ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

30/11/13

Eu, Pel

Comentario de Ángela Silva Varela



Eu, pel
Teresa González Costa
Xerais



Gustoume moito o libro, pareceume bastante entretido e fácil de ler. Gustaríame ler máis libros coma este. Sigo sen comprender porque ninguén pronunciaba o nome de Pel, nin porque se probaba máscaras.

Poetízate

Comentario de Denise Varela



Poetízate
Fran Alonso
Xerais





Unha compilación de poemas recopilados por Fran Alonso, nos que se atopan unha gran variedade de estilos e autores.
Na miña opinión. o libro non me gustou tanto do que eu esperaba, xa que  oía moitos bos comentarios da xente acerca del e dos seus poemas. Supoño que as miñas expectativas falláronme. Pero tamén debo dicir que nunca se me deu por ler poesía, xa que nunca me atraeu moito e isto, por dicilo de algunha maneira, era “algo novo para min”. Pero penso que agora si que me vou achegar un chisco máis á poesía. Aínda así, non o vou negar,  houbo certos poemas que me namoraron, destacando os poemas de Lupe Gómez e a súa sinxeleza de escribir  eses  versos. Sen dúbida ningunha, podo dicir que os seus poemas namoráronme, o que máis “Quérote”. Cada vez que os acababa de ler, botáballe unha ollada tras outra. E tamén me vou quedar co poema de “Tócame” de Rosalía Fernández , que me pareceu un dos máis fermosos.
 Por último, darlle as felicitacións a Fran Alonso polo duro traballo de escoller entre tanto poemas galegos, e xuntalos nun mesmo libro. Grazas ao seu esforzo e á súa dedicación.
 

29/11/13

A evolución de Calpurnia Tate


Comentario de Andrés Cangas Sánchez


A evolución de Calpurnia Tate
Jacqueline Kelly
Kalandraka

Este libro sorprendeume  para ben, xa que toca temas que ao meu parecer son moi interesantes. Para empezar comento o que me pareceu en xeral e logo, máis polo miúdo. 
Ben, como dicía, en xeral o libro é bastante extenso, aínda que non me levou demasiado lelo, trata temas como o machismo da sociedade da época, o desamor…
     Máis en concreto trata dunha nena de doce anos, que era a única rapaza dos sete irmáns, a do medio, que constituían a familia, de modo que a moza recibía un trato distinto. Nestes detalles presentes no libro, detecto unha intención por parte da autora de crítica cara á sociedade da época, sobre o ano 1899. Sorprendeume que a nena quixese ser científica e que súa nai non a apoiara, senon que desexaba que a nena aprendese a cociñar, coser…  que buscase un bo home e traballase para el… é dicir, símbolos claros de machismo. A única persoa que a apoiaba era o seu avó, que en principio preséntasenos coma unha figura misteriosa, que se interesa por ela e as súas gañas de aprender, creándose unha complicidade moi grande entre os dous. El, pola súa parte, tomouna como axudante nas súas investigacións onde tamén á súa vez lle explica todo o que quere saber. Cos seus irmáns ten relación, sobre todo con Harry, o maior, que aínda que non a apoiaba ao cen por cen, dáballe bos consellos.
   Eu coñecía a sociedade daquela época aínda que nunca me parara a pensar en que unha moza que tiña o soño de ser científica non o puidese ser só polo mero feito de ser muller, sorprendeume que a autora o incluíse no libro. Pero non só trata disto, tamén trata do desamor, un claro exemplo o dos irmáns que se namoran, pero non é correspondido, outros non pararán de meterse en problemas…
 En resumo: É un libro moi completo que me gustou moito, aínda que algo extenso, pero mereceu a pena. Recoméndollo a alguén que teña tempo e lle guste ler, xa que senon pódese chegar a facer algo pesado.

28/11/13

Reencontro

Comentario de Patricia Lázara Framiñán



Reencontro
Fred Uhlman
Galaxia






Este libro cóntanos, dende o punto de vista do protagonista (Hans Schwarz), a súa historia de amizade con Konradin von Hohenfels. Todo isto ocorre no ano 1932 cando está a punto de chegar Hitler ó poder de Alemaña.

Hans  Schwarz é un rapaz de dezaseis anos que pertence a unha familia de orixe xudeu pero que vive en Stuttgart, Alemaña. Estuda no colexio máis prestixioso, o Karl Alexander Gymnasium ao que asisten varios condes e ata un príncipe, aínda que el non ten amigos. Pero a principios do mes de Febreiro, chega á clase un novo compañeiro, Konradin von Hohenfels, un rapaz que pertence a unha familia moi adiñeirada e prestixiosa que viste sempre con traxes e gravata, pero que non se interesa por facer amigos. Hans decide atraer a súa atención con varias cousas ata que o consegue e pouco a pouco van creando unha amizade. Un día, Konradin cóntalle a Hans que nunca lle presentará a seus pais, xa que o pai é amigo de Hitler e a nai odia os xudeus. Pouco despois, os pais de Hans deciden mandalo a estudar a Estados Unidos xa que, a situción para os xudeus empeora moito. Trinta anos depois, recibe "malas noticias" e decide "escribir" o libro.

A verdade é que nin me encantou nin me desgustou, algo intermedio. Todos os nomes das persoas, dos lugares e mesmo algunha frase están en alemán, o que dificulta algo a lectura, pero aínda así é un libro pequeno e lese bastante rápido. 

27/11/13

A evolución de Calpurnia Tate

Comentario de Ángela Silva Varela

A evolución de Calpurnia Tate
Jacqueline Kelly
Kalandraka
 


Non me agradou moito o libro, no lle acabo de pillar o gusto da súa lectura. Se en vez de ser unha rapaza fose outra persoa podería gustarme máis. Así e todo volvería a lelo e outros libros parecidos tamén.