ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

13/07/14

2044

Comentario de Mariña Castro


2044
Eduardo Santiago
Galaxia



"Cando dende a Terra contemplamos unha estela que se atopa a cen anos luz, en realidade estamos vendo o pasado da estrela, como era hai cen anos"
"Fisicamente é imposible viaxar a unha velocidade maior á luz. Algo que non sexa físico, tal vez imaxinario podería gañarlle a partida á luz."
Que peculiaridade ten a data do catro de abril do 2044? O catro é o número da natureza, do concreto, do real e da razón (eu aporto que na cultura xaponesa o 4 é o número da morte e da mala sorte).
O pai de Lena ten planeado facer do día do 14 aniversario da súa filla algo memorable, e chegará a argallar as probas máis enrevesadas que os invitados viran, cuxa solución deberán achar para poder saír desta case perversa idea.
E se as cousas non son o que parecen? E se unha inocente adiviña nunha invitación de aniversario se volve un completo enigma que é crucial resolver? Co simple feito de enviar a invitación á festa comeza o xogo.
Non un xogo calquera, un que porá a proba a intelixencia (e a paciencia) de nove adolescentes que terán que sobrevivir nun tempo imaxinario.
Faite pensar, mantente enganchado e aínda que puidera prever algún pequeno enigma, a maioría fixéronseme imposibles.
Vivín cos personaxes a desesperación e o desacougo, o desexo de saber que se esconde tras os números.
O autor mestura as relacións dos adolescentes (amoríos, disputas, amizade...) coas matématicas e as ciencias, sendo eu pouco amiga deses tres conceptos quedei abraiada con este libro, pois sen dúbida é dos máis orixinais que caeron nas miñas mans.




Aínda que o autor enróllase demasiado...  gustoume!

05/07/14

Corredores de sombra

 Comentario de Mariña Castro


Corredores de sombra
Agustín Fernández Paz


Esta é unha das novelas de Agustín Fernández Paz que máis me engaiolou, pola intriga que empapa as súas páxinas e as ganas (case desesperadas)  que provoca no lector resolver o misterio que agocha un cadáver do pasado.
Non hai heroes irreais nesta historia, só os retratos en sepia de mozos que viviron nun cru pasado, que parece tan afastado e esquecido.
A historia é narrada de xeito moi verosímil e os personaxes teñen esa falta de humanidade que os fai tan humanos. Esa capacidade de mirar cara a outro lado para evitar que o seu "reinado" se desmorone.
O tempo pasa, pero os recordos perduran. Os soños truncados, os amigos perdidos, as enemistades formadas...
A nosa protagonista Clara dedicará o verán a tratar de resolver o misterio do morto que leva no faiado do pazo da súa acaudalada familia máis de medio século.
Vivimos con ela o risco que corre na busca de probas e historias, o afastamento de seus pais, o descubrimento do primeiro amor...
Chegas a collerlle cariño despois de todas esas vivencias, pois ela non quere ser coma o resto das neniñas ricas da vila. O seu apelido non lle permite xuntarse con calquera rapaz, nin portarse inadecuadamente, pero ela é unha inconformista que está disposta a chegar ata o final do espiñoso asunto no que se veu envolta a súa familia.
Tantos segredos enterrados, tantas preguntas sen resposta, eses amores que se esvaecen co tempo, esas atrocidades que nunca deberon quedar impunes son os que te van enganchar a este libro.
Moi recomendable!

04/07/14

Poetízate

Comentario de María Framiñán


Poetízate
Fran Alonso
Xerais









Un libro cheo de poesía que nos fai rir, chorar, imaxinarnos paisaxes que describe a poeta ou incluso pensar en momentos ou lugares que ti viviches .
En xeral, este libro encantoume pola sinxeleza á hora de que escriben cada poeta e pola claridade e o ben que se entenden os poemas. Sen dúbida este ano cambiei de parecer en canto o da poesia, cada dia leo máis e gústame máis porque é unha forma de transmitir os teus pensamentos ou sentimentos. Os poemas que máis me gustaron foron:
Dixo : Voume
E tralas súas palabras,
suspendido no aire
quedou un silencio
que ía desfacendose coma unha flor .
Eva Veiga.  Paisaxes do baleiro


E na paixón sorprendeuse
camiño da locura .
Ana Romaní. Das últimas mareas


Pensar que ti estás tamén nesta noite
Na outra banda do silencio
E agardar que esvare paseniño a lúa
Dos teus ollos ós meus beizos
Latexando tremulamente no abismo
Ficaremos.
Ana Romaní Palabra de mar


Quérote,
sen que veñas
ó meu carón
como algo fixo.
 Lupe Gómez  Os teus dedos na miña braga con regra

03/07/14

Xardín de inverno

Comentario de Helena Pereiras Villamayor



Xardín de inverno        
 
Ledicia Costas

Everest


Xardín de inverno é un libro de poemas que fala da morte e da soidade que pode producir esta. 
En xeral, os poemas gustáronme moito porque neles fálase da tristura que pode producir que a morte dun ser querido apareza na túa vida, porque todo pode dar a volta en moi pouco tempo e sen poder facer nada para evitalo.
Unha cousa que me chamou moito a atención do libro foi que as páxinas estivesen cheas de fermosas fotos relacionadas coa natureza, cousa que me encantou, porque fai que a lectura sexa máis amena. 

Febre

Comentario de Antía Buján


Febre
Héctor Carré
Xerais



Este libro narra a vida de Carmucha, unha rapaza de dezasete anos que o autor creou cunha gran capacidade para crer en si mesma, e ter un carácter fóra do que estamos acostumados a ler, é dicir, independente, guerreira, con carácter, que sabe o que quere, que ten claro os seus soños e o camiño que quere tomar para conseguilos.  Baixo o meu punto de vista esta fouteza foi adquirida debido á perda, cando ela era xove, de súa nai, algo que a deixou marcada e a obrigou a ser máis forte ante a vida e a rebelarse ante as inxustizas (algo que fai  ao longo da historia). Máis alá tamén algo que afecta á  protagonista é o carácter de seu pai ante a morte súbita de súa muller, unha actitude covarde ós seus ollos (deuse á bebida) algo que complicou a súa relación.
Os temas que aparecen no libro gústanme, xa que son moi diferentes todos entre si, dende o contrabando do volframio, co cal calquera que o tivese no seu poder significaba que o seu poder adquisitivo aumentaría considerablemente, ata un amor do cal Camucha renega en gran parte da historia ata o final onde decide deixar o seu carácter rudo e rígxido a un lado para dar un bico apaixoado.
Aínda que hai partes monótonas e lentas o libro tratou cousas que eu no seu comezo non esperaba: prostitutas, violacións,  mafias, etc.
Recoméndolle o libro aos afeccionados destes temas ou os que queiran descubrir a valentía e a reveldía de Carmucha.