Comentario de Sonia Troitiño Loureiro
Berlín
María Lado
Berlín é un libro de poemas de amor e é o nome do
protagonista da obra que vive nun amor imaxinado, creado. Hai un "eu
poético" que escribe para Berlín e desta forma establécese unha relación
entre o poeta e a cidade. Conta a historia dunha moza que, a falta de alguén que
a queira, decide inventarse un amante imaxinario. Este amor imaxinario é de
Compostela e no seu único encontro condúcea pola cidade que aparece
representada coma o escenario perfecto para vivir unha historia de amor. Todos e
cada un dos poemas están relacionados entre si, e xuntos forman unha fermosa
historia. Este foi un libro que, a verdade, me gustou moito. Non tiven moitas
oportunidades de ler libros de poemas que parezan ser un só que relata unha
historia, pero foi unha boa experiencia. Nel, María Lado fai unha viaxe pola
cidade de Santiago dunha maneira diferente, dálle un novo significado e cárgaa
de novos símbolos, distintos aos que poderiamos atopar en calquera guía. É un
gran poema cargado de sensibilidade e tenrura que consegue emocionar ao
lector. Presenta expresións que, ao meu parecer, son impresionantes. De entre
elas, quero destacar unha:
ás veces
para non sentirse triste, meu pequeno
hai que crer que as follas das camelias
bican os vidros dos autobuses.
e que despois das vías e do tren
sempre nos agardamos nós.
Nalgúns casos foime algo complexa a súa
comprensión, pero na maioría das veces, presentábase de forma sinxela e
entretida. Algo que me chamou a atención foi o feito de que autora se decidira
por escribir o título deste libro,"berlín", con letras minúsculas, que é algo que a converte en única e especial. Como así o fai o feito de engadir, ao
remate do libro, unha serie de agradecementos que ela recolle co título de
"agradecida". Ademais, encántanme as continuas referencias que fai ao
mar que fai que me sinta máis identificada co poema. De cada un dos seus
versos podes aprender algo novo e en ocasións coñecela un chisquiño máis.
Para
rematar, recomendo este libro a todos aqueles amantes da poesía que desexan
pasar un bo tempo da man dun libro.
Sen comentarios
Publicar un comentario