ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

05/05/14

Febre

Comentario de Sonia Troitiño


Febre
Héctor Carré
Xerais




Febre pareceume un libro moi peculiar. Debo dicir que non me agradou demasiado pero atopei nel cousas realmente impresionantes. A historia sucede en tempos de guerra, onde o volframio era unha boa arma para poder gozar dunha boa vida. A protagonista é unha rapaza de dezasete anos que non lle teme a nada e móstranos o papel da muller dende un punto de vista completamente diferente. É unha rapaza loitadora que o único que pretende é facer xustiza. Négase a aceptar que as mulleres vivan nun mundo cheo de prexuízos onde a figura do home sempre se atopa nun lugar superior.

Este, para min, foi un tema que me encantou. É a primeira vez que leo un libro que describe a muller de tal maneira e que lle dá a importancia que realmente se merece e que en moitos casos lle é arrebatada. Asemade, aínda que a lectura do libro me pareceu sinxela, resultoume un tanto monónota en certas partes ou repetitiva noutras. Fíxoseme demasiado extenso en certos momentos aínda que si houbo outros que me resultaron moi atractivos e fixeron que me interesase máis por continuar a miña lectura. Aínda que o tema principal desta obra me encantou, penso que non se desenvolveu demasiado ben. Por outra parte, o subtema da historia amorosa que sofren dous dos protagonistas resultoume unha das partes máis fermosas. Encantoume o feito de que ela o rexeitara repetidas veces ata que ao final do libro lle resulta imposible conter as ganas de bicalo.
O que máis me sorprendeu, sen dúbida, foi o final. Esperábame un fin máis feliz, no que todas as angustias que sufriu a protagonista tivesen o seu remate definitivo e puidese gozar da vida que realmente se merece. Con isto, debo dicir que o final que emprega o autor tampouco que desgusta en gran medida.
Con todo, penso que é un libro verdadeiramente único, sobre todo para min que nunca lera nada semellante e que se debe destacar a enorme relevancia do seu impactante argumento. Un argumento que en ocasións pode resultar demasiado forte ou brusco pero que en realidade reflexa unha total verosimilitude que fai que aumente o interese da súa lectura.
Para rematar, dicir que a pesar de que esta obra non conseguise manter en todo momento a miña plena atención, si recoñezo que se lle debe recoñecer a enorme importancia que presenta, tanto polo seu argumento como pola maneira de desenvolvelo. Sen máis, quero recomendar este libro a todos aqueles amantes das historias en tempos de guerra ou amantes da lectura en xeral.

1 comentario:

alba camanzo feros dixo...

Este libro gustoume moitísimo, gustoume tanto os personaxes como a historia que levan a cabo. A protagonista pareceume unha rapaza moi valente, fixo cousas que eu non me atrevería facer, e o que chama a atención deste libro é que esta é moi intrépida.
Pensei que me ía gustar menos, pero acaboume enganchado dende o principio ata ao final, aínda que sinceramente cambiaría algunhas partes do libro, acaboume gustando.