ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

14/04/18

A soidade do asasino


Comentario de Alba Gómez Barros


A soidade do asasino
Carlos G. Reigosa
Xerais




Unha dialéctica entre a vítima e o asasino na que os dous comezan a falar e sucede algo inevitable, deixan de ser dous descoñecidos. Pouco a pouco van descubrindo as súas verdadeiras identidades e isto fai que a acción demore ata un final incerto. Pode o asasino deixar de selo? Pode a vítima evitar o seu fatal destino?
Cómpre resaltar que este libro enganchoume na súa lectura dende un primeiro momento, xa que me mantivo nun estado de intriga dende a primeira páxina. Durante todo momento tiven unha gran curiosidade por un final que dende a miña perspectiva variaba a cada paso que transcorría a historia.
Ademais da trama principal, parecéronme moi entretidas as historias secundarias que lle daban unha explicación ao enfrontamento entre a vítima e o asasino.
O feito de que este libro tivera dous personaxes paréceme un punto positivo, xa que logra narralo mellor e dunha forma incrible.
En conclusión A soidade do asasino gustoume moito e pareceume un bo libro. A pesar de que as pezas teatrais e o misterio non é o meu, o autor logrou espertar o meu interese.
 

11/04/18

Trampa de luz



Comentario de Alba Gómez Barros


Trampa de luz        
Agustín Agra
Xerais






Trata sobre unha rapaza chamada Irene a quen lle gusta sacarlle fotos a canta planta ou animal, para logo recoñecer a súa identidade. 
A presenza na vila do tanxedor de campás provocou que ocorrese algo fóra do normal. Apareceron uns paxaros de plumaxe maxestosa, dos que non atopou referencia ningunha. Ademais ocorreran outros acontecementos inquietantes na vila. Algo inexplicable ocorre cos animais.

Cómpre resaltar que a lectura deste libro non me resultou precisamente doada, xa que me custaba relacionar os capítulos e por veces perdíame na trama. Porén cheguei ata o final o xa que tiven curiosidade ao principio polos nomes, por exemplo dos insectos aos que fotografaba Irene. Logo comecei a meterme na historia dos paxaros que apareceron co son das badaladas. Ademais como o libro é moi curtiño lino dunha soa sentada.

En conclusión Trampa de luz chamoume a atención e pareceume entretido, a pesar de que este tipo de libros non me adoitan gustar. E si, recomendaríao.

09/04/18

O pintor do sombreiro de malvas

Comentario de Alba Gómez Barros
 
O pintor do sombreiro de malvas
Marcos Calveiro
Xerais



Trata sobre un adolescente que ten que pasar unha tempada cunha tía na vila de Auvers. Durante os días de verán coñece a Vicent, un pintor do que se fará inseparable. Ademais coñecerá o amor e algúns misterios sobre o seu pasado e enfrontarase á morte, que o obriga a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.
É importante resaltar que dende un primeiro momento estiven na pel dos personaxes e gocei coa lectura. O que máis me chamou a atención foi a vida do mozo que a pesar de ter 16 anos, tense que enfrontar a moitas dificultades e tamén á morte.
Este libro tamén destaca pola relación entre o mozo e o pintor, xa que as súas confidencias tivéronme entretida ata o final.
Pareceume impactante, xa que na primeira páxina comeza cunha frase que me chamou moito a atención (“Non esquezamos que as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas”)
En conclusión este libro gustoume moito, resultoume entretido e pareceume moi boa a forma que utiliza o autor para contar esta historia. Recoméndoo a calquera persoa xa que estou segura de que lles gustará.
 

08/04/18

Made in Galiza

Comentario de Álba Gómez Barros

Made in Galiza
Séchu Sende
Galaxia
  


A través de relatos curtos o autor transmite a situación da lingua galega dunha maneira moi particular e entretida.
Cómpre resaltar que dende un primeiro momento xa me chamou a atención tan só polo título.
Para narrar utiliza a sátira e a retranca, e isto enganchoume na lectura, que me resultou moi rápida e doada. En xeral todos os relatos me chamaron a atención pero gustaríame destacar “Na oficina de obxectos perdidos” xa que o autor logra expresar dunha maneira moi clara e directa a situación do galego. Tamén podería nomear outro onde os pais lle imparten unha educación en castelán a súa filla, sendo galego falantes. Como pensan recuperar a lingua?
En conclusión Made in Galiza encantoume, a pesar de que as verdades doen ao ver que seguen así. Paréceme un libro moi entretido e interesante, que llo recomendaría a todos para que reflexionasen sobre a situación do galego e da importancia de perder unha lingua. Ademais penso que lle serviría a moitos para darse de conta de que o galego tamén é unha gran lingua, e que o poden falar perfectamente e por iso non van a ser inferiores aos casteláns falantes.

01/04/18

A soidade do asasino


Comentario de Iker Calvo Pérez


A soidade do asasino
Carlos G. Reigosa
Xerais








´´A soidade do asasino´´, un libro escrito por Carlos G. Reigosa e que nos mergulla nunha curta obra de teatro, que conta a historia dun asasino que ten como único encargo matar a súa vítima chamada Claudio, pero algo raro sucede que decide non usar o método que sempre utilizou e  secuestralo, e intentar saber o porqué de que non o puidese matar; aquí é onde verdadeiramente comeza o interesante do libro. 
Estes dous personaxes establecen unha conversación na cal o obxectivo de Claudio é gañar tempo para que non o mate e poder chegar a un acordo, e o obxectivo de Víctor, o asasino, é intentar saber por que non o pode matar. O sorprendente é que pasan de ser uns completos descoñecidos a coñecerse case á perfección ao se dar conta de que son como almas xemelgas.
O destino de Claudio que parecía máis que claro que ía ser a morte , ao se dar conta da debilidade de Víctor, a cal é que se ve reflexado nel, xa non parece tan claro…
Na miña opinión ´´A soidade do asasino´´ ten un xiros na trama que son totalmente inesperados e tamén dicir que é un libro moi curto e moi entretido o que fai que te enganches moi rápido e tamén que te quedes con ganas de máis.