ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

28/05/16

O achado do castro

Comentario de David González Sampayo


O achado do castro
Manuel Núñez Singala
Galaxia
  


Nunca lera un libro de Manuel Núñez Singala ata agora. Este libro recomendoumo unha compañeira da miña clase e, a verdade, estivo moi acertada na súa decisión. Nesta obra teatral abondan o humor e a ironía. O seu autor mestura feitos galegos con outros do Imperio Romano. Este libro é moi sinxelo de ler e comprender, tanto pola súa brevidade, coma polo seu léxico, ás veces, coloquial. Facía tempo que non me ría tanto lendo un libro, xa que durante todo o trimestre pasado limos novela negra, na que o tema principal eran os asasinatos. Para min, sen dúbida, os momentos máis cómicos desta obra teatral foron as continuas pelexas e discusións entre os personaxes protagonistas, Caleno e Caluto.
Nesta historia cóntase como Caluto e Caleno pensan un plan para roubarlle a medalla ao emperador romano e así aspirar un deles ao trono do Imperio Romano. Caluto decidira que Caleno se disfrazaría de Citrón, o cal era o sabio do emperador, e así roubaríanlle a medalla ao emperador. Xa preto do lugar onde se atopaba o emperador, viron que Citrón se ía, entón Caleno, disfrazado de Citrón, entrou onde estaba o emperador. Mentres isto sucedía no monte os soldados do emperador pillaran a Carmiñae, a filla do emperador, co seu noivo secreto, Manolitus. Os soldados chegaron a onde estaba o emperador e este pediulle ao seu sabio que lle dixera o que debía facer coa súa filla e o seu noivo secreto. Entón Caleno díxolle que os debía encerrar nunha celda. Nun momento no que o emperador marchara, Catulo, o cal estaba debaixo dunha mesa, entrou en escena e comezou a falar con Caleno, pero escoitounos un escravo, ao cal subornaron. O tempo pasaba e Catulo e Caleno seguían sen conseguir a ansiada medalla do emperador, e o peor era que xa non se lles ocorrían máis plans, entón como sabían que non ían conseguir a medalla, decidiron roubar os demais obxectos de valor que había alí. A nai de Manolitus, Arprexia, chegou onda o emperador e esixiulle que liberara ao seu fillo. Finalmente o emperador e Arprexia acabaron namorándose e consentindo o amor dos seus respectivos fillos; e decidiron celebrar o mesmo día as dúas vodas.
O final da historia é moi sorprendente e cómico, xa que cando Arprexia e o emperador deciden que se van casar chegan a unha zona do palacio e ven a Catulo e a Caleno roubando, e o emperador dilles: "Vós, ladróns, noutra ocasión iriades ser comestos polos crocodilos, pero hoxe todo debe ser felicidade e quedades perdoados". Como ben dixen anteriormente, o final, aparte de cómico é moi sorprendente, xa que dous personaxes antagónicos como son o emperador e Arprexia, se acaban namorando.
Un feito que me gustou moito é que os personaxes e as ambientacións están moi ben descritos e explicados por un narrador ao comezo de cada un dos dous actos que conforman esta gran obra de teatro.

Sen comentarios