ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

10/04/16

Historias de Oregón

Comentario de David González Sampayo



Diego Ameixeiras
Historias de Oregón
Xerais



A verdade é que cada vez me gusta máis isto de ler libros de novela negra, escritos por Diego Ameixeiras. O último libro que lin deste gran autor foi "Historias de Oregón", o cal gustoume moito. Este libro gustoume máis ca o de "Matarte lentamente", xa que a linguaxe que emprega o autor neste libro é máis directa, ademais esta novela pareceume máis fácil de entender. Este libro posúe unha estrutura semellante a de "Matarte lentamente", xa que está formado por varias historias relacionadas entre si. O que máis me gustou deste libro foi que Diego Ameixeiras consegue crear na mente do lector imaxes relacionadas co que un está lendo. Ademais este libro pareceume moi realista, ao igual, que todos os libros que lin de Ameixeiras ata o día de hoxe. Esta foi unha obra que me agradou bastante, pero houbo aspectos que os cambiaría. Dentro destes aspectos gustaríame dicir que neste libro, ás veces, a mesma historia está formada por capítulos moi separados, o que fai que o lector poida facerse un lío. Pero en xeral gustáronme case todas as historias que forman o libro.
Todos os personaxes que interveñen en cada unha das historias deste libro, son persoas normais, da vida cotiá, pero os cales todos teñen un problema que inquieta a súa vida e domina o seu papel ao longo desta marabillosa novela. Tamén hai que dicir que todos os personaxes de cada un dos relatos que comprenden este libro, proveñen de suburbios, da clase baixa e ao longo da súa vida sufriron numerosas inxustizas. En canto ao espazo, a historia transcorre na cidade de Oregón, a cal polo que se conta no libro está chea de zonas conflitivas. Nesta novela Diego Ameixeiras fai que coñezas Oregón coma a palma da man xa que realiza unha constante e fonda descrición deste espazo.
Como ben dixen ao principio do comentario, gustáronme case todas as historias e vou destacar dúas delas; unha positivamente e outra negativamente. A historia que, para min, salientou sobre todas as demais foi de Aurora P.G., en cambio, o relato que máis me decepcionou de todo o libro foi o da prostituta Camelia V.P.
A historia que máis me gustou foi a de Aurora P.G., xa que é unha historia moi realista e chea de intriga e acción. É unha historia moi realista porque a violencia de xénero é un tema que, por desgraza, está presente no día a día da nosa sociedade. Neste relato cóntase a vida dunha muller chamada Aurora, cuxo marido chega case sempre borracho á casa. Sempre que van para a cama esta muller é tirada ao chan por Andrés, o seu marido, e entón ela sempre durme na alfombra. É tal o medo que lle ten que cando vai para a cama xa non se deita nela, senón que directamente xa se deita na alfombra para que o seu marido non a tire ao chan. Pero un día Aurora xa farta de ser golpeada, insultada e humillada polo seu marido; esperta e observa que Andrés se quedou durmido mentres ceaba debido ao borracho que estaba. Sen pensalo dúas veces Aurora coloca varios coitelos enriba da mesa e apuñala repetidamente ao seu marido. A verdade é que o final desta historia me sorprendeu bastante xa que segundo vas lendo o que pensas é que Aurora vai ser asasinada polo seu marido, pero ao final é ao revés.
En cambio a historia de Camelia deixoume un amargo sabor de boca, principalmente porque non entendín a historia. Deste relato, só entendín que Camelia é unha prostituta que tras rematar un servizo co dono dunha empresa construtora lle rouba a este a carteira e escapa e tamén me lembro de que Camelia era amiga dunha tal Diana Maroto, unha chica que desapareceu repentinamente. O final desta historia é tamén o final do libro é a verdade non o entendín, xa que o libro remata cunha chamada de Camelia á televisión para mercar un dos produtos que anuncian a altas horas da noite, e por iso o desenlace do libro non me quedou moi claro.

Sen comentarios