ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

20/11/09

Un casoiro ben mal amañado


Comentario de Miriam González Castro

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


Opino que o de planificar un casamento sen amor é un disparate, polo que entendo perfectamente a actitude de Manny. Non me gustaría estar no seu lugar. Por iso, creo que non valoramos o que temos. O libro gustoume e foi bastante fácil de ler, cousa que non me adoita suceder en galego.

17/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Ana Cristina Des Pérez


Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro pareceume bastante aburrido. O único que me resultou interesante foi cando Manny foxe da voda e decide vivir a súa vida.
Teño que admitir que é un libro moi realista que reflicte a diferenza de clases que hai na India e como se vive neses lugares.
É excesivamente descritivo, con informacións innecesarias. Creo que non é bo nin malo, pode gustar ou non, pero eu non o recomendaría.

16/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Jennifer Mosquera Sanmartín.

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro pareceume interesante. Nel trátanse temas moi diversos, como as diferentes culturas, o racismo e o machismo que predomina nestas...
Creo que deberíamos ler máis libros deste estilo, xa que nos fai ter conciencia do que ocorre ao noso arredor.

15/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Alba Fernández Caderno

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro gustoume bastante, o tema dos casorios amañados é moi interesante e o punto de vista do libro de como o pai de Manny se aproveita da relixión punxabi, o que fai que Manny considere que a culpa é da relixión, cando en realidade é de seus pais, que o tratan coma se fose un obxecto, unha propiedade privada deles, e que pensan que propinándolle malleiras e facéndolle chantaxe emocional van conseguir introducirlle a súa forma de pensar.

14/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Carmen González Varela

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro gustoume bastante. É interesante porque trata un tema importante da actualidade, dun xeito que non aburre porque está contado por un rapaz da nosa idade e podémonos identificar con el nalgunhas ocasións, aínda que por motivos culturais sexamos tan diferentes. Creo que ao contalo desde o seu punto de vista podemos comprender mellor a historia e poñernos no seu lugar.

13/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Ainara García Doval


Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco



A historia que se narra neste libro gustoume sobre todo porque tenta reflectir as ideas dun rapaz que se rebela contra a forma de vida que seus pais lle pretenden impoñer, e el decide optar por un futuro no que poida tomar as súas propias decisións, a pesar de que isto lle depare a xenreira e o odio de toda a sáu familia.
Na historia preséntanse tanto os pais coma os seus irmáns coma uns fanáticos da cultura e da tradición punxabis. Dentro destas ideas, caracterízanse tamén por teren pensamentos racistas, fascistas e desprezativos cara a outras culturas; por viviren nunha sociedade retrógrada que defende o papel inferior da muller, a hipocrisía dos seus membros (xa que acusan as persoas doutras razas de sern a orixe dos problemas sociais, mentre que dentro da súa cultura abárcase dende a prostitución e as drogas ata a infidelidade nalgúns matrimonios) e o emprego da violencia contra so propios membros dunha mesma familia co pretexto de difundir disciplina.
Tamén se presentan cunha mentalidade primitiva e retrógrada, -por exemplo, defendendo a continuacións da existencia dunha sociedade de castas, na que se trata con inferioridade aos membros de castas máis baixas; a distinción e separación de homes e mulleres en todas as tarefas da vida cotiá; a prohibición de mencionar temas tabú coma o sexo; a valoración sobre todo de cousas materiais que teñen algúns dos individuos de maior idade; a maneira superficial de ver as cousas e de se preocuparen das opinións alleas...-.
Unhas das cousas que máis de gustou da historia é que a pesar das chantaxes emocionais que levaba a cabo a súa nai, Majit ao final acaba por se decidir a levar as rendas do seu propio futuro, aínda que para isto vaia quedar apartado da súa familia para sempre, posto que tome as decisións que tome -sexan axeitadas ou non- polo menos será el mesmo quen asuma a responsabilidade dos seus actos.

13/10/09

Capitol, última sesión


Comentario de Thalía Troitiño


Capitol, última sesión
Miguel Anxo Fernández
Editorial Galaxia


Gústame a idea de contar unha historia tomando como referencia o cine. É unha historia divertida e entretida. A parte que máis me gustou foi a de Paca, polo xeito de lembrar.

12/10/09

Cabaret Voltaire


Comentario de Thalía Troitiño


Cabaret Voltaire
Jaureguizar
Editorial Galaxia



Un libro entretido: quen máis me gustou foi o personaxe de Siana.
Como a min chámanme moito as historias que seucederon nos anos trinta e as relacionadas co nazismo, esta non ía ser menos. Creo que paga a pena que o leades.

11/10/09

Lois e Helena buscándose un día de tormenta

Comentario de Thalía Troitiño


Lois e Helena buscándose un día de tormenta
Manuel Veiga
Editorial Galaxia



Este libro pareceume moi fácil de ler e moi ameno. Está ben iso de ler primeiro a visión dun e logo a da outra persoa. Creo que é orixinal. A historia sorprendeume xa que non a maxinaba.
Creo que vos vai gustar.

10/10/09

A cabeza de Medusa



Comentario de Thalía Troitiño


A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Editorial Xerais


Gustoume polo que supón de reflexión e pensamento, o ben que reflicte a autora os sentimentos das protagonistas, o sufrimento.
Debátense dúas posturas moi relevantes: aceptar o que algúns nos fan sentir ou superar o ocorrido e seguir adiante.
O mito de Medusa serve de inspiración para a trama do libro.

10/09/09

A praia dos afogados


Comentario de Carla Gómez Ferradás

A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Foi un libro que me encantou ler porque xa lera antes Ollos de auga, e así este libro chamoume moito máis a atención lelo.
Conta a historia dun mariñeiro morto nunha praia galega que envolve unha turbulenta historia do pasado, como é o afundimento dun barco e a desaparición dunha muller pola que ninguén nunca se preocupar
a porque era moi liberal, pero o inspector Leo Caldas, resolveu todo.
Pareceume moi chistoso as partes na que o inspector estaba no programa da radio, cando lle poñían a música para pensar que o despistaba, ou unha cousa curiosa que tamén facía no libro pasado, que é o de poñer policía 11 Leo 0............ moi simpático.

Espero que o autor saque un novo libro porque a historia (con Alba) non remata, e iso
ségueme tendo intrigada.......... volverán ou non?

Bueno pois eso, que me encantou e que espero ler o próximo libro, a ver se hai outro.

21/07/09

Sidecar

Comentario de Susana Cumbraos

Sidecar
Alberto Lema
Galaxia


Sidecar trata temas do día de hoxe; temas actuais que fan que as persoas que o lean se dean indentificado cos personaxes; temas universais como o amor, a amizade, a paixón, a traizón... Pero tamén outros como o tratamento das inxustizas ou a propia realidade, que en si xa representa a nosa sociedade.
O porqué de que me gustara este libro foi pola linguaxe empregada... Ese estilo tan típico de Alberto Lema no cal intenta achegarse ao autor como ningún outro e logre que o lector queira devorar o libro da noite para a mañá.

O libro está dividido en dúas historias, as dúas ben diferentes polos temas a tratar. A primeira historia trata da amizade e do amor, sobre todo do amor. Pero un amor que entrelaza o familiar co de parella.
Porén, a segunda historia trata máis ben a paixón.

Recoméndollo a todo tipo de lectores, tanto para os máis novos coma para os lectores máis expertos porque nunca é tarde para afastarse do mundo.

"O sentido do amor nin se aprende nin se coñece,
e torna máis escuro canto máis tratamos de explicalo"

24/06/09

Capitol, última sesión


Comentario de Adrián Furelos Sampayo


Capitol, última sesión
Miguel Anxo Fernández
Galaxia



A min este libro, non me parecía malo pero a verdade é que non me ilusionou, porque toda a historia xira en torno a un cine vello. O que máis me chamou a atención foi o personaxe de "O Fucas" que me encantou a súa maneira de ser. Logo a historia en si non é mala pero a forma de expresarse, de contar as escenas, para o meu entender é deprimente pero eu non son quen para opinar xa que eu non son un gran entendido en literatura.


23/06/09

A cabeza de Medusa


Comentario de Agustina González

A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Foi un libro moi raro, había algunhas partes que me gustaban, outras nas que me poñía de mal humor, e outras... era unha sensación rara e asquerosa, como describe a violación... non o quero nin pensar.
Creo que é o primeiro libro que leo cunha violación, pero non quero volver ler nada polo estilo, sentir o que sentín nese momento mentres lía, porque era tal o rexeitamento que ás veces dábanme ganas de tirar o libro, e tiña que me tranquilizar para seguir lendo, xa que me metía de cheo na historia deste. E chorei, sufrín, rin...
Gustoume porque pasei por todas estas emocións. E se un libro consegue transmitilas todas, significa que é un bo libro!

O crepúsculo e as formigas


Comentario de Agustina González

O crepúsculo e as formigas
Méndez Ferrín
Xerais


Creo que foi o libro que máis me custou ler na miña vida, aínda que non teña un gran número de páxinas.
Cando mo recomendaron, comentáronme que eran relatos curtos de medo, entón eu aceptei sen pensalo, xa que me encantan ler cousas de medo. Pareceume que a miña amiga ríase de min. E ao comezar, entendín por que: estaba en galego antigo!!!
Así que me puxen a ler, a ler, a ler... e a reler todo porque non entendía nada.
Aínda así, e despois de todo isto, gustoume. Para min supuxo un reto, e creo que o superei. Aínda que me levase tanto tempo e tanto esforzo. E non só iso: podo proclamar que a pesar de todo, é un bo libro e podo recomendalo.

22/06/09

O diario vermello de Carlota


Comentario de Lorena Bibián Caramés


O diario vermello de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia



Este libro dános a ver a parte da sociedade que é machista, que non cre na igualdade da muller. Tamén unha sociedade que critica polas aparencias, e que non se pon do outro lado para saber o porqué desas aparencias.
E de forma máis literaria amósanos as experiencias sexuais de Carlota. Unha rapaza que indaga nos ámbitos da vida adulta que quere coñecer.
En xeral este libro gustoume moito, paréceme bastante interesante. Por iso, recoméndoo.


Festina lente


Comentario de José Fontao

Festina lente
Marcos Calveiro
Xerais


Do 1 ao 10 poñeríalle un 4. Ten un léxico difícil e está ambientada noutra época, e iso gústame pois resulta interesante o que aprendín.
Gustoume moito a trama porque ten un leve parecido con Conexión Tubinga.

21/06/09

Tras do solpor


Comentario de Thalía Troitiño


Tras do solpor
Haruki Murakami
Galaxia


O que máis me gustou deste libro foi a maneira de escribir deste autor. Creo que o feito de que o autor desenvolva a historia nun intervalo de tempo tan pequeno fai que sexa aínda máis interesante. É moi sorprendente que en tan pouco tempo ocorran tantas cousas.
A protagonista, desde o meu punto de vista ten unha gran vitalidade, a pesar de que nun principio e durante gran parte do libro mostra o seu desacougo por sentir un certo descontento coa súa vida. Finalmente, grazas aos distintos personaxes que van aparecendo, dáse conta de que a súa vida está chea de grandes cousas e que a persoa que cría ela que levaba unha gran vida, en realidade non disfruta moito.
Recomendo este libro porque é moi fácil de levar e de disfrutar con el.



20/06/09

O bosque de levas

Comentario de Susana Cumbraos


O bosque de levas
Alfonso Álvarez Cáccamo
Galaxia


A narración deste libro faise interesante por diversos motivos.
Entre eles sobresae o misterio, a aventura, os sorrisos que che extrae, etc.
Pero a min o que máis me gustou foi o xeito no cal nos inculca a historia dada no século XVIII ata os nosos días. Esta novela ábrenos as portas dun mundo no esquecemento. Un mundo no cal as traizóns e as inxustizas estaban vixentes e as vidas humanas carecían, segundo a clase social, de valor.

O tema principal do libro ronda ao redor dunha familia galega que se verá envolta nunha "aventura" na cal un espírito será o encargado de lle poñer unha forte pegada nas súas vidas sen posibilidade de tornar os papeis.

O libro comeza narrándonos como é o día a día desta familia e fainos ver que seguen un estilo de vida común. Sen altercados. Todo comeza cando acontecen sucesos estraños na casa, facendo xurdir disputas entre os membros da familia.
Estes acontecementos débense á aparición dun espírito que non é máis que unha persoa voltada do pasado que intenta seguir coa súa "vida". O porqué do regreso deste do pasado non é outro que a morte fallida que lle inculcaron. Así, solicítalle á familia que lle axude.

Pese a que moitas persoas tacharían de "aburrida" aquelas partes da historia nas cales o tema a tratar é a historia propiamente dita e non tanto a aventura da acción, a min persoalmente encantoume o feito polo que nos transmite a esa época de recesións.
Sen dúbida, un libro que paga a pena ler.


16/06/09

O porco de pé


Comentario de Marcos González Fernández


O porco de pé
Vicente Risco
Galaxia


Gustoume moito o xeito que ten de describir aos personaxes comparándoos con animais e asignándolles características propias deles. Tamén o xeito de criticar e rirse dos defectos da xente.
Paréceme orixinal a comparación que fai o escritor do diñeiro con Deus nas páxinas 97 e 98.
Unha das cousas que máis me gustou do libro foi ese punto de ironía, simpatía e crítica a través do humor, que se pode atopar nalgunhas partes do libro.
En xeral gustoume, aínda que o final non moito porque non o entendín.

15/06/09

O crepúsculo e as formigas


Comentario de Mateo Cornado

O crepúsculo e as formigas
Xosé Luis Méndez Ferrín
Xerais



A pesar de ser un libro pequeno é moi entretido, sobre todo algunhas historias, aínda que algunhas son tristes. Gustoume moito o xeito de escribir do autor. Preferiría que os temas fosen máis felices e non como a historia do rapaz que morreu afogado no río.

13/06/09

O neno do pixama a raias


Comentario de Mateo Cornado


O neno do pixama a raias
John Boyne
Faktoría K



O libro pareceume moi interesante xa que conta unha parte da nosa historia pero vista cos ollos dun rapaz.
Os dous nenos que se fan amigos non entenden nada da guerra, tan só queren ter un compañeiro para compartir e pasar o tempo.
O final é moi angustioso, aínda que sexa aberto sabemos o que pasa.

09/06/09

O bosque de levas

Comentario de Sonia Salgueiro Brea


O bosque de levas
Alfonso Álvarez Cáccamo
Galaxia



Gustoume moito este libro porque as situacións "estrañas" e ás veces un pouco embarazosas suceden con frecuencia, o que o fai moi divertido, sobre todo a primeira parte. Un aspecto interesante é que facemos un percorrido pola historia política dende 1792 sys os nosos días. Como terceiro elemento chamativo durante todo o libro, é ese espírito tan especial e tan vivo que é o auténtico motor de toda a novela, unha personaxe entrañable que se fai querer e que se adapta con facilidade a unha existencia que cambiou no tempo: un século. Aínda que sen perder os modais que correspondían a súa posición social na súa época e sen cambiar a súa ideoloxía política.
Agardaba que o final fose diferente, pero non por iso me disgustou. Aínda que transmite un pouco de tristura e o desexo dun reencontro.

08/06/09

Peaxes


Comentario de Carla Gómez Ferradás

Peaxes
Santiago Lopo
Xerais

É un libro que conta a vida das persoas das peaxes, ben, dunha delas, e cóntao tan ben que engancha moitísimo.
O que máis me gustou do libro foron as aventuras que se imaxinaba de cada personaxe.
O que menos, quizais, o final, un final un pouco típico para rematar ben a obra.
Aínda así encantoume e recoméndoo.

05/06/09

Longa noite de pedra

Comentario de Tania Nogueira Montoto


Longa noite de pedra
Celso Emilio Ferreiro
Xerais


Uns poemas verdadeiramente marabillosos.
Este poemario está cargado de sentimento, emoción e compromiso. Podo percibir unha certa ironía no tratamento dos temas, tamén un compromiso social e político coa sociedade do seu tempo, denunciando a represión e a inxustiza que vive Galicia.
A través destes poemas achégome a esa época cruel. O poeta retrátaa con tanto realismo que confire en min un sentimento de dor por todo canto aconteceu.

04/06/09

Polifonías (I e II)


Comentario de Antía Pereiras Villamayor


Polifonías
Varias e varios autores
Espiral Maior



Son poema cheos de dor e sufrimento que fan reflexionar e poñerte na pel das mulleres maltratadas e mesmo pensar no que farías se che pasase a ti, se a persoa á que queres te tratase como un ser sen sentimentos e como se para el nada importases.
Nestes libros, únense mulleres por un lado e homes polo outro para ver de eliminar da nosa sociedade a violencia de xénero, ou cando menos poñer o seu gran de area grazas á palabra poética. Aínda que poida parecernos que iso soamente ocorría no pasado, segue a estar presente na sociedade actual, desgrazadamente.

03/06/09

Moda Galega

Comentario de Lucía Domínguez Mato


Moda Galega
María Reimóndez
Edicións Positivas


Este libro levoume a facer unha gran reflexión acerca de min mesma e da sociedade en xeral. Unha sociedade dominada polo consumo e na que estar á última moda e aparentar semella ser o esencial.
Por medio da poesía a autora fai unha crítica desta sociedade e amosa a súa desconformidade. Cada poema está inspirado nunha tenda de roupa da que se fala con ironía e sarcasmo.
Volvendo ao dito anteriormente, a miña reflexión, comparto a opinión da autora na maioría das súas críticas e ao mesmo tempo síntome identificada co prototipo de mulleres descritas por ela e ás cales critica. Un prototipo de muller que se deixa levar polas masas e as aparencias, polo concepto de beleza establecido na sociedade e polo consumo atroz. Paréceme triste encaixar nese prototipo, pero o que realmente me preocupa é a hipocresía que me domina, xa que a pesar de estar de acordo coas críticas da autora, teño a seguranza de que seguirei sendo partícipe do "prototipo" establecido.
Pareceume un libro moi interesante e recoméndollo a todo aquel que queira replantexar o seu modo de vida.


02/06/09

Comedia bífida


Comentario de Sonia Salgueiro Brea

Comedia bífida
Manuel Núñez Singala
Galaxia

Divertinme moito lendo este libro pois as historias ademais de insólitas e interesantes están analizadas desde outro ángulo, desde outra perspectiva.
Con humor fannos ver un problema que está latente dende hai moitos anos, ponnos ao descubert unha serie de prexuízos que acompañan unha parte dos galego-falantes, e sen abandonar esta parte humorística ensínanos diversos xeitos de enfrontar a situación.
O libro constitúe tamén outra forma de ver e entender a morte, quitándolle esa parte de escuridade, medo e tristura. Ata semella que o inferno poida ser un lugar sorprendente, nada semellante ao que del nos contaban, pois o seu xefe parece calquera cousa menos o demo.
O certo é que de cando en vez apetece ler libros que fagan desconectar un pouco e que mentres os les fan pasar un anaco de tempo moi agradable e que logo cando reflexionas sobre el daste conta que é unha acertada crítica a unha parte da sociedade galega.

01/06/09

Unha puta percorre Europa

Comentario de Susana Cumbraos


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia


Unha puta percorre Europa é un libro feminista. Un libro que defende os dereitos da muller dun xeito brusco. Maneiras agresivas de obter a liberdade da muller.
O poder como un obxecto sexual.
Na historia exponse a idea de dúas mozas que pretenden sufocar a desigualdade. Acabarán cos homes que tratan ás mulleres coma seres inferiores, seres sometidos ao sexo masculino.
A trama é moi entretida posto que entrelaza a novela policíaca coa amorosa coa feminista.
O final é totalmente sorprendente. O autor conseguiu despistarme!

30/05/09

Poesía última de amor e enfermidade


Comentario de Marta Nercellas Rey


Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas


Este poemario gustoume moito, xa que aínda non sentindo o mesmo có autor, transmite a sensación de querer que a súa enfermidade acabase con el, por non ter polo que loitar, nótase certa confusión entre esa morte xa desexada e as ganas de vivir para poder sentir de novo razóns polas que enfrontarse á enfermidade e seguir adiante.
Os poemas tratan todos os mesmos temas pero de xeito diferente, facendo que a lectura sexa amena e con moitas sensacións.


29/05/09

Cartas de inverno


Comentario de Lorena Ares Troitiño


Cartas de inverno
Agustín Fernández Paz
Xerais


É un libro moi entretido. Gustoume moito pola súa trama de misterio dende o comezo ata a fin e por isto consegue engaiolar ao lector dende a primeira páxina.
Animádevos a lelo porque é un libro que paga a pena!

28/05/09

Comedia Bífida


Comentario de Flavia Fondevila Pena


Comedia bífida
Manuel Núñez Singala
Galaxia


O libro pareceume de bo ler e gustoume, xa que unha vez que o comezas, apetéche seguir lendo, porque, a verdade, resulta moi entretido. Ademais, aínda qeu non queiras, o escritor consegue que sorrías. Tamén quero dicir que tivo unha boa idea, a de amosarnos a realidade da lingua galega a través do humor.

26/05/09

As confesións de Carlota Doyle


Comentario de Alismar Hernández

As confesión de Carlota Doyle
Avi
Galaxia

Pareceume un libro moi interesante porque nos explica a dura vida dos mariñeiros, de como os explotaban os capitáns, etc...
Por outra parte, o comprensiva que é Carlota cos mariñeiros ao descubrir todo o que ocorre no barco sorprende, ao ser unha nena rica de mente tan pechada. O final sorprende, polo camiño que escolle a nena para o seu futuro, podendo ter unha boa vida ao lado de seus pais, escolle irse cos mariñeiros, dos que tanto aprendeu, e que tanto a queren, sendo a capitá do barco, pois ese é o camiño que a fai feliz.

25/05/09

Poesía última de amor e enfermidade



Comentario de Erea Rey Presas

Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas

Este é un libro no cal os poemas aparte de seren fermosos fan sentir emocións, e é ademais un libro fácil de ler e de comprender no que se mesturan temas como o amor e a morte; antes de cada poema hai uns versos doutros autores cos que máis ou menos nos facemos unha idea de cal vai ser o tema do poema que imos ler a continuación, e mesmo hai nalgúns deses versos unha anotación do autor para indicarnos cal é a súa actitude ante o que le.
É un libro que me gustou moito e que recomendaría a calquera persoa que queira ler poesía. Mesmo se non gusta, é un bo xeito de "entrar" nela.

24/05/09

A cabeza de Medusa


Comentario de Silvia Villar García


A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Este libro cóntanos a historia de dúas rapazas que son violadas a noite de disfraces por dous rapaces que non coñecen. Cando estes as deixan abandoadas no medio dun lugar do que non saben como volver, Sofía chama á súa nai para lle explicar o sucedido. Logo, ela e Lupe poñen unha denuncia e pasan unha inspección médica.
Este libro continúa dicíndonos o mal que o pasan no instituto ; púxenme por momentos na pel delas, porque algúns compañeiros non as aceptan, e iso enfúreceme, por ler que "a culpa era delas por non levar unha saia máis longa", ou cando o pai de Lupe retira a denuncia por vergoña de que falen deles.
Persoalmente recomendaría este libro para o alumnado da ESO porque demostra o apoio dalgúns compañeiros e poderían recapacitar sobre a súas ideas, e que non se pode xulgar ás persoas polo xeito de vestir.
Pero non me gustou demasiado, a verdade.


18/05/09

O crepúsculo e as formigas

Comentario de Carla Gómez Ferradás


O crepúsculo e as formigas
Xosé Luis Méndez Ferrín
Xerais



É un libro un pouco complicado de ler pero que é moi fermoso.
É distinto aos que adoito ler. Está dividido en relatos que se caracterizan polo mesmo ambiente de terror nos que se desenvolven. Son relatos curtos e tenebrosos que me deixan cunha sensación estraña.
O relato que máis me gustou foi o do Suso, no que este vai buscar un amigo para que vexa un cadáver no río e resulta que o cadáver é o do Suso que está afogado. É terrorífico.
Recomendo o libro, aínda que o galego que emprega resulta difícil, anticuado, diferente.


30/04/09

Sardinia Blues

Comentario de Susana Cumbraos

Sardinia Blues
Flavio Soriga
Galaxia

Este libro chegou ás miñas mans nun momento no cal o meu destino, ao igual ca o dos protagonistas, era incerto; recomendado por unha persoa que un día me dixo que lle gustaban os meus comentarios sobre as lecturas: grazas, Ernesto.
Despois dunha longa espera, rematei o libro e é agora cando lle podo agradecer o agasallo.
O por que? Moi sinxelo... había tempo que andaba na procura de algo así, e ata o de agora non o atopara. A verdade é que é un tanto estraño que torne de Miguel Anxo Murado, coas súas duras e crueis historias da guerra, a Flavio Loriga, quen escribe nunha liña realista, pero á vez é quen de facernos sentir aquilo que está no máis fondo dun mesmo. Porén, Flavio Loriga conseguiu extraer de min unha serie de sentimentos encadeados entre si, como a amizade e a traición, o amor e o desamor, o risco e a aventura...
A historia en si vai dun mozo cunha serie de problemas familiares aos que se unen os sentimentos e tamén unha dura enfermidade que o corroe por dentro dende pequeno.
Dito así, semella que o libro zumegue tristura, pero non. A min máis ben fíxome sorrir pola ideas tolas dos protagonistas e en moitas páxinas mesmo me identificaba con eles.
Atrévome a asegurar que se o libro ten tanto éxito, xa excluíndo o argumento, é por como está narrado. Cunha lingua cotiá e de fácil acceso.
Quero outro igual!

29/04/09

Conexión Tubinga


Comentario de Susana Cumbraos

Conexión Tubinga
Alberto Canal
Xerais


Forma parte dese tipo de libros que non só che permiten coñecer a vida doutras persoas, senón que che fan reflexionar sobre o lido.
Eu a min mesma non me tacharía como atea... pero tampouco como crente... máis ben encóntrome nun punto no cal preciso ver todo para darlle creto.
Todos os temas a tratar neste libro xiran ao redor da existencia de Deus, pero tamén cuestiona e profundiza noutros temas como a liberdade, o porqué da existencia, o nihilismo de Nietzsche, o porblema da castidade... e outros máis comúns nas novelas coma o amor, a amizade, a aventura...
É un libro diferente aos demais polo feito de que fai cavilar sobre as páxinas lidas dun xeito máis intenso ca calquera outro.
O que máis me gustou foi que presenta a realidade baseándose no pasado.


27/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Silvia Villar García

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Polo título, pensei que ía ser un libro completamente diferente. Non cría que ía tratar de diferentes historias que captaran distintos aspectos da vida dos protagonistas, que reflicten os problemas da vida cotiá de cada persoa, situacións nas que non pensamos, pero que están aí.
Non todas as historias me transmitiron o mesmo pero tampouco as tiraría do libro.
Gustaríame que o libro non rematase xa que me atraeu de tal xeito que vía nas súas palabras moito máis que a simple aparencia.
Quedoume mágoa de non coñecer o escritor e poder preguntarlle con que historia se sentía máis unido.

26/04/09

Conexión Tubinga


Comentario de Antía Iglesias Otero


Conexión Tubinga
Alberto Canal
Xerais


É a historia dun mozo que se atopa nun seminario e que loita e pescuda sobre o prohibido ata tal punto que abandoa a súa ordenación.
Non foi un libro que me entusiasmara, fíxoseme moi denso e lieieme cos diálogos.


24/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Patricia Taboada Espiño

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Cando comecei a ler o primeiro capítulo, gustoume moito a historia que contaba, por iso ao comezar o segundo leveime unha desilusión, xa que non tiñan nada que ver.

Por outra parte, non entendía, non me tiñan sentido nin relación os relatos entre eles. Parecíanme cousas totalmente independentes, pero logo da visita de Murado atopeille todo o sentido, xa que antes non me parara a pensar no que el nos explicou.

O capítulo que máis me gustou foi o primeiro, xa que me sentía como se estivese alí nese momento. Outro que tamén me encantou foi "Ninguén te vai axudar", xa que conta uha realidade que, por mala sorte, ocorre todos os días. Pero outros, en cambio, non m gustaron moito xa que non lle atopo graza ningunha, nin me chamaron a atención. Por exemplo o d´"A nada" non espertou en min sentimento de ningún tipo.

23/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Enma Vázquez

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia



Dentro do libro uns relatos gustáronme moito máis que outros,como é o caso do relato titulado "Ninguén te vai axudar" ou "A nada".
Cando lía o libro pensaba que os relatos serían inventados, pero coa visita de Murado e as historias que nos contou sobre o libro entendo moito máis.

22/04/09

Encontro con Miguel Anxo Murado

Onte tivemos a sorte e a honra de compartirmos a xornada con Miguel Anxo Murado, un home cheo de sorpresas e conversas abraiantes que nos fixo pasar un día -a pesar de todo- agradable e instrutivo. Falounos non só dos seus libros e da súa experiencia vital, senón que tamén comentamos o horror das guerras, da necesidade de defender e falar a nosa lingua, do encontro dos galegos polo mundo, do oficio do xornalismo, da visión que se ten de nós por aí fóra, da presenza dos xornalistas nas guerras, de sentimentos, de impresións, de guións cinematográficos, das escolas palestinas, da dureza da vida, do deserto... O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato fixeron moitas preguntas a un persoeiro que tanto nos puido ofrecer.
Anteriormente, acompañara ao alumnado de 3º de ESO de Relixión para lles falar do conflito árabe-israelí. E logo da agradable e aleccionadora comida que compartimos, reflexionamos no club de lectura sobre Israel, da súa situación, dos seus habitantes, dos seus odios e temores...
Aprendemos tanto que aínda non acabamos de asimilalo!




Grazas de todo corazón por vires.
E grazas a Fernando e á editorial Galaxia por agasallárnolo.

Ruído


Comentario de Antía Iglesias Otero

Ruído
Miguel Anxo Murado
Galaxia



É a mostra dos relatos do día a día dunha guerra.

Os que máis me gustaron foron "Ruído" e "Insomnio". O primeiro é un relato contado por xornalistas no que se fala da morte de xente inocente, que non ten nada que ver cos enfrontamentos. O segundo transmite a dor que tamén senten os que están loitando fronte á morte de xente inofensiva.

Ruído


Comentario de Eva García Bibián


Ruído
Miguel Anxo Murado
Galaxia

Este libro relata unha serie de sucesos sobre a guerra e cada unha das historias amosa os sentimentos que nelas afloran por parte das persoas que a viven.
O relato que máis me gustou foi "Nas mans de Deus" pola presenza dun Deus superior antes os desastres da guerra e a visión que teñen as persoas ante a salvación dese Deus.
Non foi dos libros que máis me gustou. Despois de ler Mércores de cinza penseis que os sentimentos que en min provocarían serían diferentes pero non chegou a afondar como eu eu agardaba.
Espero ler máis libros do tipo Mércores de cinza para que poidan chegar a espertar eses vellos sentimentos.

Mércores de cinza

Comentario de José Antonio Rey García

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Gustoume o libro de Murado, gustoume que tivese diferentes historias no seu interior e gustoume non saber o final de ningunha delas.
Debo recoñecer que non todos me gustaron, pero o feito de pasarme o traballo de maxinar o remate de cada historia fai que, nunha persoa preguiceira coma min, connote intención e interese pola miña parte.
É curioso, pero deime conta de que me gustaba o libro cando ao remate dun relato me poñía a pensar sobre este e os seus posibeis finais.


Fin de século en Palestina


Comentario de Antía Iglesias Otero


Fin de século en Palestina
Miguel Anxo Murado
Galaxia


É a mostra da realidade dos conflitos das guerras actuais, por iso este libro foi especial, porque ás veces méteste na pel do narrador e vives cos continuos bombardeos e experimentos a guerra.
É impresionante o xeito de reflectir como son capaces de durmir co estoupido das bombas e o modo no que estas se converten nalgo normal e diario.

21/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Laura Carballo Mato

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


ESte libro gustoume bastante. Non me encantou pero tampouco me decepcionou.
Chamoume a atención que fose un libro de relatos porque non o pensara antes de comezar a lelo.
O libro fálanos de distintas etapas da vida do ser humano, reflectidas moi ben.
En xeral, recomendo o libro porque é de fácil lectura, aínda que hai relatos que non me gustaron.

Mércores de cinza

Comentario de Rocío Pena López


Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Este libro non me gustou moito. Son unha serie de relatos dos que menos me gustou foi "Ninguén te vai axudar" porque o o vexo como unha realidade demasiado cotiá. O que máis me gustou foi o primeiro relato, ver como un rapaz ten forzas para se enfrontar a un incendio e como as persoas ás persoas lles importa máis o cemiterio que as súas propias casas.

Mércores de cinza

Comentario de María Agustina González

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia



Este libro é moi facil de ler, máis do que pensaba. É sinxelo e entretido, aínda podería dicir que máis que entretido foi divertido. Gustoume, si gustoume moito. Ao principio, pareceume raro, un libro sen ter unha historia concreta, cos protagonistas, antagonistas, unha mesma introdución, nó ou desenlace. Había varias historias sen estar entrelazadas unhas con outras onde ao principio pode resultarche lioso porque como dixen antes non é o que esperabas... Estas historias son curtas pero fermosas, ao acabar de lelas pensas que como puido facer o escritor para contar algo que teña tanto sentido, que che faga pensar e aínda por encima penses nela cando acabaches. Non é un traballo doado iso de facer unha historia bonita pero curta, e algunhas aínda eran máis ca outras.

Sorprendeume o libro, polas historias, polo que contaban nelas, pola estrutura, porque non é o que esperabas, por iso é por todo. Onde aquí non podes destacar unha soa historia, tes que falar de unha ou de ninguna. Todas poden gustarche por cada cousa que trae, polas expresión que utiliza nesa historia. Que iso si que o quería destacar, encantame en cada historia frases que che van reflexionar pero que están moi metidas no que ocorría polo que non te quitaba do que estabas lendo e te facía pensar logo, ao acabar co pequeno relato.

Unhas das frases " Por sorte non teñen idade para comprender que aquela sombra que planou sobre as súas cabezas durante un instante era a sombra mesma do sufrimento, da dor, da morte." Esta é unha de moitas e moitas que podes atopar e te fan pensar. Tamén pode ser por iso que atopei o libro tan atractivo.

Gustariame que o lerades, que non vos vai desilusionar. Pasaredes lendo un rato divertido, reflexionando, pensando, volvendo a ler esas frases que tanto chocan ao principio e resultan do mellor ao final. Mércores de Cinza paga a pena.

20/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Sara Vallo Munín

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia



Cando lin o título deste libro pensei que sería un libro relacionada coa relixión, pero non me podia imaxinar que era un libro de historias, sobre todo de historias tan emocionantes. Un relato que me gustou especialmente foi "Dous amigos", non sei especialmente por qué, quizais porque ese día lin parte de libro e lino bastante rápido. Neste libro descubrín unha forza de ler, sen ser a típica historia pesada, aínda que había historias que se me facían pesadas, polo xeral, lino bastante rápido. Canda vas lendo o libro non te decatas de que algúns relatos representan unha escena da vida cotiá. Cría que ler un libro en relatos era bastante aburrido e tedioso, pero ao final gustoume bastante, máis do que eu pensaba!

Mércores de cinza

Comentario de Noelia Rosende López

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia

Empecei lendo este libro con gusto xa que o primeiro capítulo me parecera interesante e fácil de ler, pero cando máis adiante vin que os capítulos non tiñan nada que ver uns con outros pareceume unha perda de tempo lelo. En realidade non me gustou nadiña; e sinto ser tan estricta pero a verdade é que xa había tempo que non lía un libro tan malo.

O único positivo que podo dicir del é que se le con facilidade e que en ocasións aparece o dialecto lucense, que para os que non estamos afeitos a oílo pode parecer singular.

Mércores de cinza

Comentario de Lorena Villar García

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia



Este é un libro con varios relatos entretidos, que fan referencia a distintos problemas da vida, moitas veces identificativos.
É curto e fácil de ler, aínda que eu pensaba que ía ser un coñazo, por estar composto por varios relatos.
O libro non é que me fascinase moito, porque a min gustaríame que fose unha historia soa.
Deime de conta que moitos de nós podémonos identificar con algunha desas historias.
Recomendo a lectura do libro, porque creo que é un libro que nos fai reflexionar a todos.

Mércores de cinza

Comentario de Lorena Villar García

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia



Este é un libro con varios relatos entretidos, que fan referencia a distintos problemas da vida, moitas veces identificativos.
É curto e fácil de ler, aínda que eu pensaba que ía ser un coñazo, por estar composto por varios relatos.
O libro non é que me fascinase moito, porque a min gustaríame que fose unha historia soa.
Deime de conta que moitos de nós podémonos identificar con algunha desas historias.
Recomendo a lectura do libro, porque creo que é un libro que nos fai reflexionar a todos.