ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

08/12/17

As horas roubadas

Comentario de Alba Gómez Barros


As horas roubadas
María Solar
Xerais





As horas roubadas é un libro de María Solar. A morte de Anselmo, un ancián que sostén un papel na man coa mensaxe: “Dime que me queres” destapa unha historia de amor de hai tempo e que aínda está en pé. Esta historia lévanos a outros acontecementos  entre adolescentes e tamén os adultos, demostrando que non hai idade para o amor.
Este libro chamoume moito a atención dende un primeiro momento, xa comeza espertando intriga e a forma de narrar (narrador omnisciente) permite que vivas ti mesma a historia.
Cómpre salientar que no primeiro capítulo xa me sorprendín coa morte do avó, pero a medida que avancei logrei entendelo. Cando isto pasou o papeliño que o avó contiña na man coa mensaxe chamoume moito a atención.
 Neste libro sempre te sorprendes e todos os sucesos que acontecen son importantes e enganchan o lector.
Outro dos datos que resaltou no libro para min foi a forma de vida de Rosa. Vivía para os demais e o medo que lle tiña ao seu home Damián podía con ela. Relacionado con este tema, tamén me chamou a atención que naquela época pegarlle a un fillo fose normal e que Damián deixase inconsciente ao seu fillo logo de darlle unha malleira.
Dentro deste libro hai un parágrafo que destacaría: «Ningunha muller pode consentir que a traten así, nin golpes, nin desprezo, nin control, que é tan daniño coma as malleiras. Rosa xa non lembrara quen era.» Aquí vese como as mulleres querían conseguir a liberdade e aprobar a lei do divorcio, agás Rosa que non lograba abrir os ollos.
As caixiñas que aparecían foi unha das moitas cousas que espertaron en min a necesidade de chegar o final e descubrir como acabarían todas as historias de amor, pero especialmente a dos avós.
Outra historia importante foi a de Roberto e Nuria, pareceume amena e a miña curiosidade por saber o que acontecía fixo que lera o libro dunha sentada a pesar da súa longa lectura.
En conclusión un libro moi entretido, divertido coas súas partes de drama, que engancha ao lector. Sempre está a tratar distintos temas que provocan a lectura continua deste libro sen dar parado. Recomendaría este libro xa que estou segura de que lle vai gustar a calquera público.

Sen comentarios