ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

22/10/15

Un animal chamado néboa

Comentario de David González Sampayo


Un animal chamado néboa
Ledicia Costas
Xerais



Quero comezar este comentario dicindo que este libro se resume nun adxectivo: brutal; con este adxectivo, refírome a que é unha pasada de libro e tamen me refiro a que non é apto para todo o mundo, debido ao duro que é. Cando me dixeches o outro día, na biblioteca, que este libro era duro, eu, a verdade, non te tomei moi en serio; pero agora tras ler esta novela, vexo que o dicías de verdade. É un libro moi interesante, baseado na Segunda Guerra Mundial, o dominio nazi, o ataque do Enola Gay coas bombas atómicas. O que máis me gustou do libro foi a forma na cal está estruturado, xa que a súa autora, Ledicia Costas, divide o libro en varios relatos, nos que se contan as vidas de varias familias durante estes terribles anos. De todos os libro que lin ata agora de Ledicia Costas, este foi o que máis me gustou e, sobre todo, o que máis me conmoveu. Esta novela consegue preparar no teu interior un batido de sentimentos amargos: dor, tristeza e impotencia. Este último veuse reflexado en min, na parte final do libro, cando no xuízo aos principais dirixentes do partido nazi, algúns din que sentían pena das persoas que eles mataran coas súas mans. Tamén quero destacar que esta novela ten bastantes semellanzas con outro libro de Ledicia Costas, que é: "Recinto Gris", o cal tamén lin. Sen dúbida é un libro que lle recomendaría ler a todo o mundo.

Como dixen anteriormente, todos os relatos da novela transmitíronme moitísima dor, pero houbo un que me transmitiu máis dor ca ningún. Refírome ao relato que ten o mesmo nome ca o título do libro, "Un animal chamado néboa". Nel cóntase como maltrataban ás mulleres os membros das SS. Sobreexplotábanas en condicións pésimas, obrigábanas a prostituírse, en definitiva, eran escravas. Neste relato cóntase a historia dunha das protagonistas, Martha, a quen fan traballar moito en condicions pésimas, en Ravensbrück; ofrécenlle prostituírse durante seis meses a cambio da súa liberdade, pero cando este tempo pasa é devolta a Ravensbrück. A historia é moi dura onde se reflexa o machismo daquela maldita sociedade.

Foi o primeiro libro en toda a miña vida que me provocou náuseas. Na parte do libro onde máis náuseas tiven foi no comezo, xa que ao non ter comida os habitantes de Leningrado, debido ao asolagamento nazi, comíanse os uns aos outros. Con eses feitos faste unha idea do grao de desesperación no que vivían aquelas persoas. Outro feito que me provocou náuseas foron os métodos de tortura que empregaban os soldados nazis, sobre os xudeus.

Por último quero destacar que Ledicia Costas debeu pasar bastante traballo antes de poder escribir este libro, xa que para escribir unha novela deste tipo debes informarte moito.

Sen comentarios