ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

15/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Andrea Raíndo Míguez

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


Este libro conta a vida de Balbino, un neno que vive nunha aldea galega nos anos 40 do século pasado, unha época de fame e emigración.
A través das súas vivenzas imos coñecendo os personaxes do seu pequeno mundo: os seus pais, o seu can... Tamén nos amosa os problemas da vida no rural, onde as terras son propiedade do "señor" ao que lle hai que pagar unha renda por traballar e todo o mundo está conforme coa situación agás o Xudío, que é o único que se atreve a falar en contra da igrexa e do señor.
É un libro adicado á amizade e ao amor; Balbino busca a verdadeira amizade seguindo os consellos do seu padriño e atopa o amor na súa mestra, aínda que despois acabe desenganado.
A única solución que ve a toda esta situación é irse a América a onde foi tamén o seu irmán Miguel e onde el soña pode ir algún día.
Penso que o libro reflicte unha situación moi común para todos os habitantes das aldeas, pois todos oímos os relatos dos nosos avós e das súas vivenzas na emigración e temos unha morea de parentes en Arxentina ou Venezuela que son fillos ou netos desa xente que se foi a facer as américas e non volveu.

14/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Lucía González Bouzas

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


O libro gustoume porqeu o que conta foi o que lle pasou á maioría dos nenos galegos no pasado.
Recordoume moito as historias que me conta sempre a miña avoa, porque a ela pasoulle o mesmo ca ao neno, non tiveron infancia.
O que máis me gustou foi que o rapaz intentase cambiar a súa vida escribindo no caderno e rebelándose contra os ricos que mandaban neles.
E o que menos me gustou foi que o tratasen coma un adulto facéndolle levar o loito para que quedase na casa os días de festa e a morte do seu can debido ás galiñas envelenadas.
Tamén creo que o neno pensa moito no mundo e reflicte nos episodios a súa vida como labrego.

13/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Tania López Varela

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia

Este libro gustoume moito e enténdese moi ben, xa que hai familias que pasan polo mesmo. Reflicte as emigracións dos galegos a América por falta de moitos recursos aquí.
O rapaz chamado Balbino ten que axudar moito na casa, é labrego, pero moi pícaro e aventureiro. Conta moito co apoio da familia, que queren que teña un bo futuro.
Isto reflicte o que sempre me di miña nai. Ela tamén, cando viña á escola, tiña que axudar moito na casa e os deberes facíaos moi tarde, pola noite.
Este libro, para o meu gusto, foi extraordinario.

11/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Cristina Núñez Sanmartín

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia

Este libro é moi bonito. Transmite perfectamente a curiosidade dos rapaces polo mundo que os rodea e a o xeito en que os ricos mangoneaban aos pobres.
Non lle quitaría nada, porque me gustou moito, sobre todo cando narra o da profesora Eladia porque me produce unha grande ledicia e a tensión que provoca.
Gustaríame saber se ao fin Flora se fai moza del e se o pai e el volven ter unha relación coma a de antes.
Gústanme os libros que me fan vivilos coma se eu o estivese protagonizando na realidade.

10/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Noelia López

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


Este libro pareceume moi interesante e deume moita mágoa. É un libro que todos poderían ler, fácil de entender, e saber como eran os tempos de antes e que o neno teña a festa e non poder saír por loito en tres anos.
Este libro aprendeume a valorar o que temos agora e que a maioría das veces non sabemos valorar.

09/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Cristina García Cortizo

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


Gustoume moito porque é unha historia que narra como era a vida das persoas no século pasado e como Balbino contaba o que lle sucedía, a morte do seu padriño, o seu novo amigo Lelo que lle salvou a vida, cando se namora de Eladia, a morte do seu can, a marcha do seu irmán rumbo a América... pero Balbino o que quería era facerse maior para irse a América e ser un profesor ou piloto.

08/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Martín Darriba

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia

Este é un libro no que narra a inocencia dun rapaz nos problemas da casa como estar de loito, non poder ir ás festas... Está situado na época da emigración a América, xa o irmán e o amigo marcharon en busca de cartos.
O libro gustoume, pero faise un pouco aburrido.
O capítulo que máis me gustou foi o do día de San Xoán e quitaría o do Sancristán.
A situación era moi mala para os rapaces posto que tiñan que traballar e ir á escola. Chamoume a atención que dixese que ir a Santiago era moi difícil.
Gustoume a comparación da vida co río. Porque hai xente que non a vive.

04/12/11

O diario violeta de Carlota


Comentario de Estefanía López Antelo


O diario violeta de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia


Este libro encantoume, é un deses libros que todo o mundo debería coñecer e ler, xa que o machismo está máis presente nesta sociedade do que cremos. Esta lectura axúdanos a ver con lentes violetas, é dicir, axúdanos a identificar o machismo e aprender a frealo. Algo que por desgraza é moi necesario.

20/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Cristina Núñez Sanmartín

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Este libro gustoume moito porque ese perigo que mostra cando a xente navega por internet é moi real. Este perigo é maior cando te rexistras nunha rede social e sobes fotos e datos reais, porque hai moita xente que quere facer dano a estas persoas, como os pederastas, que se fan pasar por amigos ou coñecidos e despois abusan. Outra preocupación deste tipo son os piratas informáticos que fan perfís falson de famosos ou os acosan. Por iso, o estado podería inventar un corpo policial para protexer a privacidade das persoas en internet.
Xoeliki é interesante, por tanto, ademais de divertido. Gústame moito a relación que ten o protagonista con Estrela, esa relación de amor-amizade.
Eu seguiría contando máis, porque cando o les quedas con ganas de máis. Queres saber se Xoeliki e Estrela se verán fronte a fronte, se Xoeliki chegará a ser un bo pirata...

14/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Lucía González Bouzas

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


O libro de Xoeliki gustoume moito porque é interesante e divertido, xa que nos fala de moitas cousas tecnolóxicas que estamos acostumados a usar.
Non me recorda a ningún outro libro pero si que se me fai familiar a forma de ser do neno, é dicir, é moi afeccionado aos videoxogos e pasa moito tempo só, pero tamén me parece estraño que saiba tan pouco de ordenadores e o móbil o controle tan ben.
O que máis me gustou do libro foi que Xoel coñecese a Ari, xa que parecía que lle gustaba, aínda que tamén estaba Estrela!
E o que menos me gustou foi que o neno non tivese pai e o botase tanto de menos.

13/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Tania López Varela

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Xoeliki é un libro que me gustou moito. Reflicte a moitos nenos de agora que están moi enganchados aos ordenadores, e ás veces non saben no que se meten nin o que fan.
É un neno que supera a morte de seu pai, e fai todo o posible para que a súa nai non estea triste, como debería ser sempre.
Xoeliki coñeceu a Estrela virtualmente: moitos rapaces falan con xente que non coñecen e estes tómanlles o pelo e despois pasan cousas, que nin os pais podían saber.

11/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Martín Arosa Sineiro


Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


A historia de Xoeliki pareceume moi emocionante porque ao final Xoeliki estaba orgulloso do seu pai falecido. O libro está incompleto. Eu engadiríalle outra historia cos ordenadores e os piratas. A nai do rapaz podería aparecer un pouco máis.
A historia da rapaza do chat está moi incompleta, Xoel e ela terían que acabar coñecéndose de verdade.
É un libro moi fácil de ler.
En xeral, gustoume

06/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Gabriel Sieiro Varela

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Este libro encantoume, é un dos mellores libros que lin.
Gustoume moito este tipo de aventuras, pero o final non me parece axeitado por topar o contrasinal por sorte.
O libro faime sentir aventureiro e feliz.
O malo do libro é que é imposible crerse que todo sucede nun só día.

05/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Jéssica Cortizo Sanmartín

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Este libro gustoume moito, pareceume moi real todo, menos o de que o pai estaba no ciberespazo vivo, manexando internet. O que me parecer moi estraño fooi que Xoeliki e Estrela non chegaron a verse en persoa, só pola webcam.
Gustaríame que Zero -a rapaza que vai segunda no xogo- fixera as paces con Xoeliki, xa que foi el o que arranxou o virus.
Sorprendeume moito cando Maverick lle regalou o Magiphone e o contratou para ser ciberpirata: non pensei que este libro fose por aí. Pensaba que a nai se ía enteirar de todo e que Xoeliki lle ía contar a súa nai o marabilloso día que tivera, con teléfono móbil incluído.
Encantoume

04/11/11

Exogamia 0.3


Comentario de Estefanía López Antelo

Exogamia 0.3
Ramón Caride
Xerais

Este libro pareceume moi interesante porque nel o autor reflicte en seis breves historias o punto ata o que podemos chegar nesta sociedade: racismo, egoísmo, enganos, onde o único e máis importante é o diñeiro, o que máis capital ten é o que manda sobre todo e sobre todos. Quizais semelle algo esaxerado, pero está presente no noso día a día.
O libro, por tanto, trata de abrirnos os ollos á realidade social que temos arredor e coa que convivimos cada día, moitas veces cos ollos pechados.

03/08/11

Anagnórise


Comentario de Bruno Rivas Fernandez


Anagnórise
Mª Victoria Moreno
Galaxia



Conta a historia dun rapaz que marcha da casa sen avisar a ninguén, para levar a Madrid un quilo de droga. Para ir fai autostop e o final recólleo unha muller. Durante a viaxe debaten diversos temas, incluso a veces se anoxan, xa que a muller “pica” ao rapaz. Paran varias veces; nunha feira a comer, nun mosteiro no cal lles contan unha historia de amor… ata que chegan a Madrid. Ela antes de deixar ao rapaz regálalle unha pluma e dálle a idea de que escriba unha novela sobre todos os seus problemas como: os problemas de alcolismo de súa nai desde que morreu súa irmá na praia, que o busca a Garda Civil… e dille que a novela podería chamarse Anagnórise. O rapaz acaba chegando ao hotel da muller onde lle din que morreu e no que lle deixou unha carta. A muller era Xulia Andrade, unha escritora. Foi ao enterro e no cemiterio aparece Natalia, que era a filla de Xulia.
Este libro gustoume bastante. Conta unha historia interesante sobre os problemas dun rapaz normal e a súa vez, está cargada de emocións.

03/07/11

Toda unha sorpresa

Moitas veces pensamos que este blogue é pouco lido e o meu alumnado cre que de nada serve botar aquí os seus sentimentos respecto das lecturas que van realizando. Por iso, este agasallo ten un dobre valor: saber que nos len e que hai alguén mesmo a quen lle importa. Que nolo ofreza, ademais, un blogue tan importante como é Revolta da freixa énchenos aínda máis de satisfacción: moitísimas grazas, sinceramente.



Aínda que os requisitos para cumprir advirten que lle debemos pasar este premio a 12 blogues, imos "pasarnos" as regras para dárllelo a todos os blogues lectores que hai no noso país, a todos aqueles que promocionan a lectura e a todos aqueles que reflicten o traballo feito nos numerosos clubs de lectura dos centros de ensino. Para todos eles, por un labor esencial cultural.


20/06/11

O diario violeta de Carlota


Comentario de Carmen Campos García

O diario violeta de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia




Gustoume moito este libro xa fala dun tema ben interesante como é o machismo, porque aínda que pensemos que este tema é pasado, está moi presente na sociedade na que vivimos e sobre todo nos países subdesenvolvidos. Tamén é bonito porque é unha persoa doutra época a que lle ensina a súa neta como é o machismo.
Recomendaríalle a todas as persoas que o lesen.

19/06/11

O Capitán Lobo Negro


Comentario de Zeus Álvarez Gómez


O Capitán Lobo Negro
Xoán Manuel Valcárcel
Galaxia




Neste libro houbo relatos que me gustaron e outros que non tanto, simplemente non me dixeron nada.
Un dos que me gustou bastante foi "Historia de amor" porque é diferente, unha historia de amor moi orixinal, entre outras cousas porque gran parte del é mediante carta, a diferenza de idade, etc.
Porén, o conto de "Valados de pedra" non me gustou tanto xa que aínda que sei que cousas coma esa son certas, o de que todos nunha vila estean en contra dunha persoa sen razóns aparentes, pero é unha historia triste que non volvería ler.

18/06/11

Que me queres, Amor?


Comentario de Sarai López Espiña


Que me queres, Amor?
Manuel Rivas
Galaxia



É un libro que tiña moitas ganas de ler porque ten moita sona e xa me falaran del en varias ocasións, ademais sempre quixen ler a Manuel Rivas. O libro é moitísimo mellor do que me contaran. Encantoume. Todas as historias que nel aparecen son fascinantes. Estou segura que non defraudará a ninguén.

17/06/11

Do outro lado do espello


Comentario de Sarai López Espiña


Do outro lado do espello
Jordi Sierra i Fabra
Xerais




É unha novela que destaca pola súa realidade á hora de describir unha identidade sexual que aparece na adolescencia. Gústame moito a maneira en que describe as distintas situacións que presentan. Tamén me gustou a amizade entre Marisa e Amelia. A naturalidade con que o autor enfoca a realidade da súa identidade sexual abre ante o abraio da protagonista.
Encantoume, coido que é un libro que tod@s deberiamos ler.

16/06/11

As aventuras de Tom Sawyer


Comentario de Alejandro Villaverde Dapena

As aventuras de Tom Sawyer
Mark Twain
Xerais


Este libro gustoume bastante xa que me adoitan gustar bastante os libros de aventuras. Non me gustou que o libro tivera un final tan feliz xa que prefiro os finais un pouco máis tráxicos, pero sen que morran todos. Gústame que o libro dea bastantes voltas xa que me gustan os libros nos que a historia non vai sempre nunha dirección. O que máis me gustou é que o libro estea dividido en relato, posto que iso encántame.

15/06/11

Erros e Tánatos


Comentario de Eduardo Villaverde Iglesias


Erros e Tánatos
Gonzalo Navaza
Xerais



Este libro en xeral gustoume. Está dividido en varios contos independentes. O que máis me gustou foi o de Castelos na Area; despois de traballar tanto e esforzarse dese xeito non lle deron o primeiro premio, pero o que fixo estivo ben.
O que máis graza me fixo no libro foi que coincidise un nome que nel aparece cun nome dun club de alterne que había en Cerdedo: o "Pen Club".
Tamén me gustou moito o relato de Balangandous: estívolle moi ben o que lle pasou, por tentar namorar e quedar co seu mozo con meigas e enganos.

O Principiño


Comentario de Belén Rey Doval


O Principiño
Antoine de Saint-Exupery
Galaxia


Sen dúbida este libro que empeza como un conto infantil de fantasía está cheo de ensinanzas morais sobre a vida adulta, como pouco a pouco as persoas imos perdendo a nosa imaxinación e a nosa inocencia para nos converter en adultos cheos de obrigas, responsabilidades, prexuízos e moitos outros sentimentos de maldade que no fondo nos impiden ser felices e gozar da vida e do mundo que nos rodea.

14/06/11

O novo diario dun xove maniático


Comentario de Belén Rey Doval


O novo diario dun xove maniático
Aidan MacFarlane. Ann McPherson
Xerais


Como observamos no libro, Pete é un adolescente maniático da saúde, que fai unha ampla investigación de diferentes aspectos: acne, alcol, sexo... A obra está dirixida aos adolescentes e transmite moita madurez por parte de Pete, quen se interesa por tan diversos aspectos; pode mostrar como os adolescenes non lle preguntan aos pais sobre temas como o sexo, principalmente, por vergoña.

13/06/11

Chamábase Luís


Comentario de Santiago Villaverde Fernández


Chamábase Luís
Marina Mayoral
Xerais


Foi un libro que me gustou porque conta a historia dunha familia que lle tocou vivir nunha contorna difícil por culpa do seu fillo Luís, que é un drogadito. A nai da familia é a que asume todas as responsabilidades, porque o seu home morreu e o outro fillo, que ten unha boa vida cunha muller e cun fillo, non quere ter nada que ver co seu irmán. A nai sabe qeu o seu fillo vai morrer pero non o quere ver sufrir, por iso cando o fillo lle pide cartos para droga, ela dállos.
O libro tamén me gustou porque conta a historia dunha familia real, e todos os sufrimentos que ten que pasar. O que menos me gustou do libro é que é moi repetitivo, porque todos os personaxes contan a mesma historia.

12/06/11

A esmorga


Comentario de Alejandro Villaverde Dapena


A esmorga
Eduardo Blanco Amor
Galaxia


Como xa me advertiras, foime un libro moi difícil de ler, pero moi difícil, pero aínda así foi un libro que me gustou moito xa que encantaron os personaxes. O final gustoume, xa que deixa con algo de intriga e eses son os finais que máis me gustan. Con respecto os personaxes parécenme a "repanocha".

11/06/11

Os vellos non deben de namorarse


Comentario de Eduardo Villaverde Iglesias


Os vellos non deben de namorarse
Castelao
Galaxia



Este libro gustoume pero tiven que volver a ler o primeiro lance porque non entendín moi ben o papel da morte.
En xeral, gustoume, pero non me parecen ben as mentiras que as mozas lles contan aos pobres vellos para engaiolalos e quedar coas súas pertenzas. Os vellos acaban morrendo pola dor que lles causa o amor non correspondido.
Pero o peor de todo é que cando xa están mortos e chega o señor Fuco danse de conta das mentiras que creron, causándolles unha gran tritura.

10/06/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Santiago Villaverde Fernández

Memorias dun neno labrego
Neira Vilas
Ediciós do Castro


Foi un libro que me gustou porque conta a historia de Balbino, un rapaz de aldea, "un ninguén" como el dicía, que era pobre como o resto da xente daquela época. El estaba rodeado de desgrazas e de tristuras polo que non tivo unha infancia demasiado feliz.
Esta historia lémbranos as historias que nos contan os nosos avós da súa traballada e difícil infancia. Tamén nos contan que naquela época os rapaces non se tiñan en conta, pero aínda así non tiñan case infancia porque pronto tiñan que traballar e defenderse. Neste libro tamén aparece outro tema moi importante da sociedade galega que era a emigración, que algúns a consideraban como solució e outros crían que non o era.

09/06/11

Xogo sucio


Comentario de Eduardo Villaverde Iglesias

Xogo sucio
Manuel de Pedrolo
Galaxia


Esta obra ao primeiro non a entendín moi ben, penso que foi porque no libro hai unha chea de castelanismos e palabras mal escritas, ademais de explicar cousas mal ou explicalas pouco e sen aclaralo ben.
Pero canto máis ía lendo máis me foi gustando e fun capaz de entendelo. Non me gustou o que lle fixeron ao pobre protagonista. No enredo no que o meteron e o que lle fixeron tras enganalo e facerlle crer que ao matar ao pobre vello ía quedar coa moza.
O peor de todo foi ver como o pobre quedaba abraiado ao descubrir o engano.

08/06/11

A cabeza de Medusa

Comentario de Estefanía Rey Campos

A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Neste libro o que máis me sorprendeu foi o desenvolvemento da historia. A protagonista, Sofía, foi moi desgrazada e os sucesos que lle aconteceron son dignos de respecto cara á vítima que os padece. Síntome reflectida coa forma de pensar da muller amiga de Sofía, Lupe, que cara ao comezo da obra dixo "Que cantidade de hormonas crías! Algunha destas en canto lle dean solta vaise tirar á xulgar dos mozos" e creo que ten moita razón porque hai persoas que aínda sabendo o novos que son fan tales cousas como as que dixo Lupe.
As violacións que sofren as dúas rapazas son terribles e elas sofren as consecuencias de tal acto. O feito de ter denunciado implica e demostra a valentía das rapazas, sobre todo de Lupe que, aínda cos pais en contra, denuncia aos agresores e dá un dato relevante para a súa identificaicón, a matrícula do coche, aínda que foi Sofía quen se lembrou do dato diante da policía.
O relato é triste porque sentes o sufrimento das dúas rapazas pero á vez é entretido porque estás pendente do que pasará na investigación e o que pasará entre os rapaces ao cruzarse coas afectadas.
Gustoume, en definitiva, o relato, pporque presenta un problema da sociedade na que calquera pode estar afectado, aprendeume a reflexionar sobre o valor que ten denunciar por calquera infracción que máis tarde pode axudar a outros a intentar denunciar tamén e aprendín, ademais, que non se debe ir no coche cuns descoñecidos a altas horas da mañá, polo que poida pasar.
Foi un libro que me gustou moito e co que me entretín moito.

07/06/11

Os vellos non deben de namorarse


Comentario de Santiago Villaverde Fernández


Os vellos non deben de namorarse
Castelao
Galaxia


Este libro gustoume porque nos conta a historia de tres vellos que se namoran de mozas moito máis novas ca eles. O libro está dividido en tres lances nos que se conta a historia dun vello boticario, de don Ramón (un vello verde e borracho), e de Fuco (un vello rico). Estes tres vellos acaban morrendo e reuníndose no ceo e falando da vida que levan agora as súas mulleres, e déronse conta de que morreran por namorar de xente nova.
O libro conclúe que cando un é vello non se debe namorar da mocidade, porque a diferenza de idade implica outra moitas diferenzas.

06/06/11

O último traballo do señor Luna

Comentario de Bruno Rivas Fernández


O último traballo do señor Luna
César Mallorquí
Rodeira



Encantoume este libro, especialmente pola maneira en que o escritor crea o misterio e cada páxina invitar a ler a seguinte. Tamén me gustou moito a historia que conta e como se cruzan as vidas de tres persoas tan diferentes, como son Flor, Paulo e o señor Luna. Igualmente me gustou o referente de Paulo e a súa vida, tamén os seus intentos por lle gustar a Patricia. Impresionáronme os esforzos de dona Flor por axudar a Paulo a superar os seus problemas, tanto na súa casa coma no seu instituto, e tamén como foi capaz de converter un asasino a soldo nunha mellor persoa, que axuda aos demais.

05/06/11

O principiño


Comentario de Carmen Campos García


O principiño
Saint-Exupery
Galaxia


Foi un libro que me gustou moito e aconséllolle a todo o mundo que o lea. O que máis me gustou foi como ao principio ensinaba os seus reloxos e o que a xente maior pensaba deles. Encantoume o que ía contando de cada planeta

31/05/11

Látego de algas

Comentario de Aroa Espiño


Antón Reixa
Látego de algas

Espiral Maior.

Un libro que coa súa poesía fai que te olvides de todo o que te rodea, unha poesía fácil de sentir, unha poesía que te evade.

Lin moi pouca poesía e nesta encontro algo que me desconcerta: palabras aparentemente perdidas entre os versos e que, para min, non teñen sentido ningún. Pero máis me desconcerta ver que me gustan, inda que non entenda ben os poemas, lévanme a outras realidades e sorpréndeme, despois de gozar o poema quedo cavilando na habilidade dos poetas para chegar ao máis fondo.
Algúns termos que repite moito son: "látego de algas, ansiedade opaca, látegos sonoros de algas opacas, cabeza de vento".
Non sei se é así con todo o mundo, pero a min pásame que sempre que me sinto identificada coa lectura, cos sentimentos que plasma o que escribe, gústame. Gústame porque hai veces que parece que ten a chave do que penso xa que manifesta os meus pensamentos mellor do que eu o faría, e deste libro en moitos dos poemas vinme reflectida, de feito, ata un deles coincide con algo que eu escribira anteriormente. O poema é "Cabezas de vento". Fala dunha parella que está na praia xogando, están namorados, ao comezo moi namorados pero por unha parvada comezan a discutir, a discusión aumenta, lévano todo máis alá das palabras, e todo cambia, o estado de ánimo destas dúas persoas e seguramente as vidas, nuns minutos.
E fai unha reflexión, ou a min parécemo, sobre os axentes externos a eles dous, o clima, a paisaxe, todo o que lles rodeaba non cambiara.
Non sei; nunha ocasión cando todo me parecía que ía mal, despois duns días metida na habitación, saín pasear polo monte, cheguei a uns penedos e mirando para a miña casa e as veciñas soprendeume, inda que non debería, sorprendeume que aínda que a min me cambiara a vida, o exterior non se percataba de nada, todo seguía igual, as mesmas casas, o mesmo ceo e as mesmas árbores de había un ano e de había quince.
Un poema que me encantou foi "Respirada nos meus salaios". Pareceume precioso o xeito no que expresa todo o que é para el, o moi dentro de si que a ten.
É un libro que xa lin varias veces e que quero volver reler de cando en vez.

15/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Aroa Espiño


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia

Este libro non me gustou, fíxoseme moi longo e paréceme que lle dá demasiadas voltas a todo. O detective investiga por todas as partes, mesmo en lugares dos que non tira ningunha pista. Leo Caldas é un tipo que me gusta e nalgunha parte do libro ata rin con algunha das contestacións que lle manda ao seu axudante.
Paréceme interesante o toque misterioso que lle deu o autor á historia poñendo o afundimento do Xurelo como posible desencadeante da morte do Rubio.
Outro aspecto que me gustou foi o feito de que estea ambientada no noso tempo e nun lugar tan próximo a nós, síntese máis achegado todo.

13/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Bruno Rivas Fernández


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Este libro gustoume moito. Ao principio pensei que me ía ser difícil de ler, xa que é moi groso, e porque nunca lera ningunha novela negra. Tamén me impresionou a capacidade que ten o escritor de entreter e ao mesmo tempo que cada páxina invite a ler a seguinte. Gustoume máis a partir da páxina 50, cando comeza de verdade a investigación. O personaxe que máis me gustou foi Estévez que lle dá un toque de humor á historia.
Gústame que o autor consiga terme en vilo e que tente pensar quen é o asasino. Gústame esa dúbida constante que consegue crear e que leva a buscar outros asasinos diferentes, sempre pensando no que non é. O mellor é o final, cando se descobre quen é.

10/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Alejandro Villaverde Dapena


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia



Este libro gustoume bastante porque ten intriga dende o comezo e iso é algo que me gusta porque cando menos é un acicate para me enganchar desde o principio da acción, que xa teñan emoción para animarme a seguir lendo.
Ten un final inesperado posto que non pensei nese asasino e dálle moitas voltas para chegar a sabelo e investigou a moitos outros que de nada lle serviu.
É un libro entretido que a pesar de ser tan longo lese fácil.

09/05/11

A praia dos afogados

Comentario de Belén Rey Doval

A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Un libro con moita intriga. Ao principio pensei que ía ser aburrido pero pouco a pouco foime gustando máis.

08/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Zeus Álvarez Gómez


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia



Teño que admitir que eu non son dos que len moitos libros, pero sen dúbida este foi o mellor de todos os que lin ata agora. Os libros que se basean en historias reais sempre me chamaron a atención, e este impresionoume. Paréceme perfecto o lugar, os personaxes, o tema en si.
No momento en que un se mete na pel do inspector, cada páxina engancha máis e máis xa que todo se vai concatenando. O libro é moi detallista, conta parte por parte o que se considera importante e isto fai coma se se estivese a producir no momento.
Gústame Rafael, que semella estar nun segundo plano pero a súa maneira de ser é moi parecida á dun principiante e iso inda leva máis á realidade.

07/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Santiago Villaverde Fernández


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Foi un libro que me gustou moito porque nos conta a historia dun policía chamado Leo Caldas que investiga a morte de Xusto Castelo, que parecía un suicido pero resulta ser un asasinato. Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez interrogan e buscan probas en Panxón, onde apareceu o cadáver de Castelo e o seu barco afundido no mar, nun lugar difícil de chegar en barca.
O final é moi interesante porque non o imaxinaba

06/05/11

A praia dos afogados

Comentario de Sarai López Espiña


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia

É un libro que me gusta moito xa que é de misterio. Tamén me gustou moito porque é moi entretidoe pásalo moi ben lendo. Como conta a historia encantoume porque é moi ameno e moi fácil de ler. A investigación é moi interesante e o seu compañeiro Estévez faina moi divertida. Para min é unha novela perfecta e máis que recomendable.

05/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Eduardo Villaverde

A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Este libro foi un dos que máis me gustou. Non só polo contido da historia senón tamén polo xeito de contala. O autor consegue que o lector non perda o interese en ningún momento, sempre engade algo que che chama a atención e te mete totalmente na historia.
É moi fácil de ler, unh pouco lioso, xa que se non estás atento ao que acontece pode que te perdas e teñas que volver atrás porque o autor dálle mil voltas a quen é o asasino.
Ler este libro non resulta nada aburrido porque o protagonista é un home que semella divertido, astuto, inquieto, intelixente e cun punto chistoso que é quen de reprender os impulsos de Estévez cando quere romper algo ou pegarlle a alguén.
Outras das cousas que me gustou moito foi que o autor meteu un asasinato dentro doutro.

04/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Carmen Campos García


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia



A min este libro gustoume moito xa que me parece unha historia interesante. A pesar de ser un libro tan longo non me custou traballo lelo xa que dende o principio me atraeu. Gustoume asemade o ambiente no que se desenvolveu o libro xa que o mar é moi noso, aínda que eu sexa do interior, así o sinto. O final foi algo insospeitado xa que nunca me imaxinaría quen foi o asasino con tantos posibles culpables. E gústame que o final nos permita imaxinar outras realidades.

03/05/11

Un home que xaceu aquí


Comentario de Sarai López Espiña


Un home que xaceu aquí
Aníbal Malvar
Sotelo Blanco


É un libro que me gustou porque é unha novela negra aínda que para min comeza moi rápido co tema da desaparición. Á parte disto é un libro que engancha e é moi entretido. Recoméndoo por este motivo

02/05/11

O capitán Lobo Negro


Comentario de Aroa Espiño

O capitán Lobo Negro
Xoán Manuel Valcárcel
Galaxia

Este non é un libro nin moito menos dos que podo dicir que deixaron pegada en min, pero considéroo un libro de lectura entretida.
Algún conto non me gustou nada, mentres que houbo un en especial que me sorprendeu a habilidade que ten o autor de facer que non queiras soltar o libro, por ese motivo o relato chámase "Animación á lectura"
Redacta de tal xeito que tiñe sono e non tiña pensado acabar o relato esa noite pero tiven que facelo, o autor fálache directamente e fálache de cousas que fas ou pensas como se as puidera saber e aínda que non atine unha iso fai que gostes da lectura.
O conto "O capitán Lobo Negro" pareceume moi duro, pero todos os contos teñen implícitos sentimentos, o autor non se limita a contar feitos, conta o que sentiu en cada momento e como ían cambiando as circunstancias, iso é algo que me gusta.
E se me tivera que quedar cun parágrafo de todo o libro como o que máis me gustou e me gustaría recordar, escollería este que se recolle no conto "Historia de amor": A vida, comprendino máis tarde, obriga diariamente a elixir. Deses desencontros, de todo o que perdes, aliméntase a nostalxia.

01/05/11

A esmorga


Comentario de Bruno Rivas Fernández

A esmorga
Eduardo Blanco Amor
Galaxia

Este libro gustoume, aínda que me custou lelo porque non é fácil de comprender. Gustoume porque me recordou as miñas troulas do verán, aínda que non facemos tanto mal! O que si me sorprendeu foi o que me explicou a profe, porque eu non me daba conta deses detalles. Non entendín moi ben o da muller do pazo que resulta ser unha moneca.
O final tampouco me gustou moito.

20/04/11

Sabor a ti


Comentario de Sarai López Espiña


Sabor a ti
Suárez Abel
Xerais



É un libro que non me gustou moito, porque é difícil de ler e porque me deu traballo a súa lectura. Para min non é o tipo de lectura que me guste pero creo que si pode gusta a outra xente.

07/04/11

Mexillóns para cear


Comentario de Aroa Espiño


Mexillóns para cear
Birgit Vanderbeke
Rinoceronte


Penso que todas as persoas inconscentemente buscamos o xeito de ser felices, sentirnos ben, todo o mundo quere iso e actuamos limitados pola nosa sabedoría escollendo o camiño que máis nos gusta e máis felicidade pensamos que nos dará.
Unha vez feita esta reflexión paréceme incomprensible a forma de pensar do pai desta familia, que toda a súa obsesión é ter unha familia como é debido, pero ten un concepto diso moi afastado ao que che proporciona a felicidade.
Vive para unha aparencia, sempre preocupado que os de fóra non pensen que son pobres, e non consegue nada con este desvivirse porque os seus fillos leven as mellores notas, todos sempre ben arranxados e esa severidade xa que o libro maniféstase que vive amargado. Iso é de parvos.
El é un home moi intelixente pero... vive por e para as aparencias.
O libro pareceume interesante e que mantén a intriga ata a última páxina, que non se sabe o que sucederá.

04/04/11

Erros e Tánatos

Comentario de Carmen Campos García


Erros e Tánatos
Gonzalo Navaza
Xerais


Este libro pareceume bastante sinxelo de ler. As historias a maioría parecéronme moi interesantes, porén hai outras que quizais non comprendín moi ben. Se tivese que escoller unha non tería ningunha dúbida: escollería "O amigo Delmiro", xa que o final é moi sorprendente; con esta historia pódese chegar á conclusión de que aínda que todo pareza insinuar unha cousa se non temos a certeza non debemos facer nunca algo do que despois poidamos arrepentirnos, como lle ocorreu á rapaza da historia.
É un libro do que aconsello a súa lectura.

30/03/11

Que me queres, Amor?


Comentario de Aroa Espiño


Que me queres, Amor?
Manolo Rivas
Galaxia


Este libro non foi un dos que me enganchan, non me gustou demasiado; non me gusta como está escrito, nin no que se fixa, en cousas que a min non me parecen importantes, por exemplo, no primeiro conto, no óso dunha cereixa. A historia de "Só por aí" si que me gustou, chamoume a atención a actitude que ten o pai para co rapaz que pasou a noite fóra da casa; meu pai si que preferiría que pasara soa a noite antes de que amencera cuns amigos na praia fumando. O pai tan só quere que el sexa coma os máis.

Do resto das historias penso que non as debín entender moi ben porque non sei o que quere transmitir o autor, porque se son como creo é que entón son demasiado simples.