A neta do Señor Linh foi un libro
que me encantou e que me chegou a emocionar. É unha historia moi conmovedora e
sentimental que trata sobre a soidade e o valor da amizade.
Este libro fálanos da soidade do
señor Linh, un vello asiático que o perdeu todo, o seu fogar, o seu fillo e a
súa vida por mor da guerra. Unha guerra que arrebatou das súas mans a todos os
seres queridos e que tan só lle deixou a súa
pequena neta, polo que abandona o seu país. Na cidade que o recibe,
atópase co señor Bark, outro home que vive en soidade. Estes, a pesar de falar
distintas linguas, son quen de comunicarse e facer que entre eles xurda unha
gran amizade. E é que as miradas e sorrisos moitas veces transmiten máis cás
palabras. Ata se me escapou algún sorriso cando pronuncian a única expresión
que aprenderon no outro idioma.
O que máis me gustou do libro foi
a amizade que xorde entre os dous señores, que son persoas que se atopan soas
no mundo e que intentan aliviar a súa dor estando xuntos, na súa cita no banco. Esta convértese nun feito agradable e necesario para eles, un momento no que
disfrutan de compartir tempo xuntos. Danse moito apoio e para o señor Linh o
país estranxeiro comeza a ter unha cara e voz familiar.
Este libro describe moi ben a
dozura e o amor que teñen os avós polos netos, neste caso vemos como o señor
Linh se preocupaba por ela, mastigáballe el a comida, abrazábaa para que non
tivese frío...
Achéganos ao drama das guerras,
do exilio e dos refuxiados, unido á desesperanza das persoas e á necesidade dos
humanos por agarrarnos a algo para sobrevivir.
É un libro no que constantemente
tes os sentimentos a flor de pel, tanto o lector, coma os protagonistas; os
tremendos sentimentos do señor Linh que despois dunha vida chea de fuxidas, na
que se viu obrigado a afastarse de moitas cousas, sente nostalxia, tristeza e un
gran baleiro no seu interior, no que o seu único alivio é a súa neta, que lle
recorda a súa nora, fillo e incluso á súa muller.
Un final moi sorprendente que me
conmoveu e me entristeceu.
Recoméndoo sen dúbida, a esa
xente que queira sentir ao señor Linh un pouquiño máis cerca e coñecer a súa
emotiva e triste historia.
Sen comentarios
Publicar un comentario