ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

08/10/15

Son noxento

Comentario de Cristina Costela Seara

 Son noxento
María Xosé Queizán


“Son noxento” é unha novela curta que me gustou moito, xa que reflexiona sobre temas como o acoso sexual - violación dunha rapaza polo seu propio pai, pedofilia, violencia sobre as mulleres…- É dicir, temas comúns no noso día a día; polo que me gustaría que a xente que lese este tipo de novelas actuasen e reflexionasen sobre o que pasa ao noso arredor.
“Son noxento” é unha novela que fai unha crítica ao machismo que hai na sociedade actual, ademais de facer alusión ao momento económico que estamos a vivir, o que percibimos a través do sogro de Suso. Tamén se destacan eivas do cárcere, que se deixan caer polo medio do libro coma quen non quere a cousa.
Gustoume moito a forma que tivo a autora de escribir a novela, é dicir, ese monólogo interior no cal o protagonista expresa situacións de máxima violencia e se define como depredador sexual masculino. O machismo de Suso tamén se pode apreciar na súa linguaxe, polo que a autora acertou de cheo ao caracterizar este personaxe.
A través do monólogo, o “noxento” lembra o seu pasado dende o cárcere, onde sofre condena. Mais o lector non saberá ata o final o porqué da condena.
Dende un primeiro momento notei que Suso era un machista e segundo ía lendo percatábame da súa evolución, chegando a ser un pederasta e violador da súa propia filla, comportamentos dos que non se arrepinte.
Para rematar, gustaríame destacar o comportamento da muller de Suso, Lilí, un carácter covarde como o de moitas mulleres maltratadas, que sempre desculpan ás súas parellas. Espero que novelas coma estas sirvan para abrir os ollos ás mulleres que sofren este tipo de situacións e que se rebelen contra elas.
Unha novela que me gustou moito e que recomendo ler, para que a xente reflexione sobre o que pasa hoxe en día e se tomen medidas para poder evitalo.

Sen comentarios