ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

27/05/14

A neta do Señor Linh

Comentario de Sonia Framiñán


A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte








   Este libro pareceume un deses libros que che encantan e te cautivan, pero non sabes dicir exactamente cal é a razón, ou si que a sabes, pero non es capaz de describila. 
   Dicir que o libro me seduciu é que a historia que relata, dous señores maiores que sen falar a mesma lingua nin coñecerse de nada, enlázanse nunha amizade cada día maior e comparten a súa soidade coa neta recén nada do señor Linh, resultoume moi fermosa e nela móstrase un canto á esperanza a través da amizade, a realidade crúa que se  fai cada vez máis levadeira.
   A historia "enganchábame" un pouco máis a cada momento e só podo decir que me engaiolou. Sen dúbida recoméndolla a todo bo lector ou a toda persoa disposta a disfrutar dun bo libro!

26/05/14

Os saltimbanquis no paraíso

Comentario de Isidro Gil Pallares


Os saltimbanquis no paraíso
Xelís de Toro
Sotelo Blanco



Esta novela que comeza en Londres e remata en Galicia xogará coas túas ideas e farate levalas por camiños que brusca e repentinamente cambiarán de dirección.

Vicente, o personaxe principal desta novela, experimenta  un “asasinato”, vive habitualmente de ocupa, é substituído no que antes fora a súa vida, rouba, foxe, coida, sofre e experimenta o amor.

Cando te poñas a lela non te imaxines demasiado o que sucederá, xa que se non, pensarás que o autor se está a rir de ti. Isto é debido á gran cantidade de saltos no tempo, no espazo (dun lugar para outro, de vez en cando aparentemente sen moito sentido) e na maneira de pensar das personaxes xa que segundo vai transcorrendo a historia cambian a súa maneira de veren a historia. Sobre todo Vicente, que contra o final comeza a sufrir unha especie de metamorfose.

Anímote a que te unas a esta compañía de títeres e malabaristas e que emprendas unha gran aventura, que é tal que cruzarás varias veces o océano cruzando continente. Quedándote ao final, como non, na tranquila, acolledora e fermosa Galicia (como os propios personaxes a describen).

Made in Galiza

Comentario de Francisco Miguel Casas Pico


Made in Galiza
Séchu Sende
Galaxia
  
 
Séchu Sende,  o escritor  deste conxunto de relatos, busca librarnos deses prexuízos que por desgraza ten a sociedade sobre a lingua do noso país. Facendo unha valoración xeral do libro diría que me cativa o obxectivo  e que a maioría dos relatos son de gran calidade. Parece que este curso estamos abocados a ler libros que se  integran por unha gran variedade de historias xa que  estes están superando con creces a esas novelas uniformes que a min máis me gustan. Referíndome aos relatos deste libro direi que me pareceu positivo que as historias fosen breves aínda que nelas conséguese cativar completamente ao lector, as historias que máis me gustaron foron Na Oficina De Obxectos  Perdidos  e Madrith  que fan unha boa defensa da lingua e ademais son divertidos. Tamén é certo que houbo algunha coma Curtametraxe  que non me chamou tanto. Felicitar ao autor porque en xeral paréceme un gran libro.

25/05/14

Makinaria


Comentario de Mariña Castro


Makinaria
Carlos Negro
Xerais



Esta obra cun certo aire de rap e ritmo trepidante lévanos a cen por hora de paseo pola realidade. 
Cando te somerxes nel respiras a euforia, o perigo, un futuro tintado das cores das flores dunha tumba doutro rapaz máis  derrotado polo motor.
Un drama de sangue e chatarra que nos fai testemuñas do desexo de sentir a velocidade, da anguria duns pais que senten que esta vez o rapaz se pasou de veloz, vendo esvaecerse a un fillo que perderan xa hai moito tempo, corrompido de adrenalina. Ese mozo que vivía inseguro, que facía da excitación unha relixión, medicina para a mente, que non contaba con ninguén, incomprendido, quería escapar, fuxir, ir raudo para estar a salvo, para non ter que pensar no futuro... 
E finalmente conseguiuno.

Se contas cun pouquiño de empatía, estes poemas encolleranche o corazón, (pois ninguén está a salvo de perecer na xungla de asfalto) e non só percibirás a actitude veloz e suicida. 
Percibín como motor desta obra a un rapaz desesperado con carrocería de macarra.  Escondéndose baixo as tatuaxes, baixo un teito para cubrir as carencias, baixo unha actitude nociva. Tal vez se todo fora máis de vagar... Se a rutina non devorara... Se medrar non fose tan duro e as malas compañías tan atraentes... 

Atrévete a probar este libro de incrible potencia .

Pois si


O corazón de Xúpiter

Comentario de Issiris Ramírez
O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais


Este libro encantoume porque é un deses libros que despois de lelos déixate unha sensación   de que nunca conseguirás outro libro coma ese porque é único. 
O libro trata dunha rapaza á que lle gusta a astronomía e eu adoro a astronomía e todas as ciencias, paréceme que é un libro moi interesante, xa que non só conta a historia de Isla senón que pódese aprender de moitas historias da astronomía.
A Historia trata dunha rapaza que se chama Isla,  un día os seus pais múdanse de casa e ela séntese mal por perder aos seus amigos e ter que empezar de novo unha vida. No colexio, un rapaz, Marcos Carballo, lle acosa porque pensa que a súa ex-noiva está namorada de Isla.
Este libro ensina o gran valor de ser forte e de perdoar e que ás veces debemos de ser un pouco listos e escoitar ás persoas que nos queren porque sempre van querer o mellor para nós.
Isla coñece un tipo na internet que se fai chamar Xúpiter, ela namora del e cóntalle o que pasa a Mar...

24/05/14

Cartas de inverno

Comentario de Rosalía García


Cartas de Inverno
Agustín Fernández Paz
Xerais

Sempre que escollo un libro fíxome na portada, e nesta ocasión non tiña moi boa pinta e polo tanto esperei a que algún amigo o lese  e me contase se estaba ou non interesante. E así foi, as aparencias enganan e este libro encantoume a pesar de que a súa portada non fose para o meu gusto de bo agrado. Gustoume sobre todo porque deixaba en ocasións o tema como en “suspense” , como ocorre no final do libro e tamén en ocasións daba algunha sopresa. 
Este libro fala de distintos personaxes como Adrián, Xavier e Teresa, aínda que tamén fala do antigo amor de Adrián, do propietario do bar Stuttgart, chamado Bieito e do inspector.
Se teño que recomendar este libro fariáo a persoas que sobre todo  gustasen dos misterios.

O diario vermello de Carlota

Comentario de Laura Presas Mato


Diario vermello de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia







O libro trata de Carlota, unha rapaza adolescente que ten moitas dúbidas sobre a sexualidade, como toda a xente que se atopa nesta idade. Un día na clase de titoría comezaron a tratar este tema e a Carlota chamoulle tanto o interese que decidiu mercar un diario no que ía ir escribindo toda a información que fose obtendo sobre a sexualidade. Escribiría sobre a súa primeira relación sexual, sobre o que che proporciona isto, sobre os anticonceptivos... Sería como un libro de experiencias para recordar.
 A verdade, é un libro que me gustou moito, pareceme interesante iso de escribir un diario no que contes as túas experiencias sexuais, pero tes que ter coidado de que ninguén cho lea, hai que gardalo ben. Eu non me atrevería a escribir un diario así, para empezar porque non son unha persoa que lle guste andar escribindo diarios pero tamén por se alguén cho atopa e descubre todas as túas cousas. Aínda así paréceme moi boa a idea de escribilo, e Carlota fixo moi ben para así ter un pequeno recordo da súa adolescencia.