ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

10/06/14

Mércores de cinza



Comentario de Cristina Cabaleiro

Mércores de cinza     
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Mércores de cinza, Dime algo bonito, Eran cinco, Ninguén te vai axudar, Unha excursión inesperada, A floración das cerdeiras… son algúns dos pequenos relatos que se narran nesta breve, pero moi variada recompilación.
O relato que quizais me gustou e me chegou máis de entre todos os que se contan foi o primeiro, xusto o que lle dá nome ao libro. A historia fala dun rapaz que acaba de perder ao seu pai e que participa na extinción dun incendio forestal, e de como esta situación se acabará convertendo nunha moi expresiva metáfora da súa dor. O que me cativou do relato foi  a forma de expresar o sufrimento do protagonista mediante un incendio, comezando como unha pequena brasa a piques de desaparecer, pero que unha e outra vez atopa forzas para aguantar e sobrevivir, medrando sen control.
Tamén hai un párrafo procedente do relato A corrente do Golfo que saboreei especialmente cando o lin:

… pensaba en que a corrente do Golfo o empuxaría primeiro cara ao norte, durante días e días, ata chegar á xeadas augas do Ártico, e seguramente permanecería aló envolto en xeo, durante anos, descansando sen ser molestado, naquel lugar infinitamente tranquilo, para logo volver baixar cara ao ecuador. E pasaría por diante do seu país e da súa casa, e os fillos xa serían maiores, non os vería pero pasaría preto deles e da casa, e do lugar onde estaban enterrados os seus veciños. Pero el non quedaría enterrado, seguiría cara o Sur… 

Recoméndolle o libro a calquera persoa, pois é un libro sinxelo de ler. Ademais diso, conta diversas historias nas que se expresan vivencias e experiencias que afectan profundamente na vida deses personaxes, e que de seguro son de disfrute e deleite do lector.

Sen comentarios