ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

20/11/15

Cousas


Comentario de David González Sampayo

 

Cousas
Castelao
Galaxia



Este foi o primeiro libro que lin de Castelao e, sinceramente, gustoume moitísimo. Esta é unha obra composta por varios relatos moi breves e de carácter satírico, cheos de humor. Outra cousa que me gustou destes relatos foi a ironía coa que Castelao escribe cada un deles. Os temas principais destes contos son a emigración, a pobreza e o abuso de poder por parte dos ricos, o cal é criticado continuamente polo autor, a honra, etc. Tamén cabe destacar que é un libro moi fácil de ler e entender. Eu sempre dixen que me gustan os personaxes e ambientación ben descritos, pero neste caso gústame que Castelao omita as descricións e se centre no transcurso da acción, é dicir, é conciso. Eu recoméndolle este libro a todo o mundo, xa que é un libro que vale para persoas de todas as idades. Vou destacar dous relatos positivamente, que son "O pai de Migueliño" e "Aínda eu non nacera". Houbo tres relatos que non me gustaron nada, os cales foron "Se eu fose autor", "No mar había un afogado" e "Nunha eirexa da montaña".

"O pai de Migueliño" foi, sen dúbida, o relato que máis me gustou. Nel un rapaz que nunca vira ao seu pai mira un retrato que hai na casa, para recoñecelo, xa que ese día volta de América, tras emigrar. Xa no porto, onde desembarcará o seu pai abrázase a distintos homes, que pasan del. Cando vira a cabeza ve a un home con roupa vella, sucia e moi delgado, que está abrazado á súa nai; nese intre, decátase de que ese home é o seu pai. Neste relato, refléxase que non todo o mundo que emigraba cara América se facía rico, senón, que moitos, coma o pai de Migueliño, fracasaban.

Outro relato que tamén me gustou foi "Aínda eu non nacera", xa que me fixo rir moito. Este relato céntrase na historia dun pobo no que aparece un raio de luz, o cal sembra o pánico nesta vila. Como os habitantes deste pobo crían que este era o fin do mundo, Ramón foi á igrexa coa súa moza a suplicarlle ao cura que os casase para non morrer en pecado. Finalmente, apareceu un home que lles dixo aos habitantes do pobo que ese raio de luz era luz eléctrca, que proviña dunha fábrica. Neste relato Castelao reflexa a sociedade galega daquela época, unha sociedade moi crente ou mou supersticiosa.

Os tres relatos que menos me gustaron foron "Se eu fose autor", "No mar había un afogado" e "Nunha eirexa da montaña", xa que, desde o meu punto de vista, estes relatos carecen de humor e sobre todo emoción, que é, na miña opinión, a base dun conto, o que fai que un relato sexa divertido e ameno. En "Se eu fose autor", tan só entendín que os pobres choraban por unha vaca e os fidalgos por unha cadela. En "No mar había un afogado" e en "Nunha eirexa da montaña", non entendín nada, e parecéronme aburridísmos. Os tres relatos que nomeei anteriormente, parecéronme as "ovellas negras" deste magnífico libro, e considero, que non deberían estar neste libro.

Sen comentarios