ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

31/01/14

Unha rosa é unha rosa

Comentario de Celtia Ansemil


Unha rosa é unha rosa
Suso de Toro
Xerais

Gustoume bastante o libro de "Unha rosa é unha rosa"  pola súa trama basicamente.
 Unha traxicomedia onde non falta o humor. A vella Rosa reparte a súa herencia en tres partes, entre os seus dous sobriños, Pololo e Adela, e a filla doutra sobriña xa morta. A vella Rosa é seguidora na televisión dos telefilmes do detective tenente Colombo. A morte da vella Rosa, en estrañas circunstancias, o que desencadea unha divertida trama de enredo, que remata cunha inevitable traxedia.

30/01/14

O corazón de Xúpiter

Comentario de Ana Colmeiro Corral 
 
O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais
 
 
 
Este libro gustoume moitísimo. Xa lera outro da autora e tamén me encantara pero este chegou a superalo!
A situación de Isla ao mudarse e todas as cousas que lle pasaron fixéronme reflexionar en como actuaría eu... e cheguei á conclusión de que posiblemente igual que a rapaza.
As personaxes polas que sentín máis agrado foron Isla, pola súa valentía que demostra no libro; Mar, por ser tan boa compañeira cando Isla chega á Rexión e despois por ser tan boa amiga cando se coñecen; e Anxo, porque me pareceu un rapaz moi bo con Isla deixando aparte os seus sentimentos por ela.
Carballo ao principio tiña todas as papeletas para que o odiara durante todo o libro... pero despois demostrou que todas as persoas teñen o seu lado bo.
Eu a verdade non pensaba ese final para Isla, aínda que é verdade que non confiei en Xúpiter dende o principio do libr
Que ser máis desprezable!
Deume moita pena o final do libro xa que eu pensaba un final feliz e pasoume coma con todos os libros que me gustan: rematan demasiado pronto.

Xa o dixen pero volvo repetir que este libro me encantou e que o recomendo cen por cen!
 

29/01/14

Isto é un poema e hai xente detrás

Comentario de Sonia Troitiño Loureiro

Isto é un poema e hai xente detrás
Lucía Aldao
Espiral Maior




Así de Lucía Aldao foi un libro que me resultou realmente fermoso. A pesar ter unha extensión máis ampla do que eu podería esperar, este único poema pareceume impresionante. Ademais, nel fálase do meu tema preferido a hora de ler poesía, o amor. Pero este non é un amor calquera, é un amor distinto, relatado da mellor maneira. Aínda que debo dicir que non o entendín completamente, pareceume un poema incrible. Está cheo de tenrura e de paixón. En ocasións fai que eu mesma me sinta identificada con el; e coma min, penso que moitos dos lectores tamén poderían chegar a sentirse así (nunca mellor dito). Na miña opinión tanto o principio coma o final, foron os momentos que máis me impresionaron, aínda que debo dicir que un dos fragmentos que máis me engaiolou se sitúa entre as páxinas do medio. Este é:

Eu xa perdín por ti a cabeza
naqueles xogos de bonecas onde agora invoco crenzas
que esta mente insá pretende confesar.
E penso que o noso amencer foi
unha muller espida no inverno dunha cidade con xeo e vaso alto

Todo o poema, en cada unha das súas páxinas presenta versos destes que vale a pena recordar. E sobre todo, aquel verso que máis recordarei será o último. Ese verso que remata cuns puntos suspensivos que, para min, din máis ca mil palabras. Para rematar, dicir que recomendo o libro Isto é un poema e hai xente detrás, que é onde se atopa recollido este poema de Lucía Aldao e moitos outros de outros autores galardoados no certame galego de creadores novos de poesía, a todos aqueles e aquelas amantes da poesía en xeral. Penso que é un libro que vale a pena ler para pasar un bo momento entretido como non podería ser doutra maneira, da man da poesía.

Unha rosa é unha rosa

Comentario de Nicolás Rivera Mallo


Unha rosa é unha rosa
Suso de Toro
Xerais


Esta obra é unha sátira das situación ás que poderían chegar as persoas pola avaricia e a codicia. Suso de Toro leva ós personaxes ata o extremo de acadar a locura máxima, é dicir, chegar a matarse entre eles.
O personaxe que máis me gustou é a tía Rosa, ten ese punto de humor que te fai rir aínda que non queiras.
Non era a primeira vez que lía unha obra de teatro e é un xénero que me gusta porque é doado de ler. Esta historia en particular pareceume graciosa e extravagante á vez.
Resumindo, recoméndolle a súa lectura a todos. Disfrutaredes dela.