ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

04/05/14

O señor Ibrahim e as flores do Corán

Comentarios de Sonia Troitiño Loureiro


O señor Ibrahim e as flores do Corán
Éric-Emmanuel Schmitt
Faktoría K





O señor Ibrahim e as flores do Corán pareceume un libro realmente fermoso. Debo dicir que o título non contribuíu demasiado a que realmente me interesase polo inicio desta lectura, como tampouco o fixeron as súas primeiras páxinas. Asemade, cada vez que me ía adentrando máis nesta peculiar historia, ía disfrutando máis dela. 
Esta cóntanos as vivenzas dun neno que é abandoado pola súa nai ao nacer, despois sofre o suicidio do seu pai na adolescencia e finalmente o seu amigo, Ibrahim, o cal se converte posteriormente no seu pai para impedir que se quede só, acaba morrendo tamén. Aínda que unha vez lidos estes sucesos, o lector poida pensar que o neno se sentise abandoado, só ou sen ganas de seguir adiante, este libro móstranos unha visión completamente diferente. É a historia dun neno que quere ser maior, e compórtase como tal. Quizais isto é provocado pola falta de agarimo dos seus pais, el atópase desorientado e opta por compartir a visión do seu amigo Ibrahim. Un musulmán de carácter reflexivo e pausado, cunha visión da vida marcada pola experiencia dos anos. O protagonista aprende moito deste personaxe, que é o que realmente o coida e lle axuda para que nun futuro poida gozar dunha boa vida el só.

É un relato realmente duro e aínda que nun comezo pode parecer algo inverosímil, o certo é que historias coma estas ocorren máis veces das que nós pensamos. En ocasións, podemos sorprendernos da visión tan diferente que podemos ter de como realmente é a vida. Ademais, o feito de engadir o tema da prostitución, envolto nesta historia tan dramática, así como outros moitos, facían que o que estaba acontecendo se suavizase considerablemente e iso converte o libro en algo único.

Outros dos temas que aparecen neste libro son o amor e o multiculturalismo. O primeiro deles vese reflexado nos continuos intentos do protagonista por intentar atopalo nalgunha moza, a cal lle faga descubrir o verdadeiro sentido do amor, algo que nunca conseguirían as prostitutas que visitaba. O segundo tema móstrase nas multitudes de relixións que se citan no libro. Cristiáns e musulmáns viven en igualdade e faise unha referencia á confianza na especie humana.

Pareceume un libro especial e cunha visión completamente diferente da vida. Penso que é un libro do que se poden aprender grandes cousas, un libro que vale a pena ler. A pesar de que eu non son moi fan de que as historias acaben dramaticamente e con mortes de por medio, neste caso foi diferente. Déixase de ver a morte como algo macabro e cruel e convértese en algo natural da existencia humana que debe estar presente ao longo da vida das persoas e se debe aceptar e asimilar como algo que inevitablemente debe ocorrer.

Xa para rematar, dicir que este libro é digno de ler e reler e volver a ler se cabe. Recoméndoo a todos os lectores sen excepción xa que deseguro que agradará a todos.

Sen comentarios