
"Penúltimas tendencias" de Carlos Negro é un libro de poesía moi enxeñoso.
É unha crítica visible da sociedade actual e dos esteoreotipos e presións ás
que estamos sometidas as mulleres. Que se a roupa que usamos, que se temos que
ter ese corpo, que se debemos facer tales cousas en cada idade... son
obxectivos que os medios de comunicación, a familia e o medio no que vivimos se
encarga de inculcarnos coma os valores correctos e obrigatorios que debemos ter
para ser aceptadas, converténdonos así en mulleres sen personalidade e
autoestima.
Carlos Negro denuncia esta situación e dános unha voz segura ás
adolescentes para que loitemos contra o patriarcado. Cunha voz para dicir non
ás imposicións sociais machistas, para dicir que non temos que ser princesiñas
nin vivir para namorarnos e conseguir un home, que non ten nada de malo
coñecernos a nós mesmas, que non somos de ninguén, que hai que ter carácter e
saber guiarnos polo que queremos e nos gusta.
O poema que máis me gustou foi "Tatuaxe", os seus versos tratan
de como non é necesario unirte con outra persoa para sempre. Hoxe en día parece
que o noso obxectivo persoal principal na vida é coñecer a alguén que sexa a
peza incondicional que nos completa, pois ben, somos seres individuais, non
necesitamos atarnos a alguén que supostamente sexa a nosa media laranxa porque
iso non existe.
Tamén me gustaron moito os poemas: "5 razóns polas que cortaría
contigo", "Fóra de control", "Programa de
centrifuado", "Chica out" e pola súa musicalidade "Fóra de
onda".
Finalmente recalcar que con este libro seguín descubrindo que a poesía pode
ser interesante, divertida, e, sobre todo, reivindicativa, así que a miña
noraboa para Carlos Negro e grazas por estes fermosos versos.
1 comentario:
foi un libro que me pareceu interesante,entretido e
recoméndoo.
Publicar un comentario