ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

31/10/16

Normal, diferente

Comentario de Noa Villar Gallego




Normal, diferente
Kristina Dunker



Dei con este libro por pura casualidade; no medio dunha longa lista de títulos, autores e editoriais, os meus ollos repararon en dúas palabras que chamaron a miña atención: “Normal, diferente”. Pode parecer un título sinxelo ou pouco pensado para un libro, pero algo tiña que me fixo buscar a ficha do libro en Internet. Despois de descubrir un pouco de que ía, decidinme a lelo, e que ben fixen!
Normal, diferente cóntanos unha historia de amor que sae do común, unha historia nada convencional que te encadea ao libro e que non te deixa ata que o rematas. Vera (máis coñecida como Speedy) está namorada de Jan, un rapaz un tanto diferente. Ela faríao todo por chamar a atención do seu amor, pero non é tan doado. Cando unha noite quedan os dous para ir a un concerto, Vera fai un descubrimento que a perturba e lle dá que pensar.
Nesta novela trátanse temas moi interesantes como o rexeitamento social cara á homosexualidade, a comprensión cara a unha persoa que che revela algo do que non se sente moi cómodo falando ou incluso o amor que reside dentro dunha gran amizade. Non pode haber mellor título para a obra, e soamente caes niso unha vez que a les. As palabras “normal” e “diferente” reflicten o xeito no que a sociedade actual ve a un heterosexual fronte a un homosexual e tamén o xeito no que Vera vía a Jan: coma unha persoa normal mentres que os seus compañeiros o vían coma se fora diferente a eles.
Foi unha lectura moi interesante, xa que hoxe por hoxe, costa atopar unha novela que trate o tema do amor dun xeito que non sexa: mozo namórase de moza. Unha obra que fai pensar, que trata un tema fóra do común noutras novelas, que está ben escrita e que ten un bo final. Que máis se lle pode pedir?
 
                                                                                                     
                                                                                                                          

Sen comentarios