ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

04/06/14

Proxecto pomba dourada

Comentario de Iván Montoto Trabazo



Proxecto pomba dourada
Miguel Vázquez Freire
Xerais








O libro gustoume por varias razóns.
Dende a primeira páxina xa quedei enganchado coa intriga e a verdade é que non daba parado de ler pois desexaba saber o seguinte que ía ocorrer.
Ademais o autor procurou non andarse con moitos rodeos con descricións o suficientemente detalladas para pórse na pel dos personaxes, pero sen perder demasiado tempo nos detalles menos transcendentais, polo que a lectura é mais doada e rápida.
Nesta ocasión non podo concretar que parte me gustou máis ou menos do libro porque me gustou todo en xeral.
Aínda que a historia non comeza ben, debido ao asasinato dos pais do protagonista, segundo van pasando os acontecementos, imos vendo como o mesmo pasa de ser un rapaz sen preocupacións a alguén totalmente maduro que aprende a importancia da amizade sen condicións.
Póñome un 8 sobre 10 porque non é un libro sobresaliente.

03/06/14

A praia dos afogados

Comentario de Diego Cangas


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia





É a primeira novela negra que leo e estou impaciente para volver a facelo. Non me queda dúbida de que este tipo de literatura me intriga moito, e me convence sempre de ler algunha páxina máis para seguir avanzando na historia. Polo que puiden ver na rede, o autor deste libro emigrou a Madrid, e penso que plasma nesta obra a morriña que ten da súa terra natal, concretamente das costas galegas. Tamén me sorprende a facilidade coa que se expresa o escritor, e o ben que narra esta historia liña a liña. Domingo Villar fará que te mergulles nunha apaixonante aventura onde todo comeza co suicidio dun home na praia, ata que máis tarde todo parece indicar que é un asasinato. O policía Leo Caldas deberá resolver o gran misterio de quen o asasinou e por que.

02/06/14

Morgún


Comentario de Julián Gómez Villamayor


Morgún        
Suso de Toro
Xerais





É un libro baseado en feitizos, deuses, maxia, sangue e destinos. O rei Brath é asasinado polo seu fillo Corrub para facerse co trono. O rei reencárnase en bebé enxendrado no ventre da súa muller. Será atopado no mar por un guerreiro e os seus fillos, que o criaron coma se fose outro irmán. Reencarnouse para vingar a súa morte, despois de moitas batallas ganadas e conquistar castros, chegou onda o seu fillo para retamar a súa vinganza e así foi.
Os feitos deste libro remóntanse varios séculos atrás, onde os guerreiros loitaban e deixábanse guiar polos feitizos e a maxia.
Resultoume difícil de ler polas expresións antigas que utiliza e un vocabulario complexo. Aínda así gustoume, porque é un libro distinto aos que estou acostumado a ler.

01/06/14

Made in Galiza

Comentario de Aida Vilariño


Made in Galiza
Séchu Sende
Galaxia



"Eu nunca serei yo"
O libro "Made in Galiza", é un conxunto de relatos que tratan cada un de cousas totalmente distintas pero que á súa vez teñen algo en común; todos eles están relacionados coa situación lingüística do galego hoxe en día. O autor pretende que nos deamos conta da situación do galego e de que hai que mellorala.
Algúns dos relatos que máis me chamaron a atención foron:
"FALAR": Nel fala de Clara que é unha rapaza dun ano e sabe que dentro de pouco terá que comezar a falar. Pero ten un grave problema,non sabe en qué idioma facelo porque na súa casa escoita dous. A súa familia entre eles falan galego, pero con ela castelán.

"Unha palabra común" ou "Eu fixen ouigha co espírito de Castelao" 
tamén me chamaron a atención sobre todo por estas últimas palabras que nos deixaba o segundo relato:
-Castelao: ¿F-A-L-A-D-E-S-G-A-L-E-G-O?
-Rapaz: Ay, yo aún no lo hablo,Castelao, pero, mira, te juro que empiezo mañana mismito.

En xeral o libro gustoume, sobre todo o uso da retranca na maioría dos seus relatos. Expresa con exactitude o dano que está a sufrir o galego, cada vez máis o galego vaise perdendo e moitos rapaces comezan a falar en castelán porque así llo inculcaron seus pais; outros en cambio cambian de idioma para aparentar, para ser "guais" e iso é algo que debería cambiar.

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Nicolás Rivera

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco



Esta é unha historia que te atrapa dende o primeiro momento, aínda que é bastante longa faise moi entretida ao ir mesturando as vidas dos distintos protagonistas. Fernando Cimadevila consegue manter o interese do lector creando mundos misteriosos e lonxanos e personaxes carismáticos aínda que demasiado bos. Eu incluiría unha figura malvada xa que neste libro nin sequera os malos son malos.
O final aberto deíxate coas gañas de saber que pasará no futuro.