ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

08/05/14

O vixía no centeo

Comentario de Sonia Troitiño 

O vixía no centeo 
J. D. Salinger
Xerais





O vixía no centeo resultoume un libro moi singular. O que máis me impresionou foi a estraña relación que mantiñan o título do texto co argumento da historia. Cando, nun primeiro momento, me puxen a imaxinar que podería contar esta historia fixándome no seu título, véuseme á cabeza un relato completamente diferente do que despois atoparía. Nin tan sequera o libro trae ningún tipo de resume ou breve información sobre o contido no seu reverso, de maneira que non me esperaba para nada ese argumento do relato. Asemade, debo dicir que me resultou máis interesante a verdadeira historia do libro ca a que eu me inventara na miña cabeza. É unha historia na que hai amor, pelexas, reconciliacións e aventuras. Pareceume un libro realmente sorprendente no que nunca sabes que é o que pode ocorrer despois. Está cheo de pequenas hstorias ou anécdotas que relata un rapaz de dezasete anos non moi amante do estudo. É un rapaz que fai todo, ou case todo, sen pensalo primeiro, polo que moitas veces non sae moi ben parado pero, ao final, sabe remedialo. Ademais de contarnos todo o que lle sucede e todo o que pensa, fálanos de todas aquelas cousas que o deprimen. Cousas que a simple vista parecen non ter demasiada importancia.
A lectura deste libro resultoume realmente sinxela e dende o meu punto de vista, moi divertida. As innumerables historias que nos conta o protagonista son tan inverosímiles como divertidas. Penso que ese carácter surrealista que presentan é o que as fai tan entretidas. Algo que quizais non me gustou demasiado foi a tendencia por repetir certas palabras que aparecen continuamente no texto e saen sempre da boca do protagonista.
O que máis me custou foi entender completamente o que me estaba a dicir a historia nas primeiras páxinas. Quizais fose porque eu tiña outra idea na mente sobre o que me ía contar o texto pero o certo é que me custou mergullarme nela. Con todo, penso que é un gran libro cunha gran historia. Consegue manter o interese do lector en todo momento e sobre todo, se ese lector ten a mesma idade ca o protagonista, penso que é un bo libro para aprender. Móstranos a clara imaxe dun adolescente actual, ao mellor un pouco esaxerado en certos momentos, pero se hai algo que caracteriza a un adolescente é esa mentalidade de querer descubrir cousas por si mesmo. O protagonista vese capaz de facer todo só, ten grandes plans e cre que os pode levar a cabo sen a axuda de ninguén xa que pensa que todo sairá como o planeado. Obviamente equivócase e iso lévao a andar con máis coidado e pensar un pouco as cousas antes de facelas.
Para rematar, dicir que este libro é digno de ler e reler. Estou convencida de que a todo o mundo lle gustaría e se namoraría deste libro que te envolve de principio a fin e, en ocasións, consegue poñerte na pel do protagonista. Recoméndoo a todos os amantes da lectura sen excepción, aos que sen dúbida, lles gustará.

Sen comentarios