido a que trata, por así dicilo, dunha parte da historia da segunda Guerrra Mundial. Creo que a toda persoa con algo de interese sobre os feitos históricos vaille a causar unha grande impresión, e por suposto encantarlle. A min causoume unha grande impresión porque ao ler este libro deime de conta dos grandes problemas que ten que vivir unha socidade en tempos de guerra,sobre todo os adolescentes. Bueno que máis se pode dicir dun gran libro como este, só unha última cousa que llo recomendo a calquera que lle guste a lectura.

19/11/07

Cianuro espumoso

Libreta e comentarios de Enma Vázquez Rivas


Cianuro espumoso
Agatha Christie
Galaxia




Do 6-10-07 ao 15-10-07

Creo que non me entero de nada... hai moitas incógnitas, non sei quen pode ser o asasino ou se a vítima se suicidou. A súa irmá reflexiona sobre o acontecido no faiado, pero non sei que foi.

Non podo crer quen é o asasino, quen menos eu pensaba! Ou non? Cada vez se abren máis misterios, os propios personaxes convértense en detectives coma min. Xa comezo a sospeitar de todos os personaxes.


Do 18-10-07 ao 2-11-07

Un novo personaxe entra en acción. O libro acrecenta o misterio, resulta moi interesante. Un dos personaxes prepara unha trampa para averiguar quen é o asasino; aumenta a tensión de saber quen é.


Do 4-11-07 ao 6-11-07

Todos os personaxes acoden á cita. E todo parece transcorrer con normalidade ata que se repite o mesmo xogo do principio do libro, canda a primeira vítima... e en escena unha nova vítima!!!
Devezo por saber quen é o responsábel de todas estas mortes, aínda que teño as miñas sospeitas. A ver se son acertadas.

10 e 11-11-07

Unha parte interesante e ao mesmo tempo aburrida: os interrogatorios.
Teño que ler o libro ata rematalo, non aguantaba a intriga... e agora estou que non o podo crer. O asasino é quen menos o esperaba, dubidaba de calquera menos xusto dese personaxe. Non sirvo para detective!!!

A metamorfose



Comentarios de Andrea Díaz Casal

A metamorfose
Franz Kafka
Sotelo Blanco




Primeira impresión: Que libro tan estraño!!!

Sen dúbida ler este libro representa para min un reto. Por este mesmo motivo apaixoáme a idea de lelo.
Pois si que é raro. A idea de que un día te levantas e te das conta de que es un becho... pero tamén resulta atraente. Cústame maxinalo.
É un libro sen dúbida diferente a todos os que levo lido ata agora e pouco a pouco vaime enganchando, a pesares de ser un libro case pétreo, de poucas páxinas pero moi denso.

Veño de rematar o libro, pero non podo resumilo para non contar nada e que poida perder interese! Teño que dicir que quedei abraiada. É unha historia rara, rara, pero gustoume.
Un libro moi diferente.
Un libro que recomendo, porque paga a pena.

18/11/07

O perfume

Reflexións de Susana Cumbraos

O perfume
Patrick Süskind
Sotelo Blanco




4 de novembro o 2007

Escollín este libro non só porque para min ler é un pracer e esta novela tiña todas as de estar moi ben, nin tampouco polo simple feito de que me dixeran que eramoi boa. É máis, dixéronme que era unha historia moi forte, dun rapaz que nacera cun olfacto prodixioso e que desexaba facer o mellor perfume do mundo, retando a todos aqueles perfumistas famosos.
Non estou moi acostumada a ler esta clase de libros onde o diálogo se reduce a unhas poucas e escasas liñas e todo se centra en explicar o sentido de sentir as cousas dende o máis fondo dunha persoa.
Ao comezar a lectura, percateime de que non ía ser o típico libro que teño lido, senón que me ía levar máis alá, o que representaba un reto para min.

8 de novembro o 2007


Non podo comprender os personaxes cando corren dun lado para outro, axitados, porque o neno non cheira a nada; non podo comprender que o rexeiten soamente por iso.
Paréceme interesante a maneira na que o autor describe as obras, paréceme un xeito difícil e abraiáme o ben que o dá plasmado no papel. Pero que me guste non implica que me emocione. Son consciente das dificultades das descricións, como o olor da madeira.


9 de novembro o 2007

Que estraño resulta este protagonista! Fai favores sen pedir nada a cambio, todo xenerosidade e valor. Pero é tan diferente que cada cousa que fai ou di case me fai retroceder para asegurarme do que leo.
Non me parece que sexa un libro "forte" como me aseguraron. Creo que o ambiente está cargado de ambición... de ambición cara a un único olor.


10 de novembro o 2007

Gústanme moitas das realidades que se realzan nesta obra. Aínda que para min... non é o meu tipo de libros. Gústanme máis aqueles nos que hai máis acción e se paran igual en varios personaxes, sen menosprezar a ningún.
Veño de rematalo, pero quedei decepcionada. Non sei, demasiado pantasmagórico. Non creo que as persoas poidan engaloiarse polo perfume conseguido, ideal, perfecto.
Pero de cada libro sempre se aprende algo.

16/11/07

Sabor a ti

Comentarios de Carla Gómez Ferradás

Sabor a ti
Miguel Suárez Abel

Editorial Xerais



Este é un bo libro para maxinar unha relación entre profesores do colexio. Gústame a relación que viven os personaxes, é moi romántica, aínda que no fondo buscan outra cousa. Pero teñen o problema das súas familias, os seus cónxuxes e os seus fillos, nos que teñen que pensar. A min gustaríame vivir unha historia así.


Primeiros capítulos

Os personaxes ámanse en segredo pero as súas familias átanos para prohibirlles es loucura. Pensan nas súas familias e no mal que lles poden causar.


Capítulos 6-7-8

Os personaxes tentar maxinarse un co outro e cavilan na cantidade de cousas que poderían facer de estaren xuntos. Pero senten os problemas que poden causar. Ela pensa moito na súa familia, dáse conta do cariño que lles ten ao mesmo tempo.


Capítulo 9

Os amantes viaxan a Portugal, vivindo unha fin de semana estupenda onse se poden entregar ao seu amor, sen pensar en nada nin en ninguén. Pero de volta, a protagonista plantexa a relación: continuar ou non. Deben pensar e decidir que é o mellor para eles e para as súas familias.


Capítulos 10-11-12

O amante está obsesionado co seu amor. Deben decidirse xa. El fala da separación coa súa muller. E ela...
Na porta do instituto hai un anuncio importante... O protagonista decide inmortalizar a súa relación creando esta novela.

10/11/07

O diario vermello de Flanagan


Recomendación de Marcos González Fernández

O diario vermello de Flanagan
Andreu Martín e Jaume Ribera
Galaxia




O certo é que o libro gustoume moito, pero non sei que escribir del para recomendárvolo.
Rin moito e ata sentín empatía con algúns personaxes, e mesmo sorpresa.
Destaco o diálogo da páxina 129, de verdade, non volo perdades.
Paréceme de grande importancia, tanto o traballo para Bioloxía como os diálogos, xa que aportan moita información en temas diferentes e importantes, por exemplo nas ETS.

Un estudio en escarlata


Texto e dietario de Marcos González Fernández

Un estudio en escarlata
Arthur Conan Doyle
Galaxia



9-10-2007


Pareceume moi orixinal e bonita, así como sinxela, a definición que fai Holmes do cerebro humano na páxina 21.

10-10-2007

Creo que Holmes é unha persoa extraordinariamente astuta, aínda que non me gusta ese ton despectivo con que trata aos outros detectives: é un prepotente. Ao rematar o capítulo 4 sigo a sorprenderme coa sagacidade de Holmes, tenme abraiado.

12-10-2007

Capítulo 6 e creo que é Holmes o que ten a razón: os detectives de Scotlan Yard están enganados. Creo que Holmes comeza a ter todo baixo control.
É incrible: xusto cando o caso semellaba estar máis complicado, con outra morte máis, Holmes atrapa ao asasino tendéndolle unha trampa. Quedei como "descolocado" ante o xeito de resolver a situación.

16-10-2007

Indígname que alguén obrigue a facer a outros algo que estes non queren, como casar. Aledoume que John botara da casa a esa xente: sinto empatía co vello.

21-10-2007

Que rabia: matárono. Agora trátase de salvala a ela... pero non chegan a tempo.

23-10-2007

A pesar das simpatías con certos personaxes, creo que os últimos acontecementos tiñan que sucederse deste xeito. Pero o que destaca por riba de todo é a capacidade de dedución de Holmes.

07/11/07

A revolta dos animais


Lectura e comentarios de Thalía Troitiño González

A revolta dos animais
George Orwell
Edicións Positivas




Capítulos 1 ao 6

Paréceme que o que queren conseguir os animais non lles vale de moito, pois foxen de ser posesión dos seres humanos para adorar e ser fieis aos porcos.
Os porcos son máis astutos, preocúpanse de estudar e de aprender todo o necesario, para así ser os novos xefes da granxa. Intentan evitar toda clase de problemas que os prexudiquen.
O resto dos animais viven enganados, fieis ás ordes do seu servidor, pensando que así conseguirán unha vida mellor. Pero o único que reciben é un trato cada vez máis parecido ao que lles proporcionaba o seu antigo dono.
Paréceme que o final desta historia non vai ser nada agradable para os animais agás para os porcos.


Capítulo 7 ao final

Como eu preveía, o final feliz que esperaban os animais non apareceu. Despois de tanto traballar para acadar unha vida de liberdade e xustiza, o único que reciben é o mesmo trato, ou mesmo peor, que cando estaban baixo o dominio dos humanos.

O que a min me transmite esta historia é que na vida sempre haberá inxustizas e alguén que dun modo ou outro queira arrebatarnos a liberdade. Para iso temos que saber afrontar cada reto que nos propón a vida sendo sempre conscientes do que estamos a facer.
Este relato demostra que os seres humanos somo moitas veces avariciosos e case sempre capaces de facer calquera cousa, ata conseguir o que se quere, como fixeron os porcos.

Recomendo este libro. Non só é entretido senón que é capaz de amosar o cruel que se pode chegar a ser ata conseguir o que un quere.

06/11/07

A pensión Eva


Comentarios de Laura Carballo Mato

A pensión Eva

Andrea Camilleri
Galaxia





Capítulos 1,2

A medida que vou lendo o libro vaime gustando máis. Sorprendeume moito, non o maxinaba así. A pensión Eva é en realidade unha casa de prostitutas. Salienta as ganas de saber de sexo do protagonista.

Capítulo 3


Hai guerra, toda guerra implica mortes... pasaralle algo ao protagonista? "Cada mañá ía mirar se a pensión Eva estaba de pé ou se fora derrubada pola noite": esta frase reflicte a preocupación verdadeira do protagonista. Nesta capítulo fala tamén da sorte, a sorte de que non che toque a ti o roce da morte nunha guerra.
O protagonista comeza a ver ás mulleres da pensión como mulleres máis que c
oma prostitutas: persoas con sentimentos, medos, ledicias... Creo que hoxe en día hai moitas persoas que non pensan así, discrimínanas sen máis.

Capítulo 4

Perdinme un pouco. Neste capítulo fálase dunha serie de prodixios e milagres totalmente diferentes con algo en común: todos ocorreron na pensión Eva, como se esta estivese construída sobre un lugar sagrado.

Capítulo 5 (final)

Gustoume o libro a pesares de que o verdadeiro protagonista é a guerra. Cheguei a sentir mesmo anguria ante os avatares do protagonista, a quen finalmente non lle pasou nada. A pensión Eva quedou destruída, o que me causou unha gran sorpresa. O libro remata coa chegada á maioría de idade do protagonista e do seu mellor amigo. Tamén faime reflexionar sobre o valor da amizade: un ser que sempre está con un.
Recomendo a lectura desta novela, é entretida e reflicte o xeito de sobrevivir a unha guerra, a importancia da amizade, do amor. Para min o libro dá un xiro desde o comezo, onde nos fala da importancia de espertar a curiosidade polo sexo -ao igual que da súa inocencia-, e remata co valor da amizade e do amor mesturados coa crueldade da guerra.