ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

01/05/17

Denébola a Roxa

Comentario de Noa Villar Gallego

 Denébola a Roxa
 Héctor Cajaraville

 Baía




Denébola, unha rapaza con moitas ansias de coñecer mundo e vivir aventuras, vese obrigada a ingresar nun convento de clausura.  Ela non está disposta a pasar toda a vida entre esas catro paredes e, marcada pola superstición que se lle asocia á súa cabeleira roxa, decide loitar por un futuro moito máis interesante ca o que o seu pai tiña escollido para ela.
Ambientada no século XVII, amósanos as dificultades e os retos aos cales a nosa protagonista se tivo que enfrontar. Unha muller intelixente, áxil, brava e curiosa, sen ningún tipo de prexuízo e que sabe que para lograr o que queres, tes que loitar para conseguilo. Denébola ensínanos que os coñecementos e o saber nunca están de máis,  que nunca te tes que deixar levar polo que os demais digan e que debes aproveitar todas as oportunidades que teñas de cambiar algo que non é do teu agrado.
Unha novela cuns personaxes únicos, unha trama moi interesante e unha escrita  bastante sinxela. O que máis me gustou, sen dúbida ningunha, foron os personaxes; o feito de que todos sexan tan distintos, e que as súas personalidades se poidan apreciar segundo o xeito no que falan ou os actos que realizan. Penso que unha das cousas máis complicadas nunha novela é lograr que a forma de expresarse dos personaxes vaia acorde coa súa personalidade, e iso é algo que o autor logra facer neste libro.
Recoméndolle esta a lectura a calquera que queira pasar un anaco tranquilo, lendo, e sen pensar moito. É un bo libro, pero quizais demasiado sinxelo para o meu gusto. É perfecto para ler en momentos nos que non queiras mergullarte nunha lectura moi complicada e que supoña moito esforzo.

Sen comentarios