ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

17/06/14

Anxos en tempos de chuvia



Comentario de David Cabaleiro


Anxos en tempos de chuvia        
 
Miguel Vázquez Freire
Xerais

A historia dunha moza e tres rapaces que morren na madrugada dun sábado nun accidente de automóbil. O irmán de Anxos (a rapaza falecida), Moncho, non quere aceptar as explicacións oficiais sobre a causa do mesmo. A partir deste momento, actúa coma un investigador na procura de pegadas pero, en certo modo, coma un detective ao revés, porque o que este busca non son as marcas dun crime, senón as dunha inocencia. Así, acompañado por unha enigmática chuvia de trasfondo que persiste durante a maior parte do relato, emprende a súa exploración, tomando como punto de partida o diario secreto da rapaza.
Asemade a novela, cunha trama artellada moi coidadosamente, aborda dende temas tan actuais como a problemática dos accidentes de tráfico, o consumo de alcohol, as drogas, o rock bravú, a SIDA, a lingua e a identidade galega… ata outros tan complexos e ambiguos que de cotío roldan na cabeza da mocidade como son o amor, a iniciación á sexualidade adulta, a reflexión sobre a existencia e a relixión e, sobre todo, a consideración da morte como unha experiencia vivida.

Como é posible? Un diario, un soño, unha película, unha narración… ou os catro á vez? Anxos en tempos de chuvia é unha orxía de palabras, a investigación certeira, un deses libros cos que non se pode evitar marcar un sorriso no rostro ao rematar de lelo… Gustoume, non o vou negar, aínda que considero que había “amor” (por así dicilo) en exceso, cousa que custaba de dixerir. Polo demais, tanto ese léxico conciso coma unha historia sen grandes dilemas, esta é unha obra digna da miña admiración.
Tamén cabe destacar a alusión á verdadeira moral que representa o diario de Anxos, no que non soamente se recollen as súas experiencias máis curiosas e peculiares, senón tamén varias citas sobre a beleza ou a maneira de ser única de cadaquén que oxalá algún día se fagan realidade.

En fin, sen dúbida ningunha cualifícoo como unha novela gratamente completa e entretida (desas que se comezan unha tarde e se rematan ante o solpor), para todo aquel que estea metido no mundo policial e que se sinta un auténtico detective literario, e póñolle un oito… e medio.

Sen comentarios