ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

09/05/17

4 xinetes

Comentario de Noa Villar Gallego

Anxo Fariña
4 xinetes
Xerais
 

Cando tiven esta novela por primeira vez entre as miñas mans, unhas tremendas ganas de comezar esta nova lectura xurdiron en min, pero unha vez que xa a rematei, quédome cunha sensación un tanto agridoce. A novela cóntanos a historia de catro rapaces que se convirten de xeito inesperado nos xinetes da Apocalipse, cada un deles desenvolverá un novo poder que traerá a desgraza ao mundo, queiran facelo ou non.
Anxo Fariña plantéxanos como sería unha Apocalipse no século XXI, nun mundo no que as redes socias teñen o poder de unir a xente de todo o mundo para loitar polos seus dereitos. O autor céntrase en cada un dos personaxes dun xeito moi minucioso, tanto que pode chegar a parecer lento. Os personaxes nun principio non teñen nada que ver uns cos outros e ata mais alá da metade do libro segue sendo así, isto fai que eu non saiba moi ben que pensar en canto ao desenvolvemento da historia. 

Na miña opinión, a idea principal do libro é moi boa, pero non se aproveitou todo o que se podería. O libro comeza moi ben, pero a medida que a historia vai transcorrendo, vai perdendo fol. Todo comeza co que semella unha novela para adolescentes e adultos: escura, orixinal, inquietante e inesperada; pero que despois acaba sendo unha novela moi confusa, cun final moi precipitado para o meu gusto, e que deixa demasiadas incógnitas por resolver. 

Non entendo o motivo, pero non me dou aclarado con este libro, non me parece que sexa ningunha xoia pero, en cambio, mentres a estaba a ler, sentía a necesidade de rematalo e saber que sucedía. Para min é unha novela que ten moitas cousas a favor, pero tamén moitas en contra. Ao longo da historia plantéxansenos varios dilemas morais que fan que te poñas na situación dos protagonista e que reflexiones sobre que farías ti se foras un dos catro xinetes, tamén se fai unha crítica sobre o uso excesivo das redes sociais e de como inflúen estas na nosa visión do mundo; por outro lado, penso que a historia de amor que se dá entre Noa e Adán é un pouco forzada e innecesaria. Teríame gustado máis que o autor se centrara máis na Apocalipse e un pouco menos nas tramas secundarias.

Algo que si que me gustou da novela é o feito de que os protagonistas non foran os heroes destinados a salvar o mundo, senón que foran os destinados a destruílo. Para rematar, direi que esta novela produciu en min moita confusión e non sei se debería recomendala ou non, polo tanto, déixovos escoller a vós.


Sen comentarios