“O bater das ás
dunha bolboreta pódese sentir ao outro lado do mundo”. Este proverbio chinés é
motivo suficiente para que Hadrián Barcés, matemático, soñador, investigador, adicto
aos caramelos brandos de limón e namorado, o abandone todo e emprenda unha
viaxe máxica e cargada de emoción arredor do mundo. E a través do seu fiel
diario de aventuras poderemos sentir cada un dos seus pasos en primeira persoa.
Este é o primeiro
libro en forma de diario que leo. Este feito, sumado a unha linguaxe cargada de
tecnicismos e palabras cultas, foron dous dos factores máis relevantes que
provocaron que o comezo da lectura fose difícil de emprender. Porén, unha
vez collido o fío do relato puiden comezar a saborealo, sorprenderme,
emocionarme, aprender e ata rir. Sen dúbida, a maneira coa que a autora crea un
universo sólido mentres desenvolve unha prosa áxil e coidada, cargada de
descricións dunha gran forza atractiva, é motivo suficiente para manter os
ollos fixos na lectura de principio a fin. Ademais, a través do protagonista amósanos
un gran modelo de superación, pois pase fame, perigo ou noites na rúa, segue
adiante co seu proxecto, co seu soño cada vez máis preto de ser cumprido. Todo
isto vese reforzado pola presenza da enigmática pero prudente Martina, unha
verdadeira bolboreta italiana que sostén o afán de Hadrián por alcanzar a súa
meta, protexéndoo de todos os perigos que se presentan no seu camiño.
Aínda así, faltoume
algo de acción, un pequeno impulso que me librase da monotonía do día a día de
Hadrián e que compensase a brevidade de cada capítulo da aventura. Exceptuando
isto, Proxecto Bolboreta é unha
novela que, sen dúbida algunha, lembrarei durante moito tempo.
Tamén me gustaría
facer unha alusión aos pequenos fragmentos doutras historias que se ían
mesturando co relato, cousa que ao principio non lograba comprender pero que,
cunha profunda metemorfose, remataron tendo certa relación co relato principal,
dándolle así unha maior calidade.
Quero invitar ás
aventuras que o Proxecto Bolboreta
supón a todo aquel que dispoña dun anaquiño libre do seu tempo para estender as
ás e emprender unha marabillosa viaxe polo mundo da imaxinación.
Sen comentarios
Publicar un comentario