ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

24/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Roberto Pérez Canabal

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco

Este libro encantoume, aínda que ao principio non o lin con moitas ganas acabou sendo moi interesante, cun moi bo argumento, emocións e terror.
Reflicte as aventuras dun explorador, os misterios, os tesouros, as investigacións, as historias... Cousas emocionantes que non adoitan pasarlle a ninguén, claro que... mellor así! Se me chegan a pasar a min... en fin, prefiro ler estas aventuras que vivilas, iso seguro.

20/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffmann

Comentario de Ernesto Fragual Corbal

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco


Cando vin o libro, impresioneime e pensei que non ía ser quen de lelo: cantas páxinas!!!
O libro gustoume moito porque nos leva a todos os lugares do mundo, dende o deserto de Exipto á Cidade dos Tellados...
O libro é fabuloso e gustoume moito.

19/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffmann

Comentario de Andrea Raíndo Míguez


O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco


Cando tiven por primeira vez este libro nas miñas mans, pensei que non ía ser capaz de lelo, pero unha vez empecei estaba desexando acabar un capítulo para empezar o seguinte.
É un libro que nos fai viaxar a lugares do mundo, algúns reais como o deserto de Exipto e outros imaxinarios como a Cidade dos Tellados. Os personaxes principais son Peter e o seu tío Basilius, un rico e importante científico pero con sona de estar algo tolo. Van vivindo un montón de aventuras rodeados de misteriosas irmandades, animais imaxinarios e deuses do antigo Exipto.
Con todo isto, vaise desenvolvendo unha trama na que hai amizade, ambición, arrepentimento e os desexos de loitar por un mundo mellor.

18/01/12

O príncipe das sombras


Comentario de Lino Peleteiro Antelo


O príncipe das sombras
Milan Vukotic
Ilustrado por Pablo Otero
Kalandraka



Este libro é moi bonito, sobre unha aventura fantástica onde os protagonistas son unha sombra e un rapaz. A min recordoume ao Principiño, e mesmo me gustou máis.

O que máis me gustou foi que cando facían acertixos estes eran a modo de canción, ao igual que para abrir pportas en pedras a outros mundos e moitas cousas máis.
E a conclusión que nos achega é que antes de facer nada hai sabela, razoala e cavilala para non confundirse.

16/01/12

Ana, escritora

Xa falei unha vez que teño unha nena en 2º de ESO que goza da poesía e da escrita. Dela é isto:

No fondo, hai cousas que nunca chegarás a dicir por medo. En realidade, todos somos un pouco covardes á hora de dicir algo que nos importa demasiado. Que as cousas que importan de verdade son as que se din cunha mirada, un xesto, un sorriso... Ata hai veces que sen ter o que queres tes medo a perdelo. Pero non paga a pena forzar as cousas, todo ocorre cando menos o esperas, como por arte de maxia, para ben ou para mal, dáste conta de que nada depende de ti, que tamén depende dos outros, iso fai que a vida sexa tan curiosa! Que as cousas non teñen importancia por si soas, serán importantes na medida que ti lle deas importancia.

15/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Martín Arosa Sineiro

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco

Deste libro gustoume especialmente a parte da chegada á Cidade dos Tellados. A parte do príncipe Iskiel gustoume orque é unha forma de que o libro non resulte pesado. Pero eu engadiríalle unha parte que falase de Gabriel e outra parte da vida de Rioka.
É un libro super fantástico, o capítulo que menos me gustou foi o de "Óstraca".
En xeral, hai que dicir que o libro é un bo pasatempo para se entreter e gozar grazas ao misterio que transmite. E todo isto, en formato libro!
Iso si, as ilustracións non me gustaron.

13/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Gabriel Sieiro Varela


O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco



É, para min, o mellor libro en galego que teño lido na miña vida. Encantoume. Os personaxes son moi divertidos e valentes. Gústame porque é diferente, a pesar de ser tan longo. E sorprendeume.
Gustaríame saber en que se inspiraron autor e ilustrador para facer o libro, a historia, os personaxes. De onde sacan tanta imaxinación. Gústame, por exemplo, a neve no deserto ou o estraño felino que rouba os soños.
Agardo ansioso a que veña o autor e nos explique todo sobre o libro.

09/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman


Comentario de Cristina Núñez Sanmartín


O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco


Como engana este libro! Cando comezas a lelo parece que vas tardar moito en rematalo pero é moi interesante e intrigante, por iso acábalo moi rápido. A min levoume só tres días!!!
O que máis me gustou foi que ten un final moi inesperado. Tamén me gustou o narrador que contaba a historia de Riulca e o conto que escribía Peter do príncipe Israel. E o da voda de Peter.
O que menos me gustou é que ás veces aburríame cando se contaba o de Basilius e Duncan cando ían para o Templo de Sejmet.
A pesar disto, o libro é en xeral un libro interesante.

15/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Andrea Raíndo Míguez

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


Este libro conta a vida de Balbino, un neno que vive nunha aldea galega nos anos 40 do século pasado, unha época de fame e emigración.
A través das súas vivenzas imos coñecendo os personaxes do seu pequeno mundo: os seus pais, o seu can... Tamén nos amosa os problemas da vida no rural, onde as terras son propiedade do "señor" ao que lle hai que pagar unha renda por traballar e todo o mundo está conforme coa situación agás o Xudío, que é o único que se atreve a falar en contra da igrexa e do señor.
É un libro adicado á amizade e ao amor; Balbino busca a verdadeira amizade seguindo os consellos do seu padriño e atopa o amor na súa mestra, aínda que despois acabe desenganado.
A única solución que ve a toda esta situación é irse a América a onde foi tamén o seu irmán Miguel e onde el soña pode ir algún día.
Penso que o libro reflicte unha situación moi común para todos os habitantes das aldeas, pois todos oímos os relatos dos nosos avós e das súas vivenzas na emigración e temos unha morea de parentes en Arxentina ou Venezuela que son fillos ou netos desa xente que se foi a facer as américas e non volveu.

14/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Lucía González Bouzas

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


O libro gustoume porqeu o que conta foi o que lle pasou á maioría dos nenos galegos no pasado.
Recordoume moito as historias que me conta sempre a miña avoa, porque a ela pasoulle o mesmo ca ao neno, non tiveron infancia.
O que máis me gustou foi que o rapaz intentase cambiar a súa vida escribindo no caderno e rebelándose contra os ricos que mandaban neles.
E o que menos me gustou foi que o tratasen coma un adulto facéndolle levar o loito para que quedase na casa os días de festa e a morte do seu can debido ás galiñas envelenadas.
Tamén creo que o neno pensa moito no mundo e reflicte nos episodios a súa vida como labrego.

13/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Tania López Varela

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia

Este libro gustoume moito e enténdese moi ben, xa que hai familias que pasan polo mesmo. Reflicte as emigracións dos galegos a América por falta de moitos recursos aquí.
O rapaz chamado Balbino ten que axudar moito na casa, é labrego, pero moi pícaro e aventureiro. Conta moito co apoio da familia, que queren que teña un bo futuro.
Isto reflicte o que sempre me di miña nai. Ela tamén, cando viña á escola, tiña que axudar moito na casa e os deberes facíaos moi tarde, pola noite.
Este libro, para o meu gusto, foi extraordinario.

11/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Cristina Núñez Sanmartín

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia

Este libro é moi bonito. Transmite perfectamente a curiosidade dos rapaces polo mundo que os rodea e a o xeito en que os ricos mangoneaban aos pobres.
Non lle quitaría nada, porque me gustou moito, sobre todo cando narra o da profesora Eladia porque me produce unha grande ledicia e a tensión que provoca.
Gustaríame saber se ao fin Flora se fai moza del e se o pai e el volven ter unha relación coma a de antes.
Gústanme os libros que me fan vivilos coma se eu o estivese protagonizando na realidade.

10/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Noelia López

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


Este libro pareceume moi interesante e deume moita mágoa. É un libro que todos poderían ler, fácil de entender, e saber como eran os tempos de antes e que o neno teña a festa e non poder saír por loito en tres anos.
Este libro aprendeume a valorar o que temos agora e que a maioría das veces non sabemos valorar.

09/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Cristina García Cortizo

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


Gustoume moito porque é unha historia que narra como era a vida das persoas no século pasado e como Balbino contaba o que lle sucedía, a morte do seu padriño, o seu novo amigo Lelo que lle salvou a vida, cando se namora de Eladia, a morte do seu can, a marcha do seu irmán rumbo a América... pero Balbino o que quería era facerse maior para irse a América e ser un profesor ou piloto.

08/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Martín Darriba

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia

Este é un libro no que narra a inocencia dun rapaz nos problemas da casa como estar de loito, non poder ir ás festas... Está situado na época da emigración a América, xa o irmán e o amigo marcharon en busca de cartos.
O libro gustoume, pero faise un pouco aburrido.
O capítulo que máis me gustou foi o do día de San Xoán e quitaría o do Sancristán.
A situación era moi mala para os rapaces posto que tiñan que traballar e ir á escola. Chamoume a atención que dixese que ir a Santiago era moi difícil.
Gustoume a comparación da vida co río. Porque hai xente que non a vive.

04/12/11

O diario violeta de Carlota


Comentario de Estefanía López Antelo


O diario violeta de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia


Este libro encantoume, é un deses libros que todo o mundo debería coñecer e ler, xa que o machismo está máis presente nesta sociedade do que cremos. Esta lectura axúdanos a ver con lentes violetas, é dicir, axúdanos a identificar o machismo e aprender a frealo. Algo que por desgraza é moi necesario.

20/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Cristina Núñez Sanmartín

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Este libro gustoume moito porque ese perigo que mostra cando a xente navega por internet é moi real. Este perigo é maior cando te rexistras nunha rede social e sobes fotos e datos reais, porque hai moita xente que quere facer dano a estas persoas, como os pederastas, que se fan pasar por amigos ou coñecidos e despois abusan. Outra preocupación deste tipo son os piratas informáticos que fan perfís falson de famosos ou os acosan. Por iso, o estado podería inventar un corpo policial para protexer a privacidade das persoas en internet.
Xoeliki é interesante, por tanto, ademais de divertido. Gústame moito a relación que ten o protagonista con Estrela, esa relación de amor-amizade.
Eu seguiría contando máis, porque cando o les quedas con ganas de máis. Queres saber se Xoeliki e Estrela se verán fronte a fronte, se Xoeliki chegará a ser un bo pirata...

14/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Lucía González Bouzas

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


O libro de Xoeliki gustoume moito porque é interesante e divertido, xa que nos fala de moitas cousas tecnolóxicas que estamos acostumados a usar.
Non me recorda a ningún outro libro pero si que se me fai familiar a forma de ser do neno, é dicir, é moi afeccionado aos videoxogos e pasa moito tempo só, pero tamén me parece estraño que saiba tan pouco de ordenadores e o móbil o controle tan ben.
O que máis me gustou do libro foi que Xoel coñecese a Ari, xa que parecía que lle gustaba, aínda que tamén estaba Estrela!
E o que menos me gustou foi que o neno non tivese pai e o botase tanto de menos.

13/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Tania López Varela

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Xoeliki é un libro que me gustou moito. Reflicte a moitos nenos de agora que están moi enganchados aos ordenadores, e ás veces non saben no que se meten nin o que fan.
É un neno que supera a morte de seu pai, e fai todo o posible para que a súa nai non estea triste, como debería ser sempre.
Xoeliki coñeceu a Estrela virtualmente: moitos rapaces falan con xente que non coñecen e estes tómanlles o pelo e despois pasan cousas, que nin os pais podían saber.

11/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Martín Arosa Sineiro


Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


A historia de Xoeliki pareceume moi emocionante porque ao final Xoeliki estaba orgulloso do seu pai falecido. O libro está incompleto. Eu engadiríalle outra historia cos ordenadores e os piratas. A nai do rapaz podería aparecer un pouco máis.
A historia da rapaza do chat está moi incompleta, Xoel e ela terían que acabar coñecéndose de verdade.
É un libro moi fácil de ler.
En xeral, gustoume

06/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Gabriel Sieiro Varela

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Este libro encantoume, é un dos mellores libros que lin.
Gustoume moito este tipo de aventuras, pero o final non me parece axeitado por topar o contrasinal por sorte.
O libro faime sentir aventureiro e feliz.
O malo do libro é que é imposible crerse que todo sucede nun só día.

05/11/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Comentario de Jéssica Cortizo Sanmartín

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata
Abraham Carreiro
Sotelo Blanco


Este libro gustoume moito, pareceume moi real todo, menos o de que o pai estaba no ciberespazo vivo, manexando internet. O que me parecer moi estraño fooi que Xoeliki e Estrela non chegaron a verse en persoa, só pola webcam.
Gustaríame que Zero -a rapaza que vai segunda no xogo- fixera as paces con Xoeliki, xa que foi el o que arranxou o virus.
Sorprendeume moito cando Maverick lle regalou o Magiphone e o contratou para ser ciberpirata: non pensei que este libro fose por aí. Pensaba que a nai se ía enteirar de todo e que Xoeliki lle ía contar a súa nai o marabilloso día que tivera, con teléfono móbil incluído.
Encantoume

04/11/11

Exogamia 0.3


Comentario de Estefanía López Antelo

Exogamia 0.3
Ramón Caride
Xerais

Este libro pareceume moi interesante porque nel o autor reflicte en seis breves historias o punto ata o que podemos chegar nesta sociedade: racismo, egoísmo, enganos, onde o único e máis importante é o diñeiro, o que máis capital ten é o que manda sobre todo e sobre todos. Quizais semelle algo esaxerado, pero está presente no noso día a día.
O libro, por tanto, trata de abrirnos os ollos á realidade social que temos arredor e coa que convivimos cada día, moitas veces cos ollos pechados.

03/08/11

Anagnórise


Comentario de Bruno Rivas Fernandez


Anagnórise
Mª Victoria Moreno
Galaxia



Conta a historia dun rapaz que marcha da casa sen avisar a ninguén, para levar a Madrid un quilo de droga. Para ir fai autostop e o final recólleo unha muller. Durante a viaxe debaten diversos temas, incluso a veces se anoxan, xa que a muller “pica” ao rapaz. Paran varias veces; nunha feira a comer, nun mosteiro no cal lles contan unha historia de amor… ata que chegan a Madrid. Ela antes de deixar ao rapaz regálalle unha pluma e dálle a idea de que escriba unha novela sobre todos os seus problemas como: os problemas de alcolismo de súa nai desde que morreu súa irmá na praia, que o busca a Garda Civil… e dille que a novela podería chamarse Anagnórise. O rapaz acaba chegando ao hotel da muller onde lle din que morreu e no que lle deixou unha carta. A muller era Xulia Andrade, unha escritora. Foi ao enterro e no cemiterio aparece Natalia, que era a filla de Xulia.
Este libro gustoume bastante. Conta unha historia interesante sobre os problemas dun rapaz normal e a súa vez, está cargada de emocións.

03/07/11

Toda unha sorpresa

Moitas veces pensamos que este blogue é pouco lido e o meu alumnado cre que de nada serve botar aquí os seus sentimentos respecto das lecturas que van realizando. Por iso, este agasallo ten un dobre valor: saber que nos len e que hai alguén mesmo a quen lle importa. Que nolo ofreza, ademais, un blogue tan importante como é Revolta da freixa énchenos aínda máis de satisfacción: moitísimas grazas, sinceramente.



Aínda que os requisitos para cumprir advirten que lle debemos pasar este premio a 12 blogues, imos "pasarnos" as regras para dárllelo a todos os blogues lectores que hai no noso país, a todos aqueles que promocionan a lectura e a todos aqueles que reflicten o traballo feito nos numerosos clubs de lectura dos centros de ensino. Para todos eles, por un labor esencial cultural.