ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

18/06/14

A miña planta de laranxa lima



[a-minha-planta.jpg]
Comentario de David Cabaleiro


A miña planta de laranxa lima        

José Mauro de Vasconcelos
Primerapersona


Unha marabilla literaria chea de bágoas e lembranzas, unha das mellores novelas xuvenís de todos os tempos que hai que sentir ao menos unha vez na vida: A miña planta de laranxa lima.

Antes de proceder coa lectura, aconsélloche ter unha manchea de panos ao teu carón, pois ben seguro que non serás capaz de reprimir as bágoas. Efectivamente, este é un libro dunha tristura inconmensurable, pero á súa vez sumamente tenro.

A miña planta de laranxa lima é unha novela con trazos autobiográficos, que calca as aventuras e desventuras de Zezé, un neno de cinco anos que quere ser poeta sabio e levar gravata de lazo, pero a quen a vida lle ten reservada unha dura existencia rodeada da máis absoluta incomprensión e miseria. É, neste sentido, un documental social e un reflexo do Brasil máis desfavorecido, da pobreza máis absoluta, pero tamén un retrato cargado de lirismo, trazado con axilidade, sensibilidade e un esplendor estilístico desbordante.
A melancolía dun neno mestizo que descubre o verdadeiro significado da dor e de crecer demasiado cedo. O desamparo dun cativo que se muda a unha nova casa na cal os seus irmán escollen unha árbore do xardín e el, resignado, confórmase cunha planta de laranxa lima da que, transcorridas as palabras, se remata namorando, pois na súa intensa imaxinación é o único ser especial co que se pode comunicar de verdade. Así, coma calquera xoia da súa idade, sae inocente un busca de ridículas leas e falcatruadas, que pese a non ser máis ca iso serán severamente reprochadas polos seus parentes, en especial polo seu pai. Nunha das súas aventuras tamén coñece ao Portugués, un inimigo amigo, co que creará un forte vínculo de amor certeiro, un amor case de pai a fillo.
Chega un momento no que a familia decide cortar a planta de Zezé, pois cada vez é máis grande, pero asimesmo máis pequena no seu débil corazón, e por se iso non fose dabondo un tren acaba de arroiar ao Portugués, que remata abandonando tamén a súa vida, cada vez máis baleira e insignificante.

Para min, un libro que rouba as palabras, que amosa a íntegra realidade, que ensina a valorar o que se ten, pois nalgunha parte do mundo hai alguén que de verdade precisa axuda e folgos para erguerse de novo. Sinxelamente, alenta as ganas de descubrir, de pensar e de imaxinar o que no fondo é real, aquilo que soamente se pode sentir rachando os límites do tempo, do espazo e da vida.

Quero recomendarlle este libro a todo o mundo, sen excepcións, medidas nin ataduras. Vaite conquistar; o contrario é impensable… ou imposible.

Sen comentarios