ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

01/05/16

Masculino singular

Comentario de Telmo García



Masculino singular
Carlos Negro
Xerais

Este libro sorprendeume gratamente. Non adoito ler poesía porque non é un dos meus xéneros favoritos, pero con MASCULINO SINGULAR foi diferente. Este poemario podo declarar abertamente que si que me gustou e moito.



Resultoume un libro sinxelo e directo cunhas ideas moi claras sobre a denuncia das inxusticias que viven diariamente as mulleres. É un libro que dá unha patada e un corte de mangas  a todos eses estereotipos patriarcais da sociedade actual onde a violencia contra as mulleres é o pan de cada hora.



Algún destes estereotipos vense nos poemas de ANATOMÍA SEMÁNTICA ,que nos recorda a un caligrama vanguardista, ou nos titulados TOY STORY 1 e 2. Tamén destacaría o poema de O MURO que é o meu favorito de todo o libro. Nel faise unha comparacion entre o masculino e o femenino con moita retranca e ironía e créase un muro poético e visual  de prexuicios que o autor parece invitarnos a derribar.



O libro comeza cun interesante poema que é  unha especie de autorretrato no que Carlos Negro fala do que é, do que lle gustaría ser, do que ten e do que non ten.   Esta parte do libro títulase “Código de barras” e nela xa fai unha declaración de intencións e de novas ideas sobre a masculinidade.  



Pero Masculino Singular non só é poesía reivindicativa e crítica. Outra parte do poemario ten que ver coa defensa da tenrura. A sección de poemas de “Materia Estelar” falan do cambio de actitude que o poeta viviu desde que naceu o seu fillo.  Con el descubriu un novo sentimento tenro e dulce, que fai do afecto un poder único e necesario. Non a violencia e si a tenrura .A mensaxe queda clara: so coa tenrura e o amor sacamos o mellor do home  (masculino) verdadeiro.



Esta obra pareceume orixinal. Unha coitela para as conciencias e un amor para o corazón ao mesmo tempo. Como o propio autor di nun poema  (Técnicas de afeitado) “suave e apurada por fóra, pero cun gume cortante por dentro”. Altamente recomendable para xente con ganas de cambiar mentalidades sobre o machismo e o feminismo.

Sen comentarios