ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

17/04/16

Masculino singular

Comentario de David González Sampayo



Masculino singular
Carlos Negro
Xerais



Este foi o primeiro libro de poesía que lin de Carlos Negro e a verdade gustoume máis do que me esperaba, aínda que sen dúbida ségueme gustando máis a prosa que a poesía. 
"Masculino singular", considero que é un gran poemario para todos aqueles que se están a introducir no mundo da lírica, xa que é un libro que non posúe poemas comúns, en canto ao que se refire á métrica e á forma. Todos os poemas deste libro son diferentes e cada un deles agocha un misterio que fai que queiras seguir lendo. Tras ler este libro borráronse da miña cabeza todos os estereotipos que tiña sobre a poesía, xa que sempre que se fala de lírica a case todo o mundo lle veñen á cabeza imaxes de poemas con rima e con estrofas de tres ou catro versos. Pero todos os poemas deste libro rompen co establecido, debido a que hai poemas escritos en prosa, caligramas, poemas nos que hai unha ausencia de elementos tipográficos, etc. Cabe dicir que todos os poemas gardan certa relación entre eles en canto á temática, xa que neles predominan temas como o feminismo, como deben ser os homes e as mulleres ou o machismo.
Como ben dixen antes gustáronme todos os poemas do libro e gustaríame destacar dous poemas por encima de todos os demais, debido á súa temática, á súa forma, ao seu léxico, etc.
Un dos poemas que máis me gustou foi o de "Baldosas", tanto pola súa forma como polo seu contido. Este foi un poema que tan pronto o vin sabía que me ía gustar, xa que a súa estética atrae ao lector. Este poema goza dun gran realismo, debido a que nel se narra como unha muller vive co seu marido machista, o cal a maltrata. Neste poema cóntase que a muller frega o chan de aí que o poema estea representado sobre un fondo de baldosas; mentres o seu marido ve o fútbol na sala. Finalmente a muller é golpeada, xa que se nomean as palabras sangue e bágoas.
Outro poema que tamén me gustou moito foi o de "Puntos de fuga", xa que nel Carlos Negro lle quere transmitir ao lector que o sexo masculino e o feminino non teñen uns trazos que o caracterizan, xa que como se explica neste poema non hai que ser home para que che guste o fútbol, nin ser gai para que che guste o rosa. Pero sen dúbida a parte que máis me gustou deste poema foi o último verso, o cal di: "Son feliz se me admites diferente". Eu considero que este poema nos transmite unha gran ensinanza, xa que moitas veces xulgamos ás persoas polos seus actos, sen sequera coñecelas, e iso non está ben.
 

Sen comentarios