ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

21/11/15

Erros e Tánatos

Comentario de María Rodríguez


Erros e Tánatos
Gonzalo Navaza
Xerais
 
 
 
O libro Erros e tánatos, de Gonzalo Navaza, foi un libro que non me defraudou. Ademais pareceume moi interesante xa que o seu contido envolve ao lector e faino sentir dentro del.
Este libro está constituído por dez relatos nos que os temas principais son o engano e a inxenuidade.
Os finais son sorprendentes e inesperados. En todos os relatos remata habendo mortes.
O relato que máis me gustou foi “Bull & Mignonne”. Os protagonistas son Moreiras e Emiliano Zongarelli. Moreiras coñece a Emiliano Zongarelli  en Zúric. Os dous collen o mesmo tren no que tamén entra unha fermosa muller. Emiliano, ao ver que un home se achega á muller, míntelle dicindo que estaba tola e o home marchou. Emiliano fala con ela e despois marchan xuntos; despídese de Moreiras berrando un ciao e erguendo o polgar co puño pechado. Cinco días despois, Moreiras ve no xornal que o seu amigo Emiliano fora devorado polos dous cans da muller que coñecera no tren.
O relato que menos me gustou foi “O home do saco”. O protagonista é un rapaz que cre que o home do saco o persigue e por iso escapa del. Diríxese ao almacén de fertilizantes da Cros e mentres estaba no despacho veu entrar ao home do saco e escondeuse rapidamente. Logo, saíu do seu agocho e disparoulle coa espingarda de caza de Amadeo. El estaba moi contento de que xa non houbese home do saco na vila pero ao chegar á casa descobre que en realidade matara ao pai dun amigo seu. Descobre que este acontecemento resulta ser produto da súa imaxinación.   Este relato a pesar de que ocorrese en Lalín, non conseguiu chamar a miña atención.
Que este autor sexa de Lalín motivoume máis a lelo. Ademais, algúns relatos están ambientados en Lalín e isto sorprendeume ao mesmo tempo que me gustou.
Non me resultou difícil de ler xa que empregaba unha linguaxe doada.
Recoméndoo.

Sen comentarios